A Presidenta da institución provincial compartiu cos integrantes deste grupo burelés un dos ensaios previos ao evento, que se celebrará este sábado pola Gran Vía madrileña, na que participarán 1.600 músicos e 27 bandas nacionais e internacionais
Lugo, 10 de marzo de 2026. O grupo de gaitas da Asociación Cultural e Musical Dambara de Burela será o embaixador da provincia de Lugo no desfile de San Patricio, en Madrid, grazas ao patrocinio da institución provincial. Este pasarrúas de música celta, que se celebrará pola Gran Vía, é o máis importante de España, pois reunirá a 1.600 músicos e 27 bandas de gaitas chegados de diferentes puntos nacionais e internacionais. A Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, xunto á concelleira Patricia Eijo Palmeiro, presenciou un dos ensaios previos ao evento do grupo mariñán que, ademais, portará unha bandeira da institución provincial durante o percorrido.
Carmela López destacou que “é un orgullo para nós que o nome da nosa provincia chegue ata Madrid a través da música e da tradición galega. Esta é unha cita de gran proxección nacional e internacional que reunirá a unhas 250.000 persoas, o que supón unha oportunidade única para dar a coñecer o talento e a riqueza cultural que temos na provincia de Lugo”.
Nesta liña, a mandataria provincial tamén fixo referencia á traxectoria desta entidade “que leva case 30 anos promocionando a formación dos mozos e mozas na música tradicional, organizando actividades que apoian a nosa identidade e contribuíndo a preservar o noso patrimonio cultural”.
No evento, que se celebrará este sábado e terá unha duración aproximada de dúas horas, participarán 28 integrantes do grupo Dambara, vestidos co traxe tradicional galego, e interpretarán entre dez e quince pezas, que inclúen pasodobres, muiñeiras, así como outras composicións da música tradicional galega.





















Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
A última xornada tivo lugar o sábado 7 de marzo no Local Social, coa disputa da final entre as dúas parellas clasificadas. A continuación celebrouse a tradicional cea e a entrega de premios ás tres primeiras parellas. Os equipos gañadores foron: 1º posto: Carlos e Toñito. 2º posto: Eladio e Santi. 3º posto: Tomás e Demetrio. A Xunta Directiva agradece a excelente acollida desta edición e expresa o seu desexo de seguir contando coa participación de todos nas vindeiras convocatorias.
Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.



