Os socialistas alertan da renuncia da Xunta a proxectos estratéxicos como a VAC Costa Norte ou o desdobramento Nadela-Monforte
Lugo, 16 de xaneiro de 2026. A Deputada no Congreso, Patricia Otero, e o Senador por Lugo, César Mogo, denunciaron hoxe, en rolda de prensa, a degradación das infraestruturas públicas na provincia de Lugo baixo a xestión do Partido Popular á fronte da Xunta de Galicia. Ambos fixeron fincapé na renuncia continuada a proxectos estratéxicos e na rebaixa da súa envergadura, con especial impacto en comarcas como A Mariña, O Courel e o sur da provincia.
Durante a súa intervención, César Mogo fixo balance do arranque do curso político e puxo en valor a actividade do Goberno de España nas primeiras semanas do ano. Segundo explicou, en apenas dúas semanas o Executivo impulsou iniciativas de gran calado, como un acordo inédito coa Igrexa e medidas clave en materia de vivenda e alugueiros.
O Senador insistiu en que existe un Executivo plenamente operativo e activo: “Hai un goberno que está gobernando cunha intensidade política moi notable”, advertiu, lembrando que “as veces, o ruído tende a quitar claridade sobre a acción política”. Nese sentido, destacou que esta mesma semana houbo pleno tanto no Congreso como no Senado, polo que “a acción parlamentaria está lanzada”.
Fronte a esta realidade, Mogo criticou a estratexia do Partido Popular, que cualificou de “luz de gas”, ao tentar trasladar á cidadanía unha suposta parálise do Goberno central. Explicou que esa mensaxe non se corresponde coa realidade e lembrou que foi precisamente a acción do Executivo a que permitiu relanzar a obra pública en Lugo tras anos de parálise durante gobernos do PP.
Mogo referiuse tamén ao sucedido no pasado mes de decembro no Congreso dos Deputados, cando se produciu un intento de fraude na votación dunha lei de economía social, no que presuntamente estivo implicado un deputado do PP por Lugo, sen que se dera ningunha explicación pública nin comparecencia para aclarar os feitos, malia ás informacións publicadas nos medios de comunicación.
Pola súa banda, Patricia Otero contrapuxo esta realidade coa imaxe “escura e negra” que tenta proxectar o Partido Popular. “Para escuridade, os anos de goberno do Partido Popular, que nesta provincia non fixeron unha soa obra pública de mínimo calado nos case sete anos de goberno de Mariano Rajoy”, afirmou.
En relación co financiamento autonómico, Otero lembrou que o Goberno central puxo enriba da mesa unha proposta que suporía arredor de 600 millóns de euros adicionais anuais para Galicia, así como unha condonación da débeda de 4.010 millóns de euros. Advertiu de que o Partido Popular terá que explicar por que rexeita estas medidas cando o debate chegue ao Congreso dos Deputados.
No eido das infraestruturas, Otero subliñou que existen “dous xeitos moi distintos de actuar”. Mentres o Goberno central avanza a bo ritmo en proxectos como a A-54 ou a Estación Intermodal de Lugo, o Partido Popular permanece en silencio ante os incumprimentos da Xunta nas infraestruturas da súa competencia.
No referido á VAC Costa Norte, a deputada criticou que a Xunta de Galicia presentase a finais do 2025, “a bombo e platillo”, un anuncio que supuxo na práctica a renuncia definitiva ao proxecto orixinal dunha vía de alta capacidade. Segundo afirmou Otero, tras máis de 25 anos de promesas incumpridas, o Goberno galego substitúe a VAC por unha estrada convencional de algo máis de seis quilómetros, cun investimento moi inferior ao inicialmente previsto. “O PP da Xunta de Galicia renuncia á VAC Costa Norte e empeza de cero unha variante que é realmente unha estrada convencional”, denunciou.
A deputada advertiu de que esta decisión exemplifica o abandono da Xunta cara á Mariña lucense e ás comarcas do norte. “A VAC Costa Norte é a imaxe do abandono da Xunta de Galicia coa Mariña de Lugo e coa comarca do Ortegal”, afirmou. “Viñeron os Reis Magos á comarca da Mariña un pouco anticipados para darnos unha mala noticia”, denunciou.
Otero puxo o foco tamén no contexto político dese anuncio, sinalando que na presentación realizada en Celeiro estiveron presentes tanto a alcaldesa de Viveiro como representantes de Por Viveiro. A deputada lembrou que no acordo da moción de censura, Por Viveiro comprometérase a defender a execución da VAC Costa Norte, polo que considerou especialmente grave que avalasen agora unha rebaixa tan substancial do proxecto, aplaudindo unha proposta que supón un novo episodio de abandono da Mariña lucense por parte da Xunta.
A socialista lembrou tamén que esta dinámica de renuncias non é un feito illado, senón que se repite noutros proxectos estratéxicos da provincia, como o desdobramento total do corredor Nadela-Monforte, reducido finalmente ao tramo Nadela-Sarria.
Ambos parlamentarios coincidiron en sinalar que estes exemplos evidencian a hipocrisía do PP, que esixe prazos imposibles ao Goberno central mentres cala ante os atrasos, recortes e rebaixas de categoría nas infraestruturas que dependen da Xunta. Como resumiu César Mogo, en Galicia estase a producir “unha degradación de proxectos moi importantes da obra pública, pasando de vías de altas prestacións a estradas convencionais”.
Desde o PSdeG-PSOE na provincia de Lugo reclaman á Xunta de Galicia que abandone a propaganda, recupere os compromisos adquiridos e aposte por infraestruturas á altura das necesidades da provincia.



















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



