O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, xunto á Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e representantes da organización -a asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua-, presentaron este luns en San Marcos o programa da cita que ten como obxectivo poñer en valor este oficio tradicional
Lugo, 23 de outubro de 2023. A Deputación de Lugo apoia a celebración dunha nova edición da Tasca do liño de San Bartolomeu de Insua, que se celebrará este sábado ao longo de todo o día no Campo da Festa desta parroquia de Vilalba. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a presidenta da Asociación de Mulleres San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero, presentaron este luns o programa no Pazo de San Marcos para esta cita coa que colabora a institución provincial.
Rivera Capón felicitou á organización por sacar adiante unha nova edición e facelo “con tanto cariño e compromiso”. “Un encontro coa tradición e coa historia, pero tamén co noso futuro porque a Tasca do Liño de San Bartolomeu de Insua revive, divulga e dignifica a historia téxtil da comarca da Chaira e, ao mesmo tempo, supón unha aposta por proxectar este oficio grazas ao labor de recuperación que desenvolven as mulleres desta asociación”, subliñou o Deputado, quen remarcou o apoio da institución provincial á iniciativa porque “serve para facer comunidade, para visibilizar e coidar todo o noso legado cultural e, ademais, contribúe á promoción do territorio”.
Pola súa banda, a Alcaldesa agradeceulle ao colectivo organizador o labor de recuperación que leva a cabo, ademais de destacar o protagonismo das mulleres: “É moi importante porque o fan mulleres e temos que apostar por deixar fóra do esquecemento os traballos que viñan facendo”. “É un privilexio para Vilalba ter esta asociación e que organice esta xornada”, sinalou Rouco, quen tamén aproveitou para convidar a todas as persoas que o desexen a asistir e desfrutar dos actos que están previstos para o sábado.
Lourdes Otero debullou o programa que teñen previsto para esta Tasca do Liño. Explicou que a maiores das citas que van fixadas cunha hora concreta, tamén haberá ao longo de todo o día degustacións da cervexa artesá AleAlé, exposición de cerámica galega do Centro de Artesanía (CENTRAD), sinaturas do libro de Cristian F. Caruncho e Miriam Fernández Otero, e ducias de postos artesáns e artesanía en vivo.
Programa
11:00h. Apertura da xornada
11:15h. Pregón de Mario Outeiro, mestre e escritor
12:00h. Demostración da Tasca do Liño
12:45h. Actuación de Pablo Carpinteiro
Xantar: food truck AleAlé
16:00-19:00h. Obradoiro/Demostración de Torno cerámico: Cenizas de papel
17:30h. Demostración da Tasca do Liño
18:00h. Degustación do Cacho
18:30 Actuación musical de Tiruleque
20:00 Conxuro da Queimada a cargo de Manuel Ferreiro






















A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.
Tras unha parada nas Pontes para contemplar o lago e lembrar o pasado industrial da zona, o grupo visitou Pontedeume, onde repasou a historia da liñaxe dos Andrade e percorreu unha vila chea de patrimonio e vitalidade. Pola tarde, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, os participantes apreciaron o legado da orde do Císter e do barroco galego, e escoitaron parte dunha mostra de música coral. A entidade agradeceu as explicacións de Enrique Campos, secretario da ACFL, así como as achegas de Celia Castro sobre arquitectura medieval e a vida cisterciense.
A conselleira do Medio Rural acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu este sábado á feira e festas das San Lucas.
A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.



