Ribadeo, 21 de setembro de 2022. A última xunta de goberno local concedeu licenza para a posta en marcha dunha explotación de kiwis na parroquia de Ove, que ocupará unha superficie de 20 hectáreas. E tamén foi autorizado o acondicionamento dunha edificación en Vilaframil para crear un centro social a través de 2 vivendas comunitaria para 18 persoas. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou a seguridade xurídica que o PXOM ofrece a quen quere instalarse en Ribadeo, producir en Ribadeo ou vivir en Ribadeo.
O rexedor comentou: “énchenos de orgullo ver que o noso Ribadeo sigue indo polo bo camiño día a día. Nesta xunta de goberno que celebramos onte, demos as correspondentes autorizacións municipais para unha serie de actuacións moi importantes para o noso concello que se veñen sumar a toda esta restra de iniciativas económicas, empresariais, turísticas, agrícolas e residencias que estamos a ver nos últimos tempos”.
Suárez Barcia explicou que “concretamente, e a modo de resume, porque nunha xunta de goberno hai moitas máis autorizacións de carácter menor, pois demos as licencias para unha explotación de kiwis na parroquia de Ove. Esta importantísima actuación levarase a cabo nuns terreos que superan as 20 hectáreas e cunha inversión moi notable que supera con moito o millón de euros de orzamento antes de impostos. Na tramitación deste expediente contou con todas as autorizacións sectoriais previas. Esta iniciativa, que sen dúbida xerará activade económica continuada, postos de traballo e ademais, poñerá en valor o sector primario para diversificar a economía local e que tamén poida contribuír a fortalecer este sector no noso territorio e especialmente, no momento histórico en que estamos”.
O alcalde contou que “noutra orde de cousas, tamén demos autorización para unha clínica de podoloxía e un negocio de reparación de calzado, ambos os dous na rúa Ramón González así como para a construción dunha nova vivenda unifamiliar na rúa de San Lázaro. E tamén a xunta de goberno local autorizou, logo de contar cos permisos sectoriais previos da Xunta de Galicia, o acondicionamento de edificación para a creación dun centro social a través de dúas vivendas comunitarias para un total de 18 prazas”.
Fernando Suárez engadiu que “a lección que aprendemos de todo isto que vimos informando nestes últimos tempos é debido a importancia do traballo feito nestes anos anteriores para ter os instrumentos de planeamento urbanísticos aprobados, modernos e adaptados ás leis vixentes. Así que Ribadeo conta cun Plan Xeral de Ordenación Municipal e cun específico para o casco vello que contribúen cada día a dar seguridade xurídica e ofrecer posibilidades para instalarse en Ribadeo, producir en Ribadeo ou vivir en Ribadeo, que é do que se trata”.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.



