Consideran que a medida comunicada oficialmente o 31 de maio só responde aos esforzos do Partido Popular para continuar co desmantelamento da sanidade pública na comarca
Burela a 1 de xuño de 2023. A CIG-Saúde considera que o peche da planta de Medicina Interna (con 38 camas) durante xullo, agosto e setembro no Hospital da Mariña carece de calquera xustificación técnica posíbel e que tan só obedece a “unha política sanitaria de recortes do Partido Popular que busca o desmantelamento da sanidade pública na nosa comarca”.
Dende a Federación da CIG afírmase que o peche de camas forma parte do conxunto de políticas que o PP está a pór en práctica para desmantelar o sistema sanitario público “en beneficio do gran capital e da medicina privada situada nas grandes cidades; unha ofensiva recentralizadora que afasta en vez de achegar, a sanidade pública á cidadanía”.
O peche comeza o 15 de xuño, bloqueando 8 camas e reducindo o persoal par a 1 de xullo proceder ao peche das portas da planta de Medicina Interna perdendo así o hospital a capacidade de ter dispoñibles 38 camas para ingresar aos pacientes que así o requiran.
A ESCUSA DA DIRECCIÓN: FALTA DE PROFESIONAIS DE ENFERMARÍA
A Dirección do Hospital xustifica o peche de 38 camas pola falta de persoal de enfermaría, unha situación xerada pola propia dirección e que a central nacionalista ven denunciando dende 2019.
O persoal de enfermaría, sinalan, “fuxiu” a outros territorios como Asturias ou Euskadi, “en busca dun futuro laboral mellor, onde se lles garante estabilidade laboral”.
Dende CIG-Saúde levamos anos dicíndolle a esta Dirección que dignifique a contratación, ofrecendo contratos estables cunha carteleira establecida, con dereito a vacacións e a que o persoal estea protexido laboralmente ante unha enfermidade ou un accidente, demanda que non se atendeu en absoluto.
Pola contra, a Dirección de Enfermaría e a Directora do Distrito Sanitario do hospital mariñao, malia as demandas trasladadas, negaron que esta fuxida de profesionais fose por motivos laborais, sinalando que se marchan é por motivos persoais.
“Se non temos o persoal que este centro precisa”, sinalan, “a única responsable e a dirección do hospital polas políticas de contratación precarias dos últimos anos”.
CONSECUENCIAS
Este peche de camas terá consecuencias para os pacientes, suporá o incremento das derivacións, xa que ao non existir camas libres no hospital serán derivados ao HULA, “unha práctica que levan facendo durante os últimos meses e que esta a provocar o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por mor dunha mala planificación da Dirección nun hospital que remata de ser ampliado”.
Estas medidas provocan tamén, manteñen desde esta central, un incremento das listas de espera fomentando a derivación de doentes á sanidade privada para cumprir a Lei de Garantías. “A lei di que as e os doentes teñen que ser atendidos en 60 días para intervencións cirúrxicas e en 45 para consultas ou probas diagnósticas. A imposibilidade de cumprir eses tempos na sanidade pública favorecerá a súa derivación á privada, que é onde serán atendidas”.
“O peche de camas terá consecuencias para as profesionais que serán desprazadas a outros servizos e unidades. Os calendarios laborais que tiñan asignados decaen, tirando pola borda toda a planificación que tiñan feita para a súa vida persoal durante os meses de xullo, agosto e setembro, provocando entre as traballadoras cabreo, indignación e un incremento do desexo de abandonar o Hospital da Mariña. Posiblemente, froito de estas políticas, para o ano que ven, teñamos menos persoal de enfermaría”, explican.
“TAMÉN ENFERMAMOS NO VERÁN”
A CIG-Saúde sostén que durante o período estival non pode diminuír a actividade asistencial porque “as poboacións das zonas de costa, como mínimo, se duplican nesa época e os pobos do interior da comarca tamén se enchen cos centos de persoas que veñen de fóra”. Argumenta, ademais, que as persoas “tamén enfermamos no verán”.
“Pechar camas e diminuír a actividade non é nin de lonxe unha boa xestión, simplemente é unha medida que só busca o aforro económico e que vai privar de asistencia sanitaria de calidade durante o verán aos mariñaos e mariñás”, finalizan.






















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



