Esperanza González sinala ademais que segundo a información do Concello “a obra vai ter un sobrecuste de 120.000 euros, polo tanto o custe total deste proxecto rondará os 300.000 euros”
Mondoñedo, 4 de outubro, 2022. O Grupo Socialista de Mondoñedo interpelou, na pasada sesión plenaria do mes de setembro, ao Goberno do PP para coñecer en que proceso se atopa o proxecto e as obras da praza da Catedral de Mondoñedo, despois das última xuntanza celebrada en Madrid coa arquitecta contratada polo Concello para realizar este proxecto.
Nesta sesión plenaria informouse que o Concello renunciou a subvención concedida polo Ministerio de Fomento relativas ao 1,5% cultural, e que supoñían unha achega económica para as arcas municipais de arredor de 180.000 euros. Unha obra que comezou en decembro do 2021 e nas que se inclúen 6 modificacións de proxecto, e a día de hoxe seguen se rematar. Dende o Concello tamén sinalaron que agora esta obra vai ter un sobrecuste de 120.000 euros, é dicir que o custe total do proxecto rondará os 300.000 euros.
A Voceira socialista, Esperanza González sinalou “que este proxecto naceu con mal pé e sen consenso, e polo que comprobamos diariamente vai ser a obra coa que o PP pasará á historia, sobre todo polo tempo que esta empregando para executala, xa parece unha obra de romanos. Ademais estamos falando da Praza máis importante do Concello, non é de recibo que este lugar emblemático da nosa cidade sexa a carta de presentación para os nosos veciños e turistas. Cada día recibimos queixas da veciñanza do lamentable estado no que se atopa este entorno”, replicou.
González criticou tamén que este é o segundo proxecto do PP de Mondoñedo no que é capaz de executar coa subvención que tiña concedida. Hai que lembrar que tampouco puido xustificar os preto de 100.000 euros das obras do ximnasio municipal, que actualmente segue sen rematar, sen funcionar e sen data apertura.
Rogos
Na sesión plenaria o Grupo Socialista demandou “que se instale un cambiador para bebés, nunha dependencia municipal, ben sexa o centro comercial, concello ou noutro sitio que considere convinte”. Ademais tamén demandamos que se nos entreguen as actas das xuntas de Goberno “xa que non recibimos a documentación de concello dende o mes de abril”.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



