Santiago de Compostela, 10 de febreiro, 2026. O Grupo Parlamentario Socialista de Galicia, a través da deputada Lara Méndez López e dos deputados Carlos López Font e Aitor Bouza Manso, presentou no Parlamento de Galicia unha pregunta dirixida ao Goberno galego sobre o futuro da Vía de Alta Capacidade VAC-Norte de Viveiro.
Desde hai décadas, Viveiro e o conxunto da comarca da Mariña reclaman unha solución real, eficaz e estrutural aos graves problemas de mobilidade e comunicacións que padecen, explican.
Durante anos, a Xunta de Galicia defendeu e impuxo o proxecto da Vía de Alta Capacidade VAC-Norte, unha infraestrutura estratéxica destinada a mellorar a seguridade viaria, a fluidez do tráfico e a competitividade económica dun territorio clave do norte do país.
A VAC-Norte foi incluída no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Viveiro por esixencia da propia Xunta, condicionando durante máis dunha década o desenvolvemento urbanístico e territorial do municipio. O Concello de Viveiro e a totalidade da Corporación municipal aceptaron esa imposición para poder avanzar na tramitación do PXOM, confiando en que a infraestrutura comprometida acabaría executándose, engaden.
Porén, o recente anuncio do presidente da Xunta en Viveiro supón un cambio de criterio profundo e preocupante. O Goberno galego renuncia de facto á VAC-Norte e substitúe o proxecto por unha variante de estrada convencional, cun investimento moi inferior e un alcance claramente limitado. Esta alternativa non responde ás necesidades reais de mobilidade nin aos problemas estruturais de tráfico que sofre Viveiro, especialmente nos accesos ao casco urbano e na conexión coa rede viaria principal.
Segundo o Grupo Socialista, esta decisión representa unha rebaixa inaceptable das aspiracións e dereitos da veciñanza de Viveiro, que ve como se lle nega unha infraestrutura da que si dispoñen outras comarcas galegas. Ademais, alertan de que a solución proposta corre o risco de quedar obsoleta a curto prazo, ao tratarse dunha estrada convencional incapaz de absorber o volume de tráfico actual e futuro.
O grupo parlamentario considera especialmente grave que, tras anos de bloqueo e esixencias ao Concello, a Xunta pretenda agora pechar definitivamente a porta a unha vía de alta capacidade, sen diálogo real, sen avaliación comparativa de alternativas e sen ter en conta o impacto desta renuncia no PXOM nin no desenvolvemento económico e social de Viveiro e da Mariña.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Socialista insta a Xunta de Galicia a rectificar, recuperar unha visión ambiciosa e apostar por unha infraestrutura acorde ás necesidades do territorio.
A pregunta formulada ao Goberno galego é a seguinte:
Vai a Xunta de Galicia retomar o proxecto da Vía de Alta Capacidade VAC-Norte de Viveiro como infraestrutura estratéxica para a mellora da mobilidade, da seguridade viaria e do desenvolvemento económico da Mariña?




















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



