A propiedade en man común é unha moi potente ferramenta de loita contra a tripla crise —climática, enerxética e demográfica— que sinala o noso tempo. En Galicia e Portugal, as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC; 650.000 ha., máis do 20% da superficie deste país)) e os baldíos lusos (500.000 ha. no norte e centro do país irmàn ) non son simples propiedades colectivas ou reminiscencias medievais, senón que constitúen columna vertebral da nosa soberanía territorial e a expresión máis depurada dun patriotismo cívico, moderno e ecolóxico. Fronte ao modelo espoliador do capitalismo de casino, que concibe o rural como un espazo baleiro e destinado ao sacrificio, susceptíbel de ser colonizado por multinacionais foráneas, a titularidade veciñal vinculada á “casa aberta” mantén vivo o cordón umbilical entre o pobo e a súa terra. A propiedade en man común nin se vende, nin se divide nin se embarga: é a herdanza inalienábel das xeracións vindeiras, o corazón da nosa identidade colectiva. Blackrock ou Monsanto non poden adquirir estes bens mancomunados.
Porén, este patrimonio inmenso atópase historicamente a por un corsé lexislativo que non está axeitado aos tempos actuais. A Lei de Montes Veciñais en Man Común de 1989 (LMVMC) e as súas sucesivas reformas foron deseñadas baixo un prisma puramente produtivo-forestal que hoxe resulta obsoleto e eivado de ambición nacional. Galicia non pode seguir aturando que o seu principal activo territorial sexa tratado como un mero subministrador de madeira barata para celulosas ou como un taboleiro colonial onde as promotoras eólicas instalan os seus macrocomplexos sen deixar valor engadido no tecido socioeconómico do país. Cómpre un xiro copernicano, unha mudanza estrutural con perspectiva de vangarda que outorgue ás CMVMC plena capacidade xurídica para actuar como axentes integrais do ordenamento, da transición enerxética e da xestión ambiental activa.
Neste contexto insírense os debates do VIII Congreso de Montes Veciñais en Man Común, celebrado o 23 e 24-M en Allariz e da xornada do 29-M de Vigo sobre as entidades comunitarias e transición enerxética comunitaria organizadas polos Observatorios Eólico de Galicia -dirixido polo catedrático da Uvigo, Xavier Simòn- e dos Montes en Man Común e Baldíos, nos que partillan as Fundacións Juana de Vega e Illa Couto e maila propia Uvigo. Tamén iniciativas para a revisión da LMVMC como a que está a desenvolver un grupo de traballo do Consello da Cultura Galega (CCG). Trátase de definir con clareza na reforma vindeira da LMVMC unha capacidade xurídica ampliada dos MVMC para actuar no eido da produción e autoconsumo enerxéticos, recoñecendo a súa capacidade de fundar as comunidades enerxéticas previstas no Dereito estatal e europeo ou partillar nas mesmas como socios e reformulando dende unha perspectiva integral e non meramente forestalista as fins que alicerzan as CMVMC e trasladar este obxectivo ás CMVMC, Universidades, ambientalismo, principais operadores sociais e económicos territoriais e do medio rural e aos partidos políticos cara a adopción definitiva desta reforma. É verdade que a xurisprudencia casacional do TSXG podería acadar tamén este obxectivo (as fins actuais da LMVMC alicerzan a vocación ambiental e de ordenamento enerxético das CMVMC), mais a seguridade xurídica proxecta unha nidia preferencia pola reforma lexislativa.
No eido estatal, urxe modificar a Lei do Imposto sobre Sociedades para que o retorno económico derivado da venda de excedentes eléctricos ou dos novos créditos de carbono non compute no réxime xeral das sociedades mercantís, sempre que ese capital se reinvista na mellora ambiental, na prevención dos lumes e no benestar social da propia parroquia.
O monte mancomunado galego vai vivir nos vindeiros anos a negociación coas promotoras eólicas cara a repotenciación dos vellos parques. Estamos diante dunha xanela de oportunidade histórica que esixe intelixencia económica e audacia política. A substitución de vellos aeroxeradores por máquinas de nova xeración pode ser apanca que sinale o nacemento dun ecosistema robusto de comunidades enerxéticas locais baixo control social. Non podemos permitir que o mercado de turbinas de segunda man sexa un negocio opaco de desgonce corporativo. Esas infraestruturas, logo de aqueladas para un novo uso, teñen a escala e a potencia perfectas para que as CMVMC xeren a súa propia electricidade, garantindo a autonomía enerxética das nosas parroquias e reducindo moi substancialmente as facturas enerxéticas das nosas veciñanzas. Ao tempo, as CMVMC (e, en xeral, as persoas propietarias) han de se amosar firmes diante das promotoras eólicas nos novos arrendamento, esixindo porcentaxes xustas sobre os ingresos brutos da venda de enerxía e reducindo no posíbel os prazos dos contratos para non hipotecar o mañá e inserindo cláusulas que garantan a cesión de tecnoloxía e retornos locais.
As CMVMC son a panca esencial coa que conta Galicia nestes tempos de transición enerxética para democratizar a produción da enerxía eléctrica e garantir a participación das comunidades locais nos beneficios da produción enerxética, alicerzando deste xeito un desenvolvemento sustentábel do territorio.


















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



