No acto repartíronse 1.000 euros en premios así como diversos galardóns ás persoas gañadoras das distintas categorías
Barreiros, 1 de decembro de 2025. O Concello de Barreiros celebrou onte a gala fin do circuíto de carreiras populares +KmsBarreiros 2025 nun abarrotado centro sociocultural onde se reuniron atletas, familias, organizadores e colaboradores amantes do deporte. O acto contou coa presenza da alcaldesa, Ana Ermida, e do concelleiro de deportes e deputado provincial, Dani García.
A gala permitiu repasar, a través de imaxes e vídeos, os mellores momentos das seis probas que compoñen o circuíto: a Carreira Solidaria de Reis (xaneiro), a Carreira das Praias (abril), o 1/2 Km Vertical (xullo), a Benquerencia Terra-Mar (agosto), o Trail Monte Comado (outubro) e a carreira Ao Son do Masma (novembro).
Durante a cerimonia de premiación entregáronse os trofeos e agasallos das distintas categorías, incluíndo os premios en metálico ás clasificacións xerais absolutas e ás persoas gañadoras de cada categoría adulta. En total repartíronse 1.000 euros en premios.
Clasificación xeral absoluta feminina
1. Miriam Folgueira Rico
2. Romina Reimondo Gasalla
3. Lourdes López Villar
Clasificación xeral absoluta masculina
1. David Manuel Martínez Rodil
2. Óscar Murado
3. Manuel Pérez Pérez
Tamén recibiron un recoñecemento especial as e os atletas que participaron en todas as probas do circuíto: cinco carreiras para as categorías inferiores e seis para as persoas adultas.
Un dos momentos máis emotivos da tarde foi a entrega da recadación da pasada Carreira e Andaina Solidaria de Reis. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, fixo entrega dun talón por valor de 667 € á Asociación Saúde Mental A Mariña, en agradecemento ao seu traballo e compromiso social.
Ermida destacou “o espírito solidario e deportivo que caracteriza este circuíto e que fai comunidade. Cada carreira é unha mostra do compromiso da veciñanza, das asociacións e das persoas voluntarias que fan posible que Barreiros siga sendo un referente deportivo e social na comarca”.
Pola súa parte, o concelleiro de deportes, Dani García, quixo “agradecer a imprescindible colaboración dos patrocinadores, das entidades organizadoras —Praias de Comado, A.D. AugasSantas Barreiros e o Colectivo Ollomao— e das persoas voluntarias que sempre están dispostas a botar unha man. Este circuíto é o resultado dun traballo colectivo do que debemos sentirnos moi orgullosos”.
O concelleiro anunciou tamén a data para a primeira carreira do ano: a Carreira Solidaria de Reis, que terá lugar o domingo 4 de xaneiro. Ese mesmo día tamén se organizará, como en edicións pasadas, unha Andaina Solidaria para gozar dunha xornada en familia e con amizades.









Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.



