Viveiro, 3 de setembro de 2025. O Concello de Viveiro informa á veciñanza que dispoña de saídas de garaxe nas fachadas das súas vivendas da necesidade de solicitar o vado correspondente, de acordo coa normativa vixente.
Esta medida enmárcase dentro do plan municipal para mellorar o estado das beirarrúas e ordenar o uso do espazo público, garantindo ao mesmo tempo o dereito das persoas propietarias a acceder aos seus garaxes en condicións axeitadas.
Esta actuación enmárcase dentro dun plan máis amplo de mellora da accesibilidade, da seguridade peonil e da estética das beirarrúas, co obxectivo de facer un Viveiro máis accesible, ordenado e coidado para todas e todos.
Nas vindeiras semanas, levarase a cabo un plan de acondicionamento e mellora das beirarrúas, que incluirá, entre outras actuacións, a sinalización e protección dos accesos a garaxes que conten con vado autorizado. Contar cun vado oficial ampara legalmente o uso da entrada e permite ao Concello planificar e executar correctamente as actuacións urbanísticas, en beneficio de toda a cidadanía.
Por este motivo, faise un chamamento a todas aquelas persoas que aínda non teñan tramitado a solicitude do vado para que acudan ás oficinas municipais e regularicen a súa situación canto antes. O Concello prestará asesoramento para facilitar o proceso.
Desde o goberno local agradécese a colaboración da veciñanza neste proceso, que ten como obxectivo común a mellora do entorno urbano e a convivencia no uso do espazo público.