Ribadeo, 8 de novembro de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, acudiu hoxe á celebración do centenario da Escola Pedro Murias, a pesares de non ter sido convidado. Barcia lamentou o acontecido e avogou pola reactivación do Padroado da Fundación deste centro, do que o rexedor é membro nato e vicepresidente.
O rexedor dixo que “vimos nos medios de comunicación que hoxe a Xunta de Galicia celebraba o Centenario da Escola Pedro Murias. Unha data significativa e emotiva dunha actuación tan senlleira de alguén que tendo que emigrar moi novo, acabou triunfando na súa vida alén do mar, pero sen esquecerse do lugar onde o viu nacer, e acabou destinando de xeito altruísta fondos para a principios do século XX ordenar a creación dun Centro tan avanzado para a formación e instrución da cidadanía daquela época”.
Suárez Barcia declarou: “sorprendeunos moitísimo que non se convidara a ninguén do Concello de Ribadeo a este acto. Sobre todo, porque o Alcalde de Ribadeo é membro nato e vicepresidente do Padroado da Fundación Escola Agrícola de Vilaframil (declarada de interese galego o 24 de xuño de 1987 pola Xunta de Galicia por Decreto 170/87,DOG 27/07/1987). Con todo,desprazámonos até alí para aclarar por se houbese un malentendido ou se simplemente fora unha falta de lealdade, unha máis, ás que xa estamos afeitos por parte do goberno galego co Concello de Ribadeo”.
O alcalde contou que “alí puidemos departir amigablemente co Director Xeral de Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), onde lle explicamos de primeira man o que significa para Ribadeo a Escola Pedro Murias, e sobre todo as peticións formalmente reiteradas nos últimos anos para que a Xunta de Galicia proceda sen mais dilación a renovar o convenio asinado no ano 1991 entre o daquela Conselleiro de Agricultura e o daquela Alcalde de Ribadeo. Este convenio contemplaba a cesión por 25 anos prorrogable por outros 25 das instalacións do complexo de Pedro Murias. Este prazo expirou en marzo de 2016, e a pesar de telo advertido formalmente en varias ocasións, nunca mais se convocou unha xuntanza do Padroado”.
Suárez Barcia subliñou que “desde o Concello Ribadeo loitamos e traballamos para que estas instalacións teñan un uso e un aproveitamento moi superior ao escaso que se leva facendo nestes últimos tempos. O paso do tempo vai vendo esmorecer todo isto e aínda que agora hai un Ciclo Medio Formativo, e algunhas pequenas actuacións, queda moi lonxe do que se pode facer e do servizo que pode prestar á cidadanía. Así llelo temos manifestado aos últimos conselleiros de Medio Rural:
-Establecemento de formación continuada ao longo do ano, consensuada co sector e dirixida a promover a profesionalidade e renovación das competencias do mesmo.
-Establecemento dun convenio de colaboración co Concello para a cesión da utilización das instalacións e/ou equipamentos que permita facer usos das mesmas para o desenvolvemento de formación, sensibilización, cesión de espazos á xente do agro, ou aquelas outras que permita o espazo.
-Fixación de prezos públicos por alugueres dos diferentes espazos e equipamentos para diferentes usos: reunións, formación continua (AFD) e outros, así como pola prestación dos servizos de residencia e comedor.
-Creación e aluguer de equipamentos agrícolas para o uso comunitario, como ben pode ser unha infraestrutura colectiva de transformación que facilite as esixencias sanitarias ás persoas produtoras contando cun único rexistro sanitario. Neste senso entendemos que existe viabilidade técnica dun obradoiro de horta e lácteos de uso colectivo.
-Recuperación da formación académica do ciclo de formación agroecolóxico e homologación das instalacións para impartir formación para obtención dos Certificados de Profesionalidade.
-Conversión do CFEA Pedro Murias nun espazo real de transferencia da innovación e coñecemento a través de por exemplo da incorporación ao centro de razas de vacún de fácil manexo que faciliten a xestión diaria as persoas gandeiras, como pode ser raza Jersey así como a introdución de cultivos agrícolas como os cereais moi vinculados ás IXP galegas.
-Apoio á distribución e comercialización dos produtos da comarca.
-Investigación e transmisión dos coñecementos á comunidade.
-Recuperación e fomento de produtos asociados ao territorio.
-Revitalización e difusión do importantísimo caudal cultural que atesoura ese centro (libros, historia, elementos museísticos das innovacións agrarias dos séculos XIX e XX”.
O alcalde engadiu: “confiamos que despois do encontro forzado de hoxe, e atendendo ás boas palabras recibidas deste Director Xeral de AGACAL, e logo de que o preto dun cento de persoas presenciaran esta peculiar situación pouco edificante, o goberno de todos os galegos e galegas, a través do Conselleiro de Medio Rural, fixe sen máis dilación data para unha xuntanza do Padroado da Fundación Pedro Murias para renovar a prórroga de cesión e se poidan acordar actuacións a desenvolver así como comezar unha relación de apoio mutuo que redunde nun impulso do sector primario no noso territorio”.




















A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



