O pleno extraordinario do Día das Letras Galegas terá lugar en Lourenzá, a súa terra natal, e Vigo acollerá un acto literario da RAG organizado da man do Concello de Vigo e da Fundación Penzol, da que del Riego foi fundador e primeiro director
A Coruña, 24 de xaneiro de 2023. En 1963 Rosalía de Castro convertíase na primeira homenaxeada do Día das Letras Galegas. A celebración que co tempo se convertería na gran festa da cultura galega nacera na cabeza de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010), quen a presentou no pleno da Real Academia Galega nunha proposta asinada tamén por Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo. Sesenta anos despois daquel comezo, don Paco é agora o protagonista. A institución da que foi tamén presidente (1997-2001) decidiu dedicarlle o vindeiro 17 de maio cadrando con outra efeméride, o seu 110 aniversario, e celebrarao divulgando a súa figura e obra ao longo de todo o ano cunha programación que abranguerá dende as achegas máis eruditas ata unha serie documental web e unha biografía infantil teatralizada.
“Don Paco foi un intelectual prolífico. Editor, ensaísta, e crítico literario dalgunhas das primeiras obras de divulgación da literatura galega, foi un activista do galeguismo cultural incansable. Pero del Riego destacou ademais como home de concordia que exerceu, coma ninguén no seu tempo, de ponte entre a Xeración Nós e os galeguistas máis novos, e tamén entre a Galicia da diáspora e o exilio interior no que el mesmo permaneceu”, salienta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, quen presentou esta mañá a programación das Letras Galegas 2023 canda os membros da comisión executiva da RAG Henrique Monteagudo e Fina Casalderrey.
Dese papel de nexo do galeguismo no tempo e no espazo queda constancia de primeira man na inxente correspondencia que don Paco mantivo cos persoeiros máis sobranceiros da cultura galega, milleiros de follas de papel que constitúen unha crónica da resistencia galeguista da posguerra de valor incalculable. Algúns destes epistolarios ou parte deles, como os que foi tecendo cos seus amigos Álvaro Cunqueiro e Ricardo Carballo Calero ou Xosé Neira Vilas, foron xa editados, pero quedaba aínda pendente a publicación das cartas que intercambiou con outro grande da cultura galega, Ramón Otero Pedrayo, que verán por fin a luz pública nunha edición da RAG ao coidado da investigadora Patricia Arias Chachero, avanzou Víctor F. Freixanes.
O epistolario cruzado entre Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego está composto por máis de 450 documentos, un centenar deles do homenaxeado nas Letras Galegas de 2023 e o resto de don Ramón a del Riego, detalla a investigadora. “A relación, íntima e amical, que se reflicte nel supón un percorrido pola reorganización do galeguismo de posguerra”, valora Patricia Arias Chachero.
As últimas investigacións centradas na figura, na obra e no tempo de don Paco terán ademais como punto de encontro o simposio que a Real Academia Galega organizará, como xa é tradición, no outono. Pero o groso da actividade académica dedicada á divulgación entre o público xeral do legado de Francisco Fernández del Riego centrarase no primeiro semestre do ano. O vindeiro 6 de marzo a RAG presentará a nova edición do seu proxecto para o público infantil, que ofrecerá a través da páxina web primaveradasletras.gal unha biografía teatralizada. Seguindo o camiño autoral inaugurado o ano pasado coa narradora Ledicia Costas e a escritora Blanca Millán, desta volta Eva Mejuto, gañadora do último Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, asina As cousas de don Paco, un ameno percorrido pola vida de Fernández del Riego, a través do testemuño dos obxectos que sempre o acompañaron, que ilustra Lucía Cobo.
A presentación da Primavera das Letras 2023 terá lugar no CEIP Juan Rey de Lourenzá, a vila natal do homenaxeado, e concluirá coa proxección da curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa, a produción audiovisual baseada nunha idea orixinal de Fina Casalderrey coa que a RAG inaugura un novo espazo para a divulgación da lingua e da cultura galegas. A páxina web ofrecerá ademais actividades interactivas para conectar os nenos e nenas de forma lúdica co universo de del Riego e servirá de escaparate dos traballos escolares presentados ao concurso Contádenos o voso Día das Letras, explica a académica, responsable desta plataforma dirixida ás etapas de infantil e primaria. A lingua será igualmente a cerna dos contidos especiais das Letras Galegas 2023 que ofrecerá o Portal das Palabras, o espazo web da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a difusión do noso léxico.
De Lourenzá a Vigo
Lourenzá será tamén o escenario do pleno extraordinario do Día das Letras Galegas mentres que Vigo, onde Francisco Fernández del Riego se refuxiou na posguerra e onde viviu ata o seu pasamento, acollerá, entre outras iniciativas, un acto literario que a Real Academia Galega organizará da man do Concello de Vigo e da Fundación Penzol. A institución que del Riego dirixiu dende a súa fundación, “o fogar de cultura” no que acubillou durante catro décadas, celebra tamén este ano o seu 60 aniversario, outra efeméride destacada para afondar no perfil polifacético de don Paco dende a cidade olívica.
Lourenzá e Vigo, Vigo e Lourenzá serán igualmente espazos centrais da serie web documental que a Real Academia Galega lle dedicará a Francisco Fernández del Riego. Seguindo o ronsel iniciado nas Letras Galegas de Xela Arias (2021), a institución narrará dende o audiovisual os principais fitos da traxectoria do autor nunha creación realizada pola produtora Miramemira. A serie estrearase no mes de marzo na canle de Youtube da RAG e no espazo dedicado a del Riego de academia.gal, a páxina web institucional, onde pode lerse xa unha biografía do intelectual escrita polo académico correspondente Ramón Nicolás e a tribuna de apertura do ano do presidente da institución.
A Real Academia Galega desenvolverá estas e outras iniciativas arredor da conmemoración do Ano Francisco Fernández del Riego co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, a Deputación da Coruña, os concellos de Lourenzá e Vigo e a TVG, entre outras institucións e entidades públicas e privadas. A Academia colaborará ademais, como é costume, con iniciativas diversas promovidas polo tecido asociativo, cultural e empresarial do país co gallo do Día das Letras Galegas 2023.

























Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.
Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).



