Ribadeo, 30 de agosto de 2025. Este domingo, 31 de agosto, Acisa Ribadeo celebra a súa gran festa do verán con música, obradoiros e o sorteo dunhas vacacións a Gran Canaria, que terá lugar ás 21:00 horas no Cantón dos Moreno.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “chega o broche de ouro a esta campaña especial de Acisa Ribadeo O noso comercio é vida, vive Ribadeo, que forma parte do proxecto da Xunta de Galicia O teu comercio é extraordinario, que se desenvolveu dende o pasado dia 14 de agosto. E chega con música na rúa, ofertas especiais no comercio, obradoiros para nenos e o gran sorteo dunhas vacacións a Gran Canaria”.
Cruzado Iglesias contou que “a programación comeza ás 12:30 horas, na Praza de Abastos, mais concretamente no Mercado dos Domingos, no que celebraremos un obradoiro de comercio local para os mais pequenos da casa. Esta actividade gratuíta é aberta a todo publico. Rematará ás 14:30 e permitirá pasar un rato moi agradable aos nenos e nenas da vila, o tempo que eles queiran, onde terán que responder preguntas, superar retos, debuxar, crear as súas propias bolsas…”.
Pola súa banda, o xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez, explicou o obxectivo desta actividade: “co xogo da ruleta responsable, pretendemos facer fincapé no consumo responsable e o apoio ao comercio local como piares fundamentais para o desenvolvemento sostible de Ribadeo. Na nosa vila, esta forma de ver o comercio adquire especial relevancia dada a importancia do seu tecido comercial. Este proxecto nace da necesidade de educar á próxima xeración nestes valores, convertendo aos nenos e nenas en axentes de cambio. Ao involucralos de forma activa e lúdica, búscase crear un vínculo emocional duradeiro entre eles e os comercios da súa contorna, asegurando unha base de consumidores conscientes e comprometidos co futuro da súa propia vila”.
A presidenta de Acisa seguiu a relatar que “durante a xornada celebrarase o último día do Mercado de Rúa, onde se poderán aproveitar as ultimas ofertas especiais nos establecementos participantes. E para poñer a nota musical gozaremos dun novo Domingueo en Ribadeo con musica en movemento coa charanga Fanfarria Takicárdica, a partir das 12:30 horas para animar as compras e o terraceo do domingo e ás 19:30 horas para animar a tardiña de cervexas cos amigos e a chegada do sorteo dunhas vacacións a Gran Canaria”.
O xerente de Acisa engadiu que “ás 21:00 horas chegará o broche de ouro destas
actividades, o sorteo presencial dunhas vacacións a Gran Canaria, con todos os gastos pagados de 5 días para dúas persoas. Este sorteo realizarase coas rifas entregadas durante toda esta campaña comercial, que deu comezo o pasado 14 de agosto. O sorteo comezará ás 21:00 horas, pero a urna estará instalada dende as 17:00 horas para que todos os veciños e veciñas poidan depositar as súas rifas nela con tempo e non ter que facer cola a última hora. Foron 100.000 as rifas repartidas entre todos os negocios asociados a Acisa e distribuídas en tan so 15 días entre os clientes. O sorteo de mañá suporá o colofón a esta campaña de verán”.
Jesús Pérez, indicou que “haberá cadeiras para que a xente mais maior poida seguir o sorteo sentada, e contaremos con altofalantes para que todo mundo viva o sorteo do mellor xeito posible. Vai ser un acto rápido, que tentaremos non dure moito máis de 30 minutos, tendo en conta que as previsións meteorolóxicas parece que nos van acompañar. O premio sortearase ata que apareza o gañador ou gañadora. Si se extrae unha rifa que non está debidamente selada, quedará inmediatamente invalidada, tal e como recollen as bases do sorteo. Temos que insistir en que a xente poderá depositar as papeletas ata 21:00 horas, despois a urna trasladarase ao escenario desde o que dará comezo o sorteo”.
A presidenta de Acisa dixo: “desde Acisa queremos agradecer de antemán ao Concello de Ribadeo a súa colaboración cos medios materiais e co persoal municipal para poder facer a montaxe adecuada para a celebración do sorteo, e agradecer a empresa Discosta Norte o seu patrocinio. Grazas tamén á clientela dos negocios de Ribadeo por apostar unha vez máis por facer as súas compras na nosa vila, nas tendas físicas atendidas por persoas, que sempre están dispostas a asesorarnos e a ofrecernos o mellor trato e o mellor produto posible. Agardamos seguir contando coa súa confianza”.
Pérez Prada engadiu que “con este sorteo poñemos o broche de ouro a unha campaña excepcional, da que na vindeira semana faremos o balance que xa adiantamos que será histórico. Aprovéitamos para animar a que a clientela aproveite estes dous derradeiros días para facerse coas ultimas rifas do sorteo”.
Desde Acisa anuncian a cancelación da ruleta da sorte prevista para o domingo: “xa que foi tal o éxito desta iniciativa que acabamos cos materias a sortear o pasado xoves.
Lamentamos non poder ofrecer esta actividade, pero tamén estamos satisfeitos de que porque a actividade foi un éxito absoluto e tivo unha moi acollida pola veciñanza e polos visitantes que aproveitaron para levar un agasallo de Acisa Ribadeo: paraugas, camisetas, tazas, botellas, bolsas ou mochilas. Grazas a todas e a todos por participar, por mercar no comercio e por consumir na hostalería ribadense”.



























O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.



