Ribadeo, 28 de xullo de 2025. O campo municipal Pepe Barrera acolleu esta tarde a presentación do LXXIV Torneo Emma Cuervo de fútbol, que disputarán o vindeiro 6 de agosto ás 19:00 horas o Real Club Deportivo da Coruña e o Real Oviedo.
Ao acto asistiron o alcalde, Dani Vega, os concelleiros de Medio Ambiente e Igualdade, Diego Dos Santos e Begoña Sanjurjo, o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, o deputado provincial responsable da Área de Rural, Mar e Mocidade, Dani García, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o presidente do Ribadeo FC, Valentín Coto, o vicepresidente do Real Oviedo, Manuel Paredes, e Carlos Ballesta, conselleiro do RC Deportivo da Coruña.
Todos fixeron fincapé na importancia desta cita, xa que o Emma Cuervo é o vicedecano dos torneos de verán e da importancia que terá para o tecido empresarial local.
E o 23 de agosto ás 12:00 do mediodía o Real Club Deportivo da Coruña e o CA Osasuna xogarán o V Torneo Feminino Emma Cuervo. Organizadores, patrocinadores e colaboradores animan a asistir a ambas citas deportivas e a encher as gradas do Pepe Barrera.