Rueda anuncia que a súa campaña “non irá de levantar muros, nin de atacar ou falar mal de Galicia e dos seus servizos públicos, nin de favorecer a crispación e os bloqueos”, senón que irá “de erixir pontes, poñer propostas enriba da mesa e traballar desde a unidade e a concordia a prol da nosa terra”
Compostela, 13 de xaneiro de 2024. O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, deu hoxe a coñecer os nomes das persoas que liderarán as listas do partido nas catro provincias de cara ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro e que serán Diego Calvo por A Coruña, Elena Candia por Lugo, Elena Rivo por Ourense e Patricia García como número dous na lista de Pontevedra que encabeza o propio líder dos populares galegos.
A todos eles o presidente pediulles que asuman o compromiso e a responsabilidade de “recoller e expresar as aspiracións de todos os galegos nas catro provincias aos que lle van pedir a súa confianza”, facéndoo “con honestidade e sendo conscientes do privilexio que supón representar ao PPdeG e pedir en nome do primeiro partido de Galicia a confianza de todos os galegos e galegas”.
Para Rueda estes catro candidatos son “as cabezas visibles dun equipo moito máis amplo, formado polas mulleres e homes que integran o resto das candidaturas e que empuxarán para que o PPdeG teña o maior dos éxitos o próximo 18 de febreiro, pero sobre todo para que ese día gañe Galicia”.
A Diego Calvo agradeceulle “o traballo, a dedicación e o empeño co que día a día traballa para que o PP da provincia da Coruña siga sendo un partido potente e con magníficos resultados electorais”.
Nesta liña destacou tamén de Elena Candia a súa “capacidade incansable de traballo” e a súa “resiliencia”, así como a súa vocación de servizo público e a súa concepción da política como “unha carreira de longo recorrido na que nunca hai que renderse a pesar das dificultades”.
Pola súa banda e respecto a Elena Rivo, o presidente quixo poñer de manifesto a súa ampla experiencia no mundo empresarial e académico, ao que tamén desde hai uns meses habería que engadir a experiencia política como responsable das políticas de Emprego e Igualdade no Goberno galego. “Encarna con todo o merecemento e cunhas altas expectativas a renovación tranquila e ordenada que estamos facendo na provincia de Ourense”, apuntou.
Agradeceu así mesmo a Patricia García que quixera “embarcarse” na aventura de acompañalo na candidatura pola provincia de Pontevedra e de facelo en representación do “potente tecido empresarial de Vigo” e co convencemento de que “desde o éxito empresarial tamén se poden facer moitas cousas na vida pública cando hai vocación e gañas de servir á cidadanía”.
Como cabeza de lista por Pontevedra, Alfonso Rueda asegurou que non podía ir por outra provincia que non fose a súa. A provincia na que, tal e como explicou, creceu e aprendeu politicamente, na que traballou e na que tamén vive: “Preséntome por Pontevedra porque un ten que ter claro sempre de onde vén para saber a onde vai, pero tendo claro que a miña función é representar e encabezar o proxecto político do PPdeG nas catro provincias galegas”.
“QUERO GAÑAR AS ELECCIÓNS DESDE A HONESTIDADE E O TRABALLO”
O presidente do PPdeG remarcou que se presenta ás eleccións autonómicas porque non entende a política como unha “confrontación estéril”, senón que o fai desde “a vocación de servir a xente e de construír para poder prosperar e mellorar”.
Neste sentido afirmou que a súa campaña “non vai ir de levantar muros, nin de atacar ou falar mal de Galicia e dos seus servizos públicos, nin de favorecer a crispación e os bloqueos”, senón que irá “de erixir pontes, poñer propostas enriba da mesa e traballar desde a unidade e a concordia a prol da nosa terra”.
“Nós imos defender sempre o valor da palabra dada, de asumir un compromiso e ser consciente de que hai que cumprilo porque a xente que depositou en ti a súa confianza é o que espera que fagas e non que cambies de opinión”, remarcou ao tempo que se amosaba convencido de que se o PPdeG é o primeiro partido de Galicia é precisamente porque os seus representantes “danlle valor á palabra dada, fan propostas en positivo e se identifican coa maioría dos galegos”.
Estas son as razóns polas que recoñeceu querer seguir sendo presidente da Xunta, pero remarcando que non a calquera prezo: “Quero gañar as eleccións e seguir gobernando Galicia desde a honestidade, o traballo e coa conciencia tranquila”.
“TEMOS COMPROMISO, PROXECTO E OS MELLORES EQUIPOS”
Alfonso Rueda tamén tivo palabras para “a oposición multipartita”, da que presumiu que “non quererá falar de proxectos porque ou non os teñen ou directamente son incompatibles entre si”. Pola contra, o PPdeG si falará de proxecto e non só porque o ten, senón porque ten claro o que quere para Galicia.
“Intentarán tamén que non se faga balance porque eles non teñen nada do que facer balance máis alá da súa negatividade e da súa concepción desastrosa dos servizos públicos galegos. Pero nós si faremos balance porque gobernamos e o noso deber é dicirlle a xente o que fixemos e o que queremos seguir facendo”, engadiu.
Do mesmo xeito, o presidente do PPdeG ten claro tamén que a oposición non quererá falar de equipos porque “entre eles hai moitas enemistades, moitos rencores e moitas incompatibilidades”. En cambio, el mesmo e todo o seu partido teñen claro que “sen equipos pouco ou nada se pode facer”.
“Temos un compromiso cos galegos, temos un proxecto con moitos alicerces e con feitos que permiten darlle consistencia a todo o que queremos seguir facendo, e temos ademais equipos preparados para gobernar”, concluíu poñendo en valor que a vitoria comeza “tendo os mellores equipos dispostos a traballar pensando en Galicia, mirando a Galicia e entregándose a Galicia”.




















O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.



