Ariadna Fernández critica a falla de persoal para diagnosticar a enfermidade e critica por “lenta, desorganizada e sen rigor” a actuación da Xunta do PP
Santiago de Compostela, 13 de xuño, 2025. A deputada do BNG Ariadna Fernández reclamou á Consellería de Medio Rural unha atención máis decidida para facer fronte á enfermidade hemorráxica epizoótica, unha doenza de declaración obrigatoria que afecta ao gando e da que en Galiza se rexistraron os primeiros casos en setembro de 2023. A Xunta ten que subvencionar, defendeu, a vacinación gratuíta e voluntaria, favorecendo así a aqueles gandeiros que lle queiran subministrar as doses aos seus animais. “Se o fan deste xeito, que creo que xa chegan tarde, pero poden intentalo, teremos a cabana gandeira protexida este verán”, apuntou.
A deputada nacionalista fixo esta demanda durante a súa intervención nunha pregunta ao director xeral de Gandeiría, José Balseiros Guinarte, a quen lle reprochou que até o de agora a actuación da Xunta fronte á EHE foi “lenta, desorganizada e falla de rigor”. “Non houbo mellor exemplo do que a Consellería do Medio Rural é para o rural que esta enfermidade. Foi a imaxe clara do que somos as gandeiras e gandeiros do País para vostedes”, comezou denunciando.
Ariadna Fernández centrou as súas críticas tanto na falta de persoal veterinario para facer a diagnose da enfermidade como, sobre todo, das axudas da Administración aos gandeiros e gandeiros con animais afectados. A modo de exemplo, denunciou que no 2023, malia presumir a Xunta de destinar un millón de euros, tan só se investiron 200.000 euros nas indemnizacións por animais mortos por EHE.
Segundo datos da propia Xunta, en Galiza hai 22.667 explotacións, sendo as afectadas pola EHE o ano pasado e que recibisen indemnizacións para vacinación menos de 6.000, contando as de 2023 e 2024 “Deixan sen un euro para vacinar á maioría das explotacións de vacún de Galiza”, reprobou, subliñando ademais que “vacinar, revacinar e desparasitar con 20 euros non é posible”.
As axudas foron escasas e chegaron con retraso, pois aínda veñen de ser ingresadas esa semana as de 2023, criticou a deputada nacionalista, lembrando que a media de gasto por animal que este afectado e cuxos síntomas se deben tratar ronda os 300 euros. “Nin foron os que máis pagaron, nin os primeiros en sacar as axudas nin os que antes ingresaron”, denunciou na comisión.
Subliñou, neste punto, que mentres en Galiza a Consellería “andaba a rapinar nos cartos que pagaban por animal se se gababan de investir 196.000 euros nos pagos”, en relación a 2023, en Estremadura investíanse 10 millóns de euros, en Asturias, tres ou en Castela e León, nove.
A portavoz de industrias agroalimentarias do Bloque criticou, por outra banda, a falla de información aos gandeiros e gandeiras sobre a enfermidade así como a falta de persoal veterinario para facer as diagnoses. “Mentres na comarca do Deza non tiñamos veterinarios que fixesen a diagnose, non había vacinas, os veterinarios clínicos non eran capaces de tratar todos os animais que aparecían enfermos, vostede e o responsable de rural do PP andaban de visita a explotacións que non tiñan ningún problema sanitario, dando voltas en todo terreo polo monte e sacando fotos en explotacións que estreaban instalacións”, denunciou.