Ribadeo, 18 de agosto de 2025. Os establecementos asociados a Acisa repartirán 100.000 rifas entre o 14 e o 31 de agosto, xornada na que terá lugar o sorteo dunhas vacacións a Gran Canaria no marco da campaña O noso comercio é vida, vive Ribadeo. Será ás 21:00 horas no Cantón dos Moreno.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou: “dende Acisa quixemos deseñar unha campaña especial cos máximos recursos posibles a disposición dos nosos socios e socias para contribuír a facer un mes de agosto espectacular e deste xeito dinamizar a economía local para sacarlle o máximo partido a estas datas nas que Ribadeo recibe a visita de milleiros de persoas. E por iso neste 2025 presentamos esta novidade, o sorteo dunhas vacacións a Gran Canaria. Somos conscientes do éxito que teñen estes sorteos e por iso quixemos rematar o verán con outra viaxe coma premio á fidelidade da nosa clientela. Será a sétima vez que desde Acisa enviemos a alguén a gozar dun destino especial. Dende a nosa asociación estamos a traballar para premiar e fidelizar as compras na nosa vila nunha época na que rematan as rebaixas e comezan as compras para a volta ao cole. E sen dúbida este sorteo é unha axuda moi importante”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “en circulación desde este xoves poñeremos 100.000 papeletas. A viaxe que se sortea é para dúas persoas con todos os gastos pagados e será para desfrutar do 20 ao 24 de setembro de 2025. O premio inclúe vo de Oviedo ás Palmas de Gran Canaria e viceversa, e 4 noites de hotel en habitación dobre premium room, en réxime de todo incluído, no hotel Abora Catarina by Lopesan Hoteles de 4 estrelas”.
Pérez Prada indicou que “participar no sorteo é moi sinxelo. As rifas estarán a disposición dos clientes nos establecementos asociados a Acisa do 14 ao 31 de agosto. O único que teñen que facer é pedir as rifas tras o gasto realizado. As papeletas deberán ir debidamente seladas polos establecementos. O sorteo da campaña O noso comercio é vida,vive Ribadeo será presencial e terá lugar o 31 de agosto ás 21:00 horas no Cantón dos Moreno. É moi importante destacar e incidir en que a rifa debe conservarse ata o mesmo 31 e que ese día dende as 17:00 ás 21:00 horas as persoas que teñan rifas no seu poder deberán introducilas na urna que estará instalada no Cantón. Alí deberá quedar a parte pequena da rifa co selo do establecemento e haberá que conservar a parte grande para o sorteo. Non serán validas as papeletas sen o selo dos negocios. As bases do sorteo están dispoñibles na web e redes sociais de Acisa Ribadeo”.
O xerente de Acisa contou que “tamén entregamos os multipases, dos que se emitiron 30.000 unidades coas que os clientes poderán acceder de xeito gratuíto ás actividades multiaventura, a xogar na nosa ruleta da sorte, que estará instalada dende as 19:00 horas a carón dos concertos desta programación e gañar algún dos marabillosos premios: paraugas, bolsas, tazas, camisetas, mochilas… O multipase servirá para conseguir descontos especiais nos comercios participantes nos Xoves Abertos ou para desfrutar dun quinto de Estrella Galicia, dun tinto de verán a tan so 1 euro ou dun cubo de 5 quintos a 5 euros nos establecementos participantes. Todos os establecementos adheridos e as ofertas están na web e nas redes de Acisa. Estes multipases deberán ir selados, son dun único uso cada un, e non se poderán canxear no mesmo establecemento no que se lle entregou ao cliente”.
Cruzado Iglesias, a presidenta do colectivo empresarial, tivo palabras de agradecemento para as administracións e para os patrocinadores: “queremos agradecer á Xunta de Galicia, que cofinancia esta programación especial a través do proxecto O teu comercio local é extraordinario, así como ao Concello de Ribadeo, que colabora coa loxística e co persoal municipal para que todas estas actividades sexan unha realidade. E tamén quero dar as grazas ao noso patrocinador, Discosta Norte, que afianza a súa colaboración con Acisa, así como a Estrella Galicia. Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos deseñamos un gran mes de agosto para o desfrute de veciñanza e visitantes”.
O sorteo da viaxe foi presentado pola presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, e polo xerente de Discosta Norte, Faustino Rivas.





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



