A actividade forma parte do Plan de Conservación Territorial-ON, unha iniciativa da Obra Social de ABANCA que xa leva retiradas máis de 127 toneladas de lixo mariño das costas e mares de Galicia
Burela, 24 de maio, 2025. Máis de 60 persoas, divididas en dous grupos, participaron na mañá de hoxe nunha limpeza simultánea de lixos mariños nas praias do Perdouro e da Marosa, en Burela. A actividade ambiental iniciouse ás 11 da mañá cunha charla informativa na que as persoas voluntarias participantes recibiron as indicacións sobre como realizar a extracción de residuos sen impactar na contorna natural e sobre a metodoloxía de clasificación e reconto do lixo recollido.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares; a alcaldesa de Burela, Carmela López; o patrón Maior da Confraría, Basilio Otero, a directora territorial de ABANCA en Lugo, Zaira Dapena e o coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Carlos Pita, uníronse tamén a esta acción de voluntariado no marco do proxecto PLANCTON de Afundación que permitiu retirar xa máis de 127 toneladas de residuos dos areais e costas de Galicia.
Durante a limpeza en ambas as localizacións, atopáronse distintos aparellos e utensilios empregados para a pesca e extraviados durante o seu exercicio, como restos de redes, cordas, numerosos anacos de poliespán, cabos, boias, sedelas ou paus de batea. Igualmente localizáronse, outra serie de obxectos alleos ao sector e relacionados coa actividade cotiá en terra firme, como os restos de envases e envoltorios plásticos, botes e botellas de plástico, vidro e metal, tapas e tapóns, ou 300 cabichas, entre outros. En total 84 quilos de lixo mariño segundo se reflectiu na pesada realizada ao final da actividade, tras o reconto e clasificación dos residuos. En xeral, ambos areais encontrábanse hoxe substancialmente máis limpos que cando hai dous anos se realizara unha actividade similar no marco de PLANCTON na que se retiraron en total máis de 300 quilos de lixo mariño.
Na xornada participaron persoas de diversos colectivos, a Asociación de Saúde Mental «A Mariña», a Fundación Eu Son e a Confraría de Pescadores de Burela, convocadas dentro do programa de voluntariado Actúa de ABANCA e Afundación no que participan tamén os traballadores de ambas as entidades. A actividade contou ademais coa colaboración do Concello de Burela, que se encargou da xestión final dos residuos recollidos.
A de hoxe foi a sexta limpeza de praias realizada dentro do proxecto PLANCTON no que vai de ano, ás que se suman tamén distintas limpezas de fondos marisqueiros. Así mesmo, dous contedores instalados nos portos de Ferrol e Cambados, en colaboración coas confrarías de pescadores, permiten retirar periodicamente os residuos que localizan os seus asociados no mar durante o exercicio da pesca. Con todas estas accións lograron retirarse xa máis de 32 toneladas de lixo mariño nestes cinco primeiros meses de 2025.
O proxecto PLANCTON forma parte da estratexia de sustentabilidade da Obra Social de ABANCA, e ten entre os seus principais obxectivos fomentar a conservación dos recursos e promover formas de actuar responsables tanto nas actividades socioeconómicas desenvolvidas na costa e no propio mar como na sociedade en xeral. Todo iso acorde ao compromiso de ABANCA e Afundación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, e dunha maneira especial cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos, tal e como se puxo hoxe de manifesto nunha actividade que implicou a 6 entidades diferentes na procura dun ben común.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.


