Lugo, 26 de xullo de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres novos investimentos por un total de 800.000€ para realizar obras de acondicionamento e mellora en sete estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Barreiros, Pantón, Paradela, Baralla, Láncara, Sarria e Vilalba.
Concretamente, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, avanzou que “seguindo na liña de mellorar a mobilidade no conxunto da provincia, hoxe aprobamos sacar a licitación por algo máis de 400.000€ o arranxo de tres vías en Barreiros e Pantón”.
No caso de Barreiros, mellorarase algo máis de dous quilómetros da vía LU-P-0611, que vai dende o Barrio Novo ata a Praia de Coto, e as obras realizaranse desde o inicio da estrada cun orzamento de preto de 225.00€. Neste proxecto, que conta cun prazo de execución de dous meses, inclúese a reapertura de cunetas, drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e a correspondente sinalización horizontal e vertical. Rivera Capón destacou a importancia desta estrada provincial porque parte da N-634, “é dicir, da estrada xeral, ao pé do tanatorio, e remata na praia de Coto na vía que vertebra a costa. É unha das vías máis transitadas para acudir ás praias e que soporta un elevado número de tráfico, sobre todo nos meses de verán”.
No caso de Pantón, a Xunta de Goberno acordou licitar a mellora de dúas estradas cun orzamento conxunto de preto de 177.300€. Trátase da LU-P-4107, que une Segade coa aldea de Marce, e o arranxo realizarase dende o inicio da vía ata o punto quilométrico 4,5 cun orzamento de 100.000€; e destinaranse case 78.000€ á mellora da LU-P-4106, que vai desde a zona do Carme ata Curro para acondicionar algo máis de 6 quilómetros desde o inicio desta vía. Nos dous casos, as obras consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de afundimentos e a repavimentación do firme. O prazo de execución é de dous meses.
Rivera Capón informou que “na Xunta de Goberno deste venres tamén aprobamos a adxudicación por preto de 400.000€ para a mellora de catro vías que afectan aos municipios de Paradela, Baralla, Láncara, Sarria e Vilalba”. Nesta liña, o Deputado salientou o “gran esforzo investidor que realizamos desde a institución provincial para manter e mellorar a nosa rede viaria que, con máis de 4.200 quilómetros de lonxitude é a máis extensa de todas as Deputacións de España”.
En concreto, acordouse a adxudicación, por máis de 90.000€, á empresa Construcciones Carballeira SL, das obras de mellora da LU-P-5709 de Paradela, a estrada que conecta a parroquia de Santa María coa de Castro de Rei de Lemos. O proxecto afecta ao tramo comprendido entre o quilómetro 10,7 e o 13,8, e consiste na reapertura de cunetas, na reparación dos afundimentos e outros desperfectos da vía, na pavimentación e na reposición da sinalización vertical. O prazo de execución é dun mes.
Adxudicada tamén á empresa Grupo Bascuas 2008 por un importe que supera os 110.000€ o acondicionamento da LU-P-0503, que une Baralla e Láncara, e as obras afectarán á práctica totalidade da vía, concretamente ata o punto quilómetro 10,5. Consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de desperfectos e na pavimentación. O prazo de execución é dun mes e medio.
En Sarria, adxudicouse a esta mesma empresa (Grupo Bascuas 2008) a mellora da LU-P-5713, que vai desde Sarria ata a parroquia de Piñeira, cun investimento de 101.335€. Este proxecto inclúe a renovación do treito que vai desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 1,8. O prazo de execución é dun mes e levarase a cabo a reapertura de cunetas, labores de drenaxe, a pavimentación e a sinalización vertical.
Por último, no municipio de Vilalba, adxudicouse á empresa Cholo SL por algo máis de 76.000€ o arranxo dun tramo comprendido entre os quilómetros 0 e 4,3 da LU-P-6516, a vía que une Piño con Rilleira por Outeiro. O prazo de execución desta actuación é dun mes e medio e realizarase a reapertura de cunetas, labores de drenaxe, a pavimentación e a sinalización vertical.
Remanentes do Plan Único 2023
Finalmente, na Xunta de Goberno deste venres aprobouse a solicitude do Concello de Foz para investir remanentes do Plan Único 2023 en novas actuacións. Por unha banda, destinará 17.312€ para realizar obras viarias nas parroquias de Cordido, Cangas, Nois, Fazouro, Vilaronte e Santa Cilla e, tamén, empregará outros 6.417,53€ para a mellora de accesos na Rúa Martínez Otero e na Rúa Miguel de Cervantes. Por último, destinará 3.327,23€ para mellorar a iluminación na pista polideportiva de Marzán.





















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



