Instáurase unha mención honorífica a medios de comunicación que se distinguen na sensibilización contra a violencia de xénero e a igualdade e que recae este ano na xornalista ourensá Cristina Huete
A Coruña, 12 de novembro de 2022.- A Delegación do Goberno en Galicia concede os recoñecementos Meninas 2022 aos equipos Viogen de Galicia da Garda Civil, á Marcha Mundial das Mulleres, á Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller-ASOCIM, ao equipo feminino do Burela Fútbol Sala e ao Comando Igualdade do IES Alexandre Bóveda de Vigo. O xurado destes recoñecementos, presidido polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, vén de fallar a quinta edición destes recoñecementos en Galicia con motivo da próxima celebración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Tras coñecerse este fallo, o delegado do Goberno, José Miñones, trasladou as súas felicitacións ás responsables das entidades galardonadas e subliñou delas que “son o mellor exemplo de como a sociedade galega alza a súa voz contra a lacra da violencia machista e as desigualdades”, lembrando que esta tarefa esixe do compromiso e da unión de tódalas forzas e ámbitos da sociedade. José Miñones anunciou que as Meninas entregaranse nun acto institucional que se celebrará o vindeiro 21 de novembro no Hostal dos Reis Católicos en Santiago.
Os recoñecementos Meninas foron instituídos polo Goberno de España co obxecto de poñer en valor a persoas e institucións que incorporaran estratexias, iniciativas ou proxectos para combater a violencia sobre as mulleres e promover a igualdade. En Galicia este ano o recoñecemento alcanza a cinco entidades e institucións e engádese unha mención honorífica, que recae nesta ocasión na xornalista ourensá Cristina Huete Vales.
Fallo do xurado
Xunto co delegado do Goberno, José Miñones, o xurado completouse coas persoas titulares das subdelegacións provinciais: María Rivas, Isabel Rodríguez, Emilio González e Maica Larriba. Contou coas propostas da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación e as súas unidades provinciais de coordinación. Nas súas deliberacións recibiron tamén aportacións da sociedade galega e achegas de candidaturas, que concluíron nun fallo final. Nel recóllense as motivacións de cada un dos recoñecementos:
O recoñecemento Meninas aos equipos Viogen de Galicia da Garda Civil achéganos o traballo destas unidades, creadas en 2022 como impulso da resposta da Garda Civil fronte á violencia de xénero. Estes equipos supuxeron un cambio substancial na forma de actuación da Garda Civil para avanzar a unha resposta integral no ámbito da loita contra a violencia de xénero.
A Asociación de Profesionais dos CIM de Galicia-ASOCIM representa a unha cincuentena de centros de información á muller de Galicia e loita contra a discriminación e pola promoción activa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes como garantía dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais. A Asociación tamén realiza unha labor de reivindicación e defensa dos centros e do seu persoal, de forma que contribúe á que a cidadanía coñeza o seu traballo e aumente a súa sensibilidade cara as cuestións de igualdade e de prevención da violencia machista.
No caso do Burela Fútbol Sala Feminino, o xurado recoñece o paso adiante que supuxo a sinatura, en 2018 e no seo desta entidade, do primeiro convenio colectivo para mulleres deportistas, con cláusulas específicas de conciliación e promoción profesional . Unha decisión histórica que tomou en solitario o club lucense e que constitúe un exemplo de como aplicar de forma efectiva a igualdade entre homes e mulleres no deporte. Nestes anos, o equipo feminino realiza accións de sensibilización e concienciación contra a violencia sobre a muller, dedicando partidos á loita pola igualdade efectiva de mulleres e homes e enviando mensaxes de sensibilización contra esta lacra.
O recoñecemento Meninas á Marcha Mundial das Mulleres premia o traballo desenvolvido por este colectivo feminista que reúnes, desde o 2000, a grupos de mulleres que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Leva a cabo accións para a eliminación da violencia de xénero que teñen un gran impacto na sensibilización, visibilización, concienciación e eliminación da violencia contra as mulleres.
Por último, o xurado recoñece ao Comando Igualdade do IES Alexandre Bóveda de Vigo, integrado por estudantes de ESO e Bacharelato deste centro que traballa pola transformación social necesaria e urxente, capaz de superar o machismo, repensar a sexualidade e construír unhas relacións máis libres nunha sociedade máis xusta. Desde o seu nacemento, hai máis de 10 anos, moitos centros de secundaria están replicando o proxecto, de tal forma que o espírito do Comando contáxiase por toda Galicia e fóra de Galicia. Cabe resaltar tamén o seu labor na prevención, a través de accións directas, como a produción de pósters, obras de teatro, ou conversacións e relatorios.
Mención honorífica a medios de comunicación
Os recoñecementos Meninas 2022 conceden, por primeira vez, unha mención honorífica a medios de comunicación para recoñecer o labor de xornalistas e empresas xornalísticas que se significan na tarefa da loita contra a violencia de xénero, tanto na sensibilización fronte a esta lacra coma no rigor informativo do seu tratamento. No deseño desta mención, o xurado contou coa colaboración do Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia, e quere poñer o foco no papel que xogan os medios de comunicación na promoción da igualdade e no proceso de prevención, detección e reparación da violencia contra as mulleres.
Nesta primeira ocasión, o xurado concede esta mención honorífica a Cristina Huete en recoñecemento á traxectoria profesional desta xornalista ourensá na que sobresae o seu compromiso coa igualdade e os dereitos das mulleres. Cristina Huete é licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e exerceu en distintos medios de comunicación galegos como La Región, Faro de Vigo ou La Voz de Galicia ata o ano 2006, cando se incorpora a El País.
Programación con motivo do 25 de novembro
A entrega dos recoñecementos Meninas completa un ambicioso programa de actos con motivo do 25 de novembro, impulsado pola Delegación do Goberno e as subdelegacións nas catro provincias. Estes actos comezaron o pasado mes de outubro e inclúen exposicións, xornadas formativas e accións de sensibilización.























O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.
Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.

