Ribadeo, 27 de abril, 2026. O BNG de Ribadeo denuncia que esta semana se cumpre un ano da data prevista para a finalización das obras do Hospital-Asilo, sen que existan avances nin previsións de reactivación.
Segundo o grupo municipal, a actuación continúa totalmente paralizada e sen sinais de retomarse a curto prazo, o que consideran un atraso “inxustificable” nun proxecto clave para o municipio.
O BNG lembra que as persoas usuarias levan arredor de tres anos fóra das instalacións, sen un horizonte claro de regreso, o que —afirma— agrava o impacto social da demora. Tamén sinala que segue sen definirse o modelo de xestión futura do centro, unha cuestión que consideran esencial e na que non perciben avances por parte do goberno municipal.
O voceiro do BNG, Martín Graña, asegura que “é inaceptable que, un ano despois da data prevista de finalización, as obras non só non estean rematadas, senón que permanezan completamente paradas”. Engade que, ao seu xuízo, a falta de planificación está a prolongar unha situación que afecta directamente ás persoas usuarias e ás súas familias.
O Bloque critica tamén as declaracións do alcalde, Daniel Vega, nas que afirmaba que as obras avanzaban a bo ritmo, e lembra que a actuación chegou a estar paralizada durante catro meses ao inicio. Subliñan que unha obra prevista para 18 meses acumula xa preto de tres anos.
Así mesmo, denuncian a falta de acceso á información, despois de solicitar en tres ocasións o expediente completo sen obtelo, o que —indican— fai pensar en posibles irregularidades e supón unha falta de transparencia que dificulta a súa labor de control.
O BNG reclama a reactivación inmediata das obras e a presentación dun calendario público para a súa finalización. Tamén insta ao goberno municipal a avanzar na definición dun modelo de xestión pública para o Hospital-Asilo.
Graña conclúe que “Ribadeo non pode permitirse máis atrasos nin máis escusas” e pide actuar con responsabilidade para poñer fin á situación.





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



