Empraza ao titular da Xunta a seguir o exemplo do alcalde nacionalista de Muras para poñer a riqueza enerxética do País ao servizo da cidadanía
Santiago de Compostela, 11 febreiro 2026. A portavoz nacional, Ana Pontón, recriminou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o seu “agasallo millonario” ás eléctricas coa modificación introducida polo Goberno do PP no cánon eólico para que “paguen menos impostos”, mentres en Galiza hai “300.000 persoas en pobreza enerxética” que “non poden prender a calefacción”.
Pontón cifrou en 1,6 millóns de euros, “só en 2026 e só en oito parques”, o agasallo fiscal do Executivo ao sector eléctrico. “Ese é o seu bando, as eléctricas por diante dos galegos e das galegas”, afeou a Rueda nunha sesión de control na que lle reprochou que o PP sempre elixiu poñerse do lado do lobby eléctrico.
A líder nacionalista evidenciou esta posición recordando que, primeiro, os populares anularon en 2009 “con falsidades un concurso que por primeira vez poñía a riqueza eólica ao servizo de Galiza”, en referencia ao concurso aberto polo BNG no goberno bipartito.
Posteriormente, afondou, vetaron unha tarifa eléctrica galega para que o País fose compensando polos custos ambientais e sociais cunha tarifa máis barata e tamén “dixeron non” á creación dunha empresa pública de enerxía porque “para o PP, é moitísimo mellor que as eléctricas se forren coa riqueza eléctrica” que ten Galiza, recalcou.
“Vostede segue lexislando ao ditado das eléctricas e o último exemplo vémolo no cambio do cánon eólico para que paguen menos impostos”, criticou a un Rueda, ao que emprazou a seguir o exemplo do alcalde nacionalista de Muras, o concello con máis eólicos do País, que si traballa para poñer a riqueza enerxética ao servizo da cidadanía.
“Desde o BNG demostramos que se pode gobernar doutra maneira, demostrámolo en Muras, un municipio de apenas 600 habitantes, pero que ten un alcalde valente, que fai o que vostede non se atreve a facer, negociar cara a cara con Iberdrola para lograr un reparto xusto dos beneficios”, exemplificou. “Defender un acordo xusto en lugar de axeonllarse ante as eléctricas, que é o que fai vostede”, reprochou ao titular do Executivo.
A portavoz nacional recordou que o rexedor de Muras actuou para que os veciños e veciñas do concello se beneficien da riqueza eólica cunha tarifa pola que non terán que pagar a luz e que, ademais, traballou para lograr máis recursos para financiar os servizos sociais e compensar o que o Goberno do PP “lle quita para darlle agasallos fiscais ao lobby eléctrico”.
“Vai tomar exemplo ou vai seguir gobernando para as eléctricas baixándolles os impostos e regalándolles millóns de euros?”, cuestionou a Rueda, ao que recordou que “o que non é normal é que Galiza pague o enorme custo social e ambiental sen recibir nada a cambio”.
“Ao contrario, grazas ao Partido Popular, en 2020 os galegos e galegas pagamos a luz máis cara que o resto do Estado”, advertiu, para pedir a continuación ao presidente da Xunta que “quite a cadeira que teñen as eléctricas no Consello da Xunta” e que “empece a gobernar para os galegos e as galegas”.
Pontón reprochou a Rueda que na súa resposta evitase explicar o que cualificou de “auténtico escándalo”, unha modificación do cánon eólico que “claramente beneficia ás empresas” e que fai perder aos galegos e galegas millóns de euros “para que elas gañen máis”.
Cunhas repotenciacións que “non están paralizadas” senón que se poden seguir realizando, contrapuxo ao presidente da Xunta sobre unha suposta non aplicación da modificación do cánon este ano, e que “están sendo financiadas con fondos públicos”, o que fai aínda “máis bochornoso” ese agasallo fiscal ao sector.
A líder nacionalista recordou na súa quenda de réplica que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou legal o concurso eólico impulsado polo BNG no goberno bipartito, evidenciando “as mentiras do PP” para anulalo, logo de indicar que o Tribunal Constitucional “non é un árbitro neutral”, senón un instrumento de PP e PSOE ao servizo do centralismo, en referencia á recente admisión a trámite por parte do alto tribunal do recurso de inconstitucionalidade contra os cambios legais da Xunta no sector eólico.
“O que sabemos do concurso eólico do bipartito é que quen o declarou legal foi o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que deixou en evidencia as súas mentiras”, incidiu Pontón, quen acusou aos populares de anulalo porque “por primeira vez, a enerxía se poñía ao servizo do País”, cun retorno ás arcas públicas do 14% dos beneficios. “Pero vostedes botárono abaixo porque son os grandes defensores do lobby eléctrico”, sintetizou.
En contraposición ao PP, a portavoz nacional avogou polo modelo enerxético do BNG que pon a riqueza enerxética do País a favor dos galegos e das galegas e que pasa pola creación dunha tarifa eléctrica galega e dunha empresa pública de enerxía, igual que teñen outros países da contorna como Francia ou Noruega, para compensar a Galiza polos custos medioambientais e socias da produción e abaratar a factura da luz.
De igual xeito, defendeu que as eléctricas “teñen que pagar máis” e non recibir agasallos fiscais como os que lle fai o Executivo de Rueda a través da modificación do cánon eólico, con esa rebaixa de 1,6 millóns de euros só para oito parques.
“Xa sabemos cal é o custo que teñen as portas xiratorias e estou segura de que pronto saberemos quen é a próxima Bea Mato do seu goberno”, concluíu en referencia a exconselleira de Medio Ambiente, agora directiva en Greenalia.























Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Conta con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibirán as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolle a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destaca a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Estímase que ata o domingo se acheguen a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
O horario será o seguinte: Martes, 20 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas. Mércores, 21 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa a través do teléfono 981 92 80 80 ou da páxina web
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



