Efrén Castro destacou o compromiso do goberno provincial co Plan Deputación e coa rede de Centros de Atención a Maiores
Lugo, 19 de novembro de 2024. O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a deputada de Cultura, Patrimonio e Normalización Linguística Iria Castro participaron este mañá na presentación aos medios da proposta de orzamentos da Deputacíon de Lugo para 2025, que ascenden a 130,4 millóns de euros – un 11,9 por cento máis que os desta anualidade- e que se aprobarán no vindeiro pleno ordinario, o 26 de novembro.
No acto, que se celebrou na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, Efrén Castro expuxo a importancia de “concretar unha proposta de orzamentos, que canalice a acción política e poña os recursos da Deputación de Lugo ao servizo dos concellos e do tecido economico, social, cultural e deportivo dende o inicio da anualidade”.
O vicepresidente destacou o esforzo conxunto do goberno na dotación do Plan Deputación, que valorou “ como o principal instrumento da Deputación para a cooperación cos concellos, atendendo a criterios públicos e obxectivos como a poboación, a superficie, a dispersión ou o índice de envellecemento, que se dota inicialmente con 11 millóns de euros e que se complementará ata alcanzar os 22 milóns de euros” .
Tamén se referiu ao compromiso do goberno provincial “co funcionamento e a ampliación da rede de Centros de Atención a Maiores, cunha partida arredor dos 11 millóns de euros co que”, recordou, “a Deputación de Lugo está a soster unha rede pública para o coidado das persoas maiores no rural, que trata de paliar o abandono da Xunta de Galicia, que ten as competencias nesta materia”
Apoio ao tecido asociativo
No relativo as áreas xestionadas polo BNG, o vicepresidente sinalou como elemento transversal o desenvolvemento de programas propios que chegan a todos os concellos e o apoio ao tecido asociativo, destacando que as áreas da Vicepresidencia da Deputación suman 5,5 millóns de euros destinados ao tecido asociativo vinculado á cultura, ao deporte e á actividade agrogandeira ou de conservación do patrimonio rural”
Efrén Castro estimou en máis de 800 colectivos os que recibirán axudas directas para desenvolver iniciativas que van desde o ámbito sectorial ata as iniciativas locais, e que contribúen á dinamización económica, social e cultural dos concellos en que actúan. Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de traballar cos distintos sectores, desde a confianza e a colaboración, para promover a participación social.
Rural
O vicepresidente da Deputación de Lugo puxo en relevo o reforzo da área de Rural, xestionada polo deputado Daniel García, que dobra o orzamento con respecto a 2024 e que contará con 3 millóns de euros.
“É unha área de traballo que empezou a configurarse en 2019, e que con esta inxección de orzamento se consolida na estrutura da Deputación. Entendemos que é o que corresponde nunha provincia na que o sector primario ten unha importancia estratéxica, tanto a nivel económico como social e medioambiental”, apuntou Efrén Castro, que destacou o carácter pioneiro de iniciativas posta en marcha desde esta área ao longo destes anos como o fprograma de fomento da gandería extensiva “O que non arde” ou o de visitas escolares a granxas e proxectos de emprendemento no rural “Da Escola á Granxa”.
O reforzo orzamentario da área permitirá ampliar a cobertura destes programas, que se traducen en axudas directas aos produtores, e reforzar a colaboración coas asociacións agrogandeiras e de asesoramento, para impulsar vías de comercialización das producions agrarias ou avanzar na profesionalizacion e na formacion do sector ante o reto do cambio climático.
Deportes
O orzamento da área de Deportes contempla 4,6 millóns de euros para fomentar a actividade deportiva, que se canalizan, fundamentalmente, a través do apoio a clubs e entidades deportivas. O vicepresidente da Deputación sinalou que esta cifra – que se incrementa en 300.000 euros con respecto á pasada anualidade – converte a área de Deportes no “principal soporte económico para o deporte na provincia, tanto de base e afeccionado como profesional ou semiprofesional”.
Efrén Castro incidiu na necesidade de “coidar e manter un equilibro entre os dous ámbitos, mantendo o apoio aos clubs que compiten nas máximas categorías, que teñen unhas necesidades de financiamento específicas, e o fomento do deporte como actividade física e alternativa de ocio saudable, a través da extensa rede de clubs afeccionados e de base coa que contamos nas distintas comarcas”.
Ademais da colaboración directa co tecido deportivo, o orzamento recolle unha incremento do 30 por cento nas partidas destinadas a mantemento, subminstración de servizos básicos e investimntos nas infraestururas deportivas provincial.
Efrén Castro anticipou que “estes recursos permitirannos continuar co plan de mellora e modernización do Pazo dos Deportes. Neste ano, os investimentos máis importantes realizáronse na dotacion de vestiarios do Anexo e na limpeza e no acondicionamento das paredes exteriores –as dúas obras, a piques de concluír – e de cara ao 2025, marcamos como prioridade unha actuación integral na cuberta do Pazo e a instalación dun equipamento de videomarcador e son central”.
Cultura, Patrimonio e Normalización Linguística
A área xestionada por Iria Castro manterá as liñas de traballo dos últimos catro anos, compaxinando o desenvolvemento de programacións propias para achegar a actividade cultural a todo o territorio co apoio ao tecido asociativo.
Os orzamentos para 2025 contemplan 1,5 millóns de euros – 400.000 euros máis que en 2024 – para a actividade organizada pola propia área, con circuítos de teatro afeccionado e profesional, o programa de difusión da música tradicional e popular Tradigalu, ciclos de cine ou actividades vinculadas á ilustración e ao muralismo, que chegan a todos dos concellos.
Efrén Castro destacou como prioridades “a contratación de creadores e creadoras locais, para que o investimento contribúa ao fortalecemento e á profesionalización do sector cultural” e “a promoción da lingua”.
Dentro da estrutura da área de Cultura, a Rede Museística – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e a Museo de Narla-, que contan cun orzamento global de 3,65 millóns de euros – 400.000 euros máis que en 2024- para atender a retribución do persoal, o funcionamento e mantemento dos propios edificios – tres deles bens patrimoniais – e a programación de actividades nos distintos museos.
Artesanía e Deseño e Memoria Histórica
O vicepresidente da Deputación tamén repasou o orzamento do Centro de Artesanía e Deseño conta de cara ao 2024, que contará con 1,51 millóns de euros, destinados ao funcionamento do propio centro, que alberga un importante patrimonio,e á promocion dos oficios artesáns.
Mantense o investimento da úlitma anualidade para continuar coas liñas de traballo desenvolvidas nos últimos anos, ligadas á formación e a comercialización dos produtos artesáns, e á difusión do patrimonio musical que atesoura a Colección de Instrumentos Musicais, con programacións como Celme de Zanfona.
Os orzamentos de 2025 consolidan tamén unha partida específica para Memoria Histórica, coa previsión de convocar un premio dirixido a fomentar a investigación en relación co golpe de Estado do 36 e coa ditadura franquista.





















O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



