O goberno alternativo do BNG propón un fondo extraordinario de 21 M€ para axudas mentres non se recupera a actividade marisqueira
Santiago de Compostela, 3 maio 2024. A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou en Ribeira a importancia de ter un escano galego en Bruxelas para defender o sector pesqueiro e marisqueiro, unha voz “firme, libre e galega” que é a que representa a candidata do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda.
Así o afirmou logo da reunión interparlamentaria sobre o sector do mar que celebrou o Bloque en Ribeira, como un dos concellos máis relevantes no ámbito da pesca e o marisqueo, coa participación do grupo parlamentario, así como o portavoz no Congreso, Néstor Rego, a senadora Carme da Silva e a propia Ana Miranda, nun encontro inaugurado polo alcalde, Luís Pérez Barral e que contou tamén coa participación dunha ampla representación municipal.
Conscientes de que moitas das decisións que condicionan a actividade pesqueira se toman nas institucións europeas, Pontón reafirmou o compromiso do Bloque na defensa dun sector que “é unha columna vertebral da nosa economía e que dá emprego a miles de persoas”. “Galiza ten todo o dereito do mundo a ser unha nación pesqueira”, recalcou.
Nese sentido, avanzou que o programa nacionalista levará no seu programa para as eleccións europeas unha cuestión que considerou clave, a declaración oficial de Galiza como zona altamente dependente da pesca, “o que nos posibilitaría poder ter voz, voto e dereito de veto en todas as decisións comunitarias que se tomen e que afecten aos intereses do noso sector pesqueiro e marisqueiro”, afondou.
De igual xeito, adiantou outras propostas como que as institucións europeas respecten as competencias exclusivas que ten Galiza en materia de pesca, e moi singularmente todo o que ten que ver coa pesca de baixura, co marisqueo e coa comercialización destas especies, “sen as interferencias que estamos vendo neste momento que o único que fan é poñerlles atrancos á nosa xente do mar e que fai posible que teñamos produtos de calidade”, engadiu.
Segundo tamén avanzou a líder nacionalista, o Bloque defenderá no Parlamento europeo o fin da prohibición europea sobre os programas de renovación e de modernización da frota pesqueira galega, xa que estes programas son básicos “para poder manter a propia frota, para mellorar a seguridade e para mellorar as condicións de vida dos traballadores e das traballadoras do mar”.
Pontón explicou as medidas analizadas nesta reunión interparlamentaria e que o goberno alternativo do BNG propón para dar solucións a un sector do mar que se atopa nunha conxuntura “con moitos problemas” que “nin o goberno do Partido Popular na Xunta, nin o Goberno central co Partido Socialista son capaces de enfrontar”.
Neste sentido, recriminou ao PP a súa incapacidade para defender os intereses do sector pesqueiro e marisqueiro, demostrando non só que non ten un proxecto de futuro para a xente do mar, senón que pensa en “darlle a puntilla coa instalación de eólica mariña no noso litoral, precisamente nas zonas onde están algúns dos principais caladoiros do País”.
Fronte a esta incapacidade política, o goberno alternativo do BNG ten propostas concretas a favor da xente do mar, empezando por medidas que permitan garantir rendas e ingresos. En primeiro lugar, a líder nacionalista defendeu a articulación de axudas directas ao sector até que se recupere a actividade marisqueira, unha liña de axudas que sería financiada cos 21,4 millóns de euros que a Consellería do Mar deixou sen gastar no seu orzamento de 2023.
Seguro público para cubrir eventuais perdas
Así mesmo, Pontón apostou pola posta en marcha dun seguro público de produción marisqueira que permita cubrir as eventuais perdas por paros na actividade. “É algo que xa existe no sector agrario e cremos que se podería utilizar unha fórmula semellante no caso da produción marisqueira”, afondou.
En terceiro lugar, considerou fundamental a promoción de sementeiras ou hatcherys públicas ou mixtas para poder garantir “semente propia e que haxa a suficiente semente das diferentes especies autóctonas”, reducindo de paso a dependencia exterior e tamén “garantindo que esas especies van estar adaptadas ao noso medio natural”, engadiu.
A portavoz nacional explicou tamén a proposta nacionalista para desenvolver un plan de rexeneración integral das rías galegas, cunha planificación plurianual e que estaría cofinanciado polos Gobernos galego e estatal e fondos europeos e, en paralelo, apostou por analizar as causas da perda de produtividade, cun estudo científico e rigoroso a realizar pola Consellería do Mar en colaboración con centros de investigación, universidade e o propio sector.
Outra das propostas do BNG en defensa do sector do mar é a elaboración dun protocolo de baleirado de encoros para manter un control estrito de verteduras porque, segundo advertiu Pontón, “o que non pode ser é que para o Goberno do Partido Popular pesen máis os intereses das eléctricas que os intereses do sector pesqueiro”.
Por último, o Bloque seguirá traballando para que as competencias de xestión e ordenación do litoral sexan transferidas a Galiza con todos os medios que sexan necesarios e, neste sentido, a portavoz nacional avanzou que a formación nacionalista volverá a levar ao Parlamento unha proposición de lei para que “eses medios e esas competencias se efectivicen e podamos xestionar o noso mar dende Galiza”.
Medidas todas elas que ofrecen alternativas de futuro a un sector do mar que Pontón considerou “esencial” por toda a capacidade que ten “para xerar riqueza e emprego e tamén para ser un elemento de vertebración do territorio e de manter con vida o noso litoral”, concluíu.



















Ocorreu pasadas as 15:30 horas. Un traballador tivo que ser evacuado ao hospital logo de caerlle o tronco dunha árbore enriba mentres realizaba tarefas no monte en Cervo. Aínda que estaba liberado e consciente, precisaba asistencia sanitaria. Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladárono finalmente ao Hospital de Burela. Neste operativo tamén participaron a Garda Civil e a Policía Local de Cervo.
Subliñou o traballo colectivo, o papel do voluntariado e a participación de arredor de mil corredores. Tamén puxo en valor o impacto económico e social da proba e o apoio institucional que permite o seu crecemento, incluída a difusión en streaming que levou a CAMOVI e a Viveiro a todo o mundo.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.
Viveiro, 20 de abril, 2026. A proba volveu converter Viveiro nun punto destacado do deporte e da convivencia, ademais de supoñer un impulso económico para o municipio. María Loureiro destacou que a Camovi “é un exemplo de colaboración e esforzo colectivo, que sitúa Viveiro no mapa e dinamiza a economía local”. O Partido Socialista lembra o seu apoio histórico á carreira e reafirma o seu compromiso para seguir contribuíndo ao seu crecemento. O PSOE agradece tamén á veciñanza a súa acollida e implicación, fundamentais para que o evento continúe medrando ano tras ano.
Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"



