O Pleno celebrado este martes aprobou a modificación das datas do acordo porque o vixente expiraba en febreiro, garantindo así a continuidade do marco de cooperación entre as dúas institucións para manter vivo o proxecto e poder retomar as actuacións en canto se complete o procedemento de resolución contractual, actualmente pendente do ditame preceptivo do Consello Consultivo de Galicia.
Lugo, 27 de xaneiro de 2026. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou esta mañá a ampliación do convenio interadministrativo co Concello da Pontenova co obxectivo de garantir a cobertura xurídica necesaria para culminar as actuacións pendentes e facer realidade a apertura da residencia de maiores, un servizo esencial para a veciñanza e para toda a comarca.
A renovación do convenio resulta un paso “imprescindible”, xa que o instrumento vixente estaba próximo á súa expiración. A súa continuidade permite asegurar a estabilidade administrativa do proxecto e facilita que, unha vez completados os trámites legais en curso, poidan reactivarse as obras e poñerse en funcionamento o centro.
A situación actual da obra vén determinada polo incumprimento contractual da empresa adxudicataria, tal e como recolle expresamente o informe técnico do Servizo de Arquitectura da Deputación. Segundo indica este documento, a obra atópase executada nun 70,07%, quedando aínda arredor dun 30% pendente de execución, e o prazo máximo contractual rematou o 15 de agosto de 2025, polo que os traballos se atopan formalmente fóra de prazo. Por todo iso, conclúe que os atrasos e a situación xerada son imputables ao contratista e que, ante estes incumprimentos, a Administración está legalmente habilitada para proceder á resolución do contrato.
A decisión da Deputación de iniciar este procedemento responde, polo tanto, non a unha vontade política discrecional, senón á aplicación rigorosa da normativa e á defensa do interese público fronte a un incumprimento acreditado tecnicamente.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, afirmou no Pleno que “un exemplo claro desa actuación preventiva foi a decisión da Deputación de iniciar a resolución do contrato coa empresa adxudicataria antes mesmo de que esta entrase en concurso de acredores. Esta medida resultou clave para evitar maiores atrasos e consecuencias máis graves para o proxecto. Trátase ademais dunha situación que non é allea ao contexto xeral, xa que problemas similares están a producirse noutros centros residenciais da provincia, como Ribadeo ou Riotorto, aínda que nestes casos sen relación coa Deputación de Lugo”.
Á espera do ditame do Consello Consultivo
Unha vez iniciado o procedemento de resolución contractual, a Deputación solicitou, como esixe a lexislación vixente, o ditame preceptivo do Consello Consultivo de Galicia, órgano independente encargado de supervisar xuridicamente este tipo de expedientes.
O propio Consello Consultivo comunicou oficialmente que precisaba dun prazo adicional de 15 días para emitir o seu ditame, ampliación solicitada pola Deputación no marco dun procedemento tramitado con absoluto rigor.
Desde a institución provincial aclárase que este paso é obrigatorio por lei e garante que todo o proceso se desenvolva con plenas garantías xurídicas. Unha vez emitido o ditame, a Deputación procederá á liquidación definitiva do contrato e activará de inmediato os seguintes pasos administrativos necesarios para poder reanudar as obras.
A ampliación do convenio, clave para non paralizar o proxecto
A ampliación do convenio aprobada polo Pleno ten como finalidade evitar calquera baleiro xurídico e asegurar a continuidade da cooperación entre administracións. Trátase dun paso imprescindible para que, unha vez resolta a situación contractual, poida avanzarse con axilidade cara á finalización da obra e á posta en funcionamento do centro.
Desde o goberno provincial subliñan que “a Deputación está a actuar con responsabilidade, rigor técnico e respecto escrupuloso á legalidade, co único obxectivo de protexer o interese público e garantir que a residencia da Pontenova sexa unha realidade canto antes”.
A Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso absoluto coa atención pública ás persoas maiores e coa defensa dun modelo de servizos sociais que permita que a veciñanza poida seguir vivindo nos seus concellos con dignidade, seguridade e calidade de vida.






















Villares detallou algunhas destas accións no encontro empresarial organizado en Vilalba pola organización profesional BNI LOU VCR Breogán, un grupo de networking integrado por unha trintena de empresarios e profesionais da provincia. Entre outras, referiuse ás axudas para favorecer o establecemento dos traballadores autónomos ou para o fomento da contratación; os plans do Igape para a expansión e innovación do tecido produtivo, ou as iniciativas de formación. “Apoiar as empresas, as pemes e aos autónomos é apoiar o futuro do territorio”, afirmou.
A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



