En concreto, trátase de industrias existentes como Alcoa ou Stellantis, e de novos proxectos como Altri, Showa Denko, Sentury ou a planta de hidróxeno de Reganosa e EDP
Compostela, 21 de decembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que se solicitan ao Goberno central diversas actuacións enerxéticas para garantir a viabilidade e competitividade de empresas como Alcoa en San Cibrao uo Stellantis en Vigo, e facilitar que novos proxectos como Altri en Palas de Rei, Showa Denko en A Coruña ou Sentury e a planta de hidróxeno de Reganosa e EDP en As Pontes se convertan nunha realidade.
A viceportavoz popular, Marta Nóvoa, manifestou que, “nun contexto de transformación industrial no que estamos inmersos, é clave a importancia dunha rede eléctrica axeitada que permita avanzar cara un sistema eléctrico baseado en enerxía renovable e garantir un subministro de enerxía seguro, continuo e de alta calidade para todos os consumidores, tanto domésticos como industriais”.
GALICIA, PREXUDICADA NA PLANIFICACIÓN ENERXÉTICA
A planificación da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica 2021-2026 foi aprobada polo Consello de Ministros o pasado 22 de marzo de 2022. “Galicia saíu moi penalizada respecto a plans anteriores, ao asignárselle tan só 68 millóns de euros, o 1,1 por cento dun investimento total que se achega aos 7.000 millóns de euros, cando no período de 2015-2020 o investimento para a Comunidade galega ascendeu a 308 millóns de euros, o que supoñía o 6,7 por cento do conxunto nacional”, lamentou. Diante desta situación, manifestou que “as empresas non poden agardar a unha nova planificación, porque as decisións dos seus investimentos en Galicia van a ser no ano 2023, cando hai a dispoñibilidade de fondos Next Generation”.
Ademais, criticou o “fracaso da excepción ibérica improvisada polo Goberno de Pedro Sánchez, que despois de seis meses desde que se implantou leva subvencionado un total de 1.300 millóns de euros a Portugal, Francia, Marrocos e Andorra”.
“Necesitamos que as industrias existentes en Galicia e os novos proxectos industriais poidan ver satisfeitas as súas necesidades enerxéticas con acceso a enerxía renovable e con mellores infraestruturas de conexión á rede eléctrica, o que lles permitirá abaratar a súa factura enerxética”, indicou a viceportavoz popular. Máis en concreto, sinalou que “a prioridade é garantir a viabilidade e competitividade de proxectos industriais clave para a economía galega, e falamos tanto de industria manufactureira estratéxica, como é o caso de Altri, Showa Denko, Stellantis, Sentury, Armonía Verde ou a biofábrica de Ence; como de industria enerxética clave para acadar unha transición xusta, a través da instalación de nova potencia eólica e hidráulica e plantas de hidróxeno verde”.
DEMANDAS CONCRETAS
Deste xeito, a proposición non de lei aprobada hoxe polo Pleno do Parlamento galego solicita ao Goberno central a construción dunha nova subestación eléctrica, unha liña de conexión e unha entrada e saída á liña de 220kV existente entre Mesón do Vento-Belesar para atender en condicións óptimas as necesidades de subministración da fábrica de fibras téxtiles sostibles de Altri en Palas de Rei, para o que Marta Nóvoa tamén demandou apoio a través dos fondos europeos.
En segundo lugar, pídese ampliar a capacidade da subestación existente nos nós de Sabón e Meirama para dar viabilidade aos proxectos industriais existentes na área de A Coruña, como son a nova fábrica de ánodos de grafito para baterías de Showa Denko ou a planta de amoníaco verde de Armonía, entre outras iniciativas anunciadas por diversos promotores.
Tamén se solicita determinar o destino dos 1.400 MW de capacidade dispoñible no nó existente de As Pontes, “para ver a compatibilidade do proceso de desmantelamento parcial da central térmica cos proxectos industriais e enerxéticos que se queren desenvolver na zona, como a fábrica de hidróxeno verde de EDP e Reganosa, a biofábrica de Ence ou a central hidroeléctrica reversible promovida por Magtel”, concretou Marta Nóvoa.
Outra das demandas ao Goberno central presentes na proposición non de lei é a inclusión da nova subestación de 220 kV para a zona industrial de Vigo, de xeito que se garanta unha subministración eléctrica de calidade tanto á fábrica de Stellantis en Balaídos, como a toda a área industrial desta zona. “Estamos a falar dunha infraestrutura de vital importancia para o futuro desta factoría e non hai argumento que sosteña a negativa a implantar unha nova subestación, porque é patente o risco de deslocalización da maior fábrica de vehículos de España, todo por culpa da negativa do Goberno de Sánchez de dotar de fondos europeos e de unha subministración eléctrica axeitada a esta importante empresa”, sinalou.
Por último, a proposición non de lei pide dar cobertura a calquera outra necesidade da industria galega, tanto a que estea asentada como a que quere implantarse en Galicia para impulsar a recuperación económica e a creación de emprego.


















A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A saída será ás 10:00 desde El Bao, con autobuses ás 9:00 desde Navia, e a chegada arredor das 16:30 seguida dunha festa na dársena. As inscricións estarán abertas do 31 de maio ao 12 de xuño na Casa do Deporte ou en liña por 7 €. O Concello anima a participar nesta cita que combina natureza, deporte e convivencia.



