Critica a un “Rueda ausente” que se esconda sen achegar solucións ante o colapso nas urxencias e unha situación crítica tamén nos centros de saúde
Santiago de Compostela, 23 xaneiro 2026. A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu na Coruña as propostas do BNG en materia sanitaria fronte a un Alfonso Rueda que permanece “ausente” e “desaparecido”, incapaz de achegar nin unha soa solución ante o colapso nas urxencias e unha atención primaria tamén nunha situación crítica.
Pontón afirmou que “hai solucións” para a sanidade pública galega “se existe vontade política”, a comezar, como propón o Bloque, por mellorar as condicións laborais e os cadros de persoal dos servizos de urxencias e do conxunto do sistema sanitario.
“Levamos moito tempo vendo como as plantillas están infradimensionadas e ademais nunha situación de precariedade que é responsabilidade directa do Goberno do Partido Popular”, advertiu diante do servizo de urxencias do CHUAC, onde mantivo unha reunión con representantes sindicais de CIG-Saúde para abordar a situación sanitaria na cidade da Coruña e na súa área sanitaria.
A líder nacionalista defendeu en segundo lugar rescatar a atención primaria da situación de colapso na que tamén se atopa cun plan de choque para recuperar os 1.650 millóns de euros que se deixaron de investir durante os 16 anos de Goberno do PP.
Neste sentido, recordou que Galiza ten, despois de Madrid, o segundo investimento máis baixo de todo o Estado, o que provoca a “situación crítica” que sofre a primaria e que moitos profesionais fuxan das condicións de precariedade nas que se atopan, derivando en tempos de espera dunha ou dúas semanas nos centros de saúde que non se poden aceptar como normais.
Esta situación, afondou, está provocando que as e os pacientes non reciban a atención que precisan e, ao agudizarse as súas enfermidades, acaban tendo que acudir a urxencias. “Tal e como está dimensionado o sistema, vemos que está fallando a base, que ten que ser a atención primaria”, sintetizou.
Por iso, o BNG avoga por destinar á primaria o 25% de todo o orzamento do Sergas, sen contar o gasto farmacéutico, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), ademais de cubrir todas as prazas vacantes no Sergas.
Pontón tamén propuxo incrementar as especialidades nos centros de saúde, empezando pola de psicoloxía clínica, xa que o 30% das consultas nos médicos e médicas de cabeceira teñen que ver precisamente con problemas psicolóxicos, unha medida, polo tanto, que permitiría “descargar a presión que neste momento ten a atención primaria”.
Propostas todas elas que confrontou á inacción dun Goberno do PP “incapaz de aportar solucións” e que demostra a súa “gran insensibilidade” vendo como, na Coruña e no conxunto do País, levan semanas cun servizo de urxencias colapsado, un problema que considerou crónico xa que se repite ano tras ano ante a incompetencia do Goberno de Rueda.
“Onde está Rueda? Onde está o presidente da Xunta cando vemos como temos as urxencias colapsadas e a atención primaria tamén nunha situación crítica?”, cuestionou, para recriminar a continuación ao titular do Executivo que permaneza “desaparecido, até o extremo de negarse a comparecer no próximo Pleno do Parlamento”, tal e como solicitou o Bloque.
“Temos a un presidente ausente e que se esconde cando o que necesitabamos é un presidente que se puxera á fronte, que aportara solucións para ver dunha vez por todas como a situación da nosa sanidade pública mellora na vez de ver como empeora”, resumiu.
A portavoz nacional lembrou que non só o BNG está denunciando esta crítica situación, senón que o están facendo as e os propios profesionais, que alertan de que as persoas que traballan en urxencias están ao límite de esgotamento físico e mental e que ás e aos pacientes non se lles está atendendo nas condicións de dignidade e intimidade que merecen.
A isto sumou o colapso tamén da atención primaria, con listas de espera que en algúns casos mesmo superan as tres semanas, o que deriva no seu conxunto no deterioro da calidade asistencial. “E cando se deteriora a calidade asistencial, isto quen o paga é a saúde dos galegos e das galegas e é unha tremenda irresponsabilidade o que está facendo o Goberno do Partido Popular”, advertiu.
Nesta liña, afirmou que non estamos só ante a “incompetencia” dun Executivo diante dunha situación que se repite e empeora ano tras ano, senón tamén á súa “ideoloxía”, porque “o Goberno do PP quere deteriorar o público para beneficiar á privada”.
Así o demostran os datos, afondou, xa que nos últimos cinco anos os galegos e as galegas aumentaron nun 266% o gasto nunha sanidade privada que, ademais, ve incrementados os concertos coa Xunta.
“Este ano van ser 16 millóns de euros máis”, resaltou, para recriminar a Rueda que estea beneficiando a empresas privadas que, como se está vendo no caso de Ribera Salud -propietario do hospital Povisa de Vigo-, o que buscan é “incrementar o seu beneficio a costa da saúde da xente”.
Por iso, Pontón apostou por incrementar os recursos destinados á sanidade pública tal e como propón o BNG fronte a un Executivo do PP que demostra a súa incompetencia á hora de xestionar a sanidade, pero que tamén ten “un plan de voadura controlada” do sistema público para beneficiar á privada.
“O BNG cre que, neste momento, é máis importante que nunca defender a nosa sanidade pública fronte a un Goberno do Partido Popular que está convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas”, concluíu.




















O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
Nesta ocasión, a homenaxeada foi a de Román. Tras unha recepción ás portas do concello, a veciñanza da parroquia desprazouse a pé ata a Igrexa de Santa María co grupo tradicional Cerna de Árbol. Na misa, cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa, realizáronse as ofrendas e púxose en valor a tradición “dos canteiros e os traballos en pedra” en Román, unha parroquia cun destacado patrimonio histórico e cultural. Tras a celebración na igrexa, os veciños e veciñas de Román compartiron uns pinchos de fraternidade no Centro Cultural.
A celebración estivo organizada pola asociación cultural Ourofest coa colaboración do Concello do Valadouro e contou co apoio do Goberno galego. Villares participou na celebración litúrxica, que contou coa actuación do coro da Escola de Música ‘Ao Compás do Río Ouro’, e compartiu coa veciñanza esta xornada festiva de especial arraigo na localidade.
O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Daniel García reafirmou o apoio ao festival, que conta cunha colaboración estable e continuada da Vicepresidencia provincial desde a primeira edición e valorou "o impulso que a Asociación Fanto Fantini lle dá ano a ano ao festival, cun programa que vai máis alá do cartel musical e que profundiza na súa identificación e o seu vínculo con Burela e coa Mariña". A Vicepresidencia da Deputación achega 25.000 euros ao patricinio desta edición do Osa do Mar.



