Os deputados populares defenderán unha moción para instar ao equipo de goberno provincial a que estude as posibilidades legais e convencionais de aprobar un convenio propio do sector da limpeza da Deputación Provincial de Lugo e así “garantir a protección dos dereitos dos traballadores”
Luns 29 de abril de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no pleno de mañá dúas iniciativas para defender os dereitos laborais dos profesionais do sector da limpeza que traballan para a Deputación de Lugo e para favorecer o asentamento de empresas na provincia e así xerar emprego e facer que a economía medre.
O sector da limpeza realiza un labor fundamental para garantir a seguridade e hixiene dos espazos públicos. Durante a crise sanitaria da covid-19 estes profesionais demostraron, unha vez máis a súa responsabilidade, poñéndose en primeira fila de batalla e xogando u papel fundamental: protexernos e garantir a nosa seguridade día tras día.
Pero a realidade é que se trata dun sector moi precarizado no que o 95% das súas traballadoras son mulleres, un 80% cunha xornada a tempo parcial e cuns salarios ínfimos.
Un sector que se viu obrigado a poñerse en folga indefinida o pasado 16 de outubro de 2023 ante a negativa de poder negociar un convenio colectivo que levaba vencido dende finais do ano 2021, co único obxectivo de mellorar os seus salarios e acadar unhas condicións laborais dignas.
Por este motivo, dende o Grupo Provincial Popular defenderán unha moción para instar ao equipo de goberno provincial a que estude as posibilidades legais e convencionais de aprobar un convenio propio do sector da limpeza da Deputación Provincial de Lugo.
Unha medida que se aprobou recentemente no Concello de Lugo, por unanimidade, a iniciativa do Grupo Municipal Popular. “Entendemos que se no Concello de Lugo as mesmas formacións políticas entenderon a importancia desta moción, na Deputación de Lugo tamén sexa así”, indicou.
PLAN DE IMPULSO INDUSTRIAL
O impulso de iniciativas empresariais e a creación de emprego son clave para o asentamento da poboación na provincia e para isto é necesario dispoñer de solo industrial no que asentar empresas ou permitir o traslado ou ampliación das súas instalacións das empresas xa existentes que o precisen, unha tarefa na que o goberno provincial “pode facer moito máis do que está a facer”.
Antonio Ameijide entende que dende o goberno provincial cómpre levar a cabo un plan de impulso dos polígonos industriais da súa titularidade na provincia con campañas de captación de investimentos a través da busca activa de empresas e emprendedores para o seu asentamento nestas áreas, o estudo de posibles bonificacións do prezo das parcelas ou outros incentivos para a venda.
ROGOS E PREGUNTAS
Os populares preguntarán a PSOE e BNG por que limitaron o aforo dos plenos provinciais en contra dos informes técnicos para agocharse dos lucenses. “A realidade é que dende hai dous meses o presidente da Deputación limitou á metade o aforo do salón de plenos pese a terse celebrado actos con centos de persoas nesa mesma instalación, como a súa toma de posesión”, sinalaron.
Tamén se preguntará que vai a facer o goberno provincial co edificio que a Deputación ten en Navia de Suarna e que supón un perigo e afea a imaxe do centro da vila xa que o aspecto exterior do edificio “é de total abandono, podendo caer en calquera momento cascotes ou o propio edificio” poñendo en risco a seguridade dos veciños do municipio, xa que se atopa na Praza de España, unha zona moi frecuentada.
Dende o Grupo Provincial Popular tamén defenderán dous rogos. Un para instar á Deputación a realizar un correcto mantemento de varias estradas provinciais en Sarria e outro para mellorar a imaxe da Ruta da Fervenza, un paseo fluvial moi empregado polos lucenses para pasear e facer deporte que se atopa en moi mal estado, con varias árbores caídas no camiño que impiden o paso.