Alfoz, 1 de agosto de 2025. O vindeiro domingo 3 de agosto ás 18:00 horas, o Campo Municipal de Alfoz será escenario do II Memorial José Antonio Río, un emotivo encontro deportivo organizado polo CD Alfoz en colaboración co Concello de Alfoz, en lembranza dun dos veciños máis queridos e implicados no deporte local.
Nesta segunda edición, a SD Burela e a UD Somozas serán os equipos protagonistas dun partido amigable que se presenta como un auténtico espectáculo para os afeccionados ao fútbol da comarca e como unha merecida homenaxe a José Antonio Río.
Desde a Directiva do CD Alfoz, sinala que “este memorial é unha forma de manter vivo o recordo dunha persoa que tanto fixo polo deporte e pola mocidade de Alfoz. Agradecemos aos clubs participantes o seu compromiso con esta iniciativa”.
O evento está aberto ao público, coincidindo coas festas patronais dos Chóferes, e contará cun ambiente familiar e deportivo no que se agarda unha gran participación da veciñanza e dos amantes do fútbol. Dende a organización convidan a todas e todos a achegarse para compartir esta xornada de memoria, fútbol e unión.