Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS DESTACA QUE A PROVINCIA REXISTROU UNHA SUBIDA DE CASE O 32% NO NÚMERO DE VIAXEIROS CON RESPECTO AO XACOBEO DO 2004
* Os datos relativos ao período xaneiro-outubro revelan tamén un aumento da media de pernoitas e da porcentaxe de ocupación de prazas hoteleiras no territorio lucense
Lugo, 6 de decembro de 2010.- A provincia de Lugo superou este ano nun 31,7% o volume de turistas recibidos durante o anterior Ano Santo, o Xacobeo 2004, e incrementou igualmente o índice de pernoitas nun 28,6%. Cabe sinalar que os datos refírense aos rexistros en hoteis e pensións, polo que non se inclúen os peregrinos que utilizaron os albergues.
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, valorou os datos de ocupación hoteleira de Lugo, segundo os cales entre os meses de xaneiro e outubro viaxaron á nosa provincia 538.268 turistas, que acumularon un número de pernoitas de 854.400, o que deixa a estadía media no 1,59.
Arias sinalou que a conxuntura hoteleira amosa “unha dinámica moi positiva por canto se incrementan tamén os niveis de demanda respecto ao ano pasado, en concreto nun 16,9% o volume de viaxeiros e nun 14,3% as pernoitas nos hoteis e pensións”. Tamén as cifras de ocupación do sector arroxan datos positivos, xa que medra en case 3,5 puntos porcentuais situándose o nivel medio de ocupación de prazas hoteleiras no conxunto do ano en 30,67%.
A delegada territorial atribúe en boa medida o incremento da demanda turística “ao esforzo especial de promoción realizado dende a Xunta de Galicia con motivo do ano Xacobeo”, pero tamén “ao traballo constante de difusión e de apoio ao sector que se realiza dende a Secretaría Xeral para o Turismo e ao esforzo desenvolvido por parte das empresas e os traballadores do sector”.
Arias destacou “o intenso traballo levado a cabo dende a Goberno galego para lograr que este ano Xacobeo fora un éxito, superando xa a estas alturas os 8 millóns de visitantes, todo elo, mediante a difusión de ámbito nacional e internacional, articulando un completo programa de eventos culturais e sociais, e mellorando albergues e camiños”.
Nesta liña, engadiu que “o Xacobeo é un proxecto conxunto que implica a todos os departamentos do Goberno autonómico, desenvolvendo iniciativas culturais, por suposto, pero tamén tecnolóxicas, para facer accesible a ruta a persoas con diversidade funcional, ou económicas, con axudas a empresas que desenvolven iniciativas innovadoras relacionadas co Camiño, entre outras”.
Arias referiu que a cidade de Lugo concentra gran parte dos resultados positivos do conxunto da provincia, dado que “supera os niveis de demanda turística do pasado ano en algo máis dun 12%” tanto no volume de viaxeiros como de pernoitas, mentres que a ocupación hoteleira sobe catro puntos porcentuais e se sitúa no 37,2%, sete puntos por encima da media provincial. Nos primeiros dez meses do ano visitaron a capital 138.221 persoas.
A Ribeira Sacra segue a gañar adeptos como destino turístico, mellorando os resultados do pasado ano en máis dun 17%, igual no número de viaxeiros como de pernoitas. Por outra banda, rexístrase un leve descenso no número de visitantes da Mariña con respecto ao 2009 -un 2,6%- pero increméntase a estadía media en máis de dous puntos porcentuais. En total, entre xaneiro e outubro elixiron visitar A Mariña 112.947 turistas, e optaron pola Ribeira Sacra 104.631.
Últimos meses
A delegada territorial subliñou que un dos principais signos positivos que poñen de relevo estes datos “é que avanzamos na desestacionalización do turismo”. Recoñeceu que pode tratarse “dunha conxuntura atribuíble en boa medida ao efecto do Xacobeo” pero incidiu no esforzo da Xunta para “convertelo en tendencia e garantir a rendibilidade do sector turístico durante todo o ano”.
Así, Arias indicou que os datos do mes de outubro “contribúen de xeito significativo aos resultados positivos do acumulado anual”, pois a demanda hoteleira na provincia increméntase en máis dun 20% respecto do ano pasado, dando como resultado un aumento de case cinco puntos porcentuais no nivel de ocupación, a segunda máis alta de Galicia.
En outubro visitaron Lugo 55.149 viaxeiros. A capital acolleu a preto de 18.000 turistas, mentres que a Ribeira Sacra e A Mariña recibiron 10.351 e 10.115 respectivamente. Con estes datos, as porcentaxes de incremento de visitantes con respecto a outubro do ano pasado sitúanse nun 13,6% na capital, un 19% na Ribeira Sacra e un 9% na Mariña.






















Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.



