Lugo, 26 de xuño de 2025.- A Xunta de Galicia renovará a súa colaboración coa asociación xuvenil Xoldra, de Mondoñedo, na organización da cuarta edición do festival de música BreaSon, que se celebrará na localidade o día 8 de novembro.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha xuntanza con membros da entidade organizadora para coñecer as previsións da programación, avaliar os posibles apoios e facer balance da edición do ano pasado, que congregou a centos de mozos e mozas.
Arias destacou que o BreaSon “é unha iniciativa cultural que aposta polo talento galego, ofrecendo aos novos artistas unha oportunidade de achegarse ao público, e tamén unha proposta turística que axuda a desestacionalizar a oferta do municipio e da Mariña”.