O Pleno, por iniciativa do Grupo Socialista, acordou por unanimidade demandar ao Executivo galego que compense a súa falta de previsión sobre as novas hectáreas rexistradas neste réxime completando con fondos propios o orzamento necesario para cubrir todas as peticións
Lugo, 31 de xaneiro de 2023. A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia que reforce a partida de axudas para os produtores en ecolóxico da provincia para que se cubran a totalidade das solicitudes. Así se acordou tras unha moción presentada polo PSdeG no Pleno ordinario do mes de xaneiro, que saíu adiante por unanimidade.
O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, lembrou que se denegaron a metade das axudas ós produtores ecolóxicos “e non se move nin unha folla”. Unha situación “provocada”, que segundo explicou “sitúa a un amplo número de produtores ó borde do peche das súas explotacións” e pola que “nos vemos na necesidade de volver a demandar sensibilidade á Consellería de Medio Rural”.
Fernández Rico expuxo que, dos 318 produtores que quedaron sen axudas, o 54% dos que a solicitaron, 159 pertencen á provincia de Lugo. “Na maioría dos casos, familias que se introduciron a producir con responsabilidade polas normas que nos marcan dende Europa” e que é unha obriga da Xunta “favorecer a aqueles que queren adaptar a súa forma de producir ó respecto e coidado medioambiental”. Incidiu o Deputado na gravidade das consecuencias, que poderían traducirse no abandono e peche das producións ecolóxicas pola “desvantaxe respecto ás producións convencionais”.
No debate, Roberto Fernández recalcou que as organizacións agrarias “tiñan sinalado xa en novembro do ano pasado que serían precisos arredor de 5,6M€ para cubrir a totalidade das axudas, cando a Xunta só tiña prevista unha partida de 3,1M€”. Lamentou tamén a resposta da Consellería de Medio Rural, culpando da situación ós produtores e ás produtoras, polo feito de que se terían incrementado as hectáreas rexistradas neste réxime, que terían pasado das 7.400 no ano 2021 a 12.400 no 2022.
“Non se entende como tendo a sorte en Galicia de que se incremente por vontade dos produtores a superficie certificada de ecolóxico ata as 12.000 hectáreas, a Consellería de Medio Rural dea as costas e non trate de acadar acordos para ver as posibles solucións”, lamentou. Neste sentido, puxo tamén sobre a mesa que a Consellería de Medio Rural ten un orzamento para o 2023 de preto de 680M€, sinalando que, polo tanto, non é unha cuestión de falta de recursos, senón de “vontade política”.
Argumentou que a agricultura ecolóxica é unha liña de futuro para o sector, pero tamén unha importante aposta para fixar poboación no rural, lembrando que o obxectivo da Unión Europea (UE) para o ano 2030 é que o 25% da agricultura comunitaria sexa ecolóxica, polo que a boa resposta dos produtores galegos “debería de ser un motivo de satisfacción para a Xunta, e non un problema”.
Fernández Rico sinalou que en Lugo “se atopa o 50% da superficie que Galicia destina a agricultura ecolóxica. Temos case ó 38% dos produtores galegos, o 21% de operadores e somos a provincia que xera o 32% das ventas neste sector” e incidiu no compromiso da Deputación coa defensa do sector primario. “Un sector que aporta riqueza ó PIB, xera emprego e axuda a fixar poboación no rural”, sinalou, e apuntou que “prexudicar á agricultura ecolóxica equivale a comprometer o futuro da nosa provincia”.
Por todo isto, a institución provincial insta ó Goberno autonómico a completar estas axudas para o ano 2022 ata acadar os 5,6M€, incrementar o orzamento destinado para as axudas das producións ecolóxicas para cada ano do período 2023-2027 e tamén dotar ás decisións que afecten ó sector de transparencia e publicidade
Infraestruturas
A institución provincial tamén reclamará tamén ó Goberno do Estado e á Xunta de Galicia melloras urxentes nas estradas e autovías que vertebran a provincia, tras unha moción do BNG aprobada por unanimidade. “Nós reclamamos melloras para a provincia sempre, goberne quen goberne”, apuntou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que quixo marcar diferencias entre a Administración central e autonómica no debate respecto ó investimento dedicado ás infraestruturas.
Neste sentido, defendeu Rivera Capón que durante o Goberno de Pedro Sánchez “a provincia de Lugo recibiu dos Orzamentos do Estado máis do triplo de fondos -un 300% máis- que nos últimos 5 anos do Goberno do Partido Popular con Rajoy” e detallou que foron 334M€ entre 2014 e 2018, fronte a 1.143M€ entre 2019 e 2023. Enumerou Rivera Capón algún dos fitos logrados en infraestruturas nos últimos anos, como a chegada do AVE a Galicia, o investimento histórico de 546M€ para a renovación da liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense, xa en marcha; os avances na A-54 entre Lugo e Santiago, na A-74 e na A-76. Mentres tanto, a Xunta de Galicia ten pendentes infraestruturas esenciais para a vertebración do terrritorio, como a Vía de Altas Prestacións Costa Norte, a Ronda Leste, a autovía Lugo-Sarria-Monforte ou o porto seco monfortino.





















Ao longo desta semana, máis de 40 científicas, divulgadoras, xornalistas e activistas participan nunha campaña simultánea en todo o Estado para achegar á cidadanía as consecuencias que os recentes ataques a Irán poden ter na vida cotiá. No marco desta iniciativa, celebrarase en Ribadeo un acto informativo o venres 17, na Escola Municipal de Música, ás 19:00 horas. Toda a información sobre o No Normal Tour está dispoñible en:
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
Reyco Burela FS convoca a todos os socios e socias á Asemblea Extraordinaria que se celebrará o martes 28 de abril no salón de conferencias de Burela (antiga biblioteca) nunha primeira convocatoria prevista para as 20.00 h. e segunda para as 20.30 h. O acceso será única e exclusivamente para socios e socias, que deberán asistir á xuntanza co carné de socio/a e o DNI. Orde do día: 1. Lectura e aprobación da acta anterior. 2. Situación económica xeral. 3. Procedementos xudiciais contra o club. 4. Accións adoptadas para a continuidade do club. 5. Rogos e preguntas
O acto está organizado pola A.C. Francisco Lanza e contará coa participación de Dores Fernández Abel, en representación da entidade, xunto co autor da obra. Duarte Correa xa visitara Ribadeo no ano 2022 para ofrecer unha charla sobre a situación política internacional, centrada daquela na guerra de Ucraína. Nesta nova ocasión, o público poderá volver seguir a súa capacidade de análise e síntese, que lle permitirá ofrecer unha visión actualizada dun contexto xeopolítico en constante transformación.
A parada principal foi Cee, onde a expedición foi recibida no Museo Fernando Blanco, afondando nos vínculos históricos entre ambos municipios. Durante a visita, o director do centro destacou a “dobre conexión” entre Ortigueira e Cee, lembrando a figura de Manuel Rebollar, músico ortegán que dirixiu a Banda de Música de Cee entre 1927 e 1940. O recordo ao artista foi un dos momentos máis emotivos da xornada, ilustrando os lazos culturais que unen ás dúas localidades desde hai case un século.



