O pasado xoves atopei un par de horas para achegarme á praia de Celeiro. Hai que aproveitar estes días de bo tempo, porque en Viveiro nunca se sabe que verán nos agarda. Durante o tempo que estiven na praia, vin pasar dúas veces o autobús urbano por diante do areal. Chegaba ata o porto de Celeiro, daba a volta e emprendía o regreso cara a Viveiro.
Lembrei entón a cantidade de persoas ás que este servizo lles pode resultar útil: quen traballa en Celeiro, quen se despraza á Escola Oficial de Idiomas ou á piscina municipal.
Dende abril, Viveiro conta cunha liña de autobús urbano que conecta os tres principais núcleos de poboación —Covas, Viveiro e Celeiro— cunha frecuencia dunha hora.
Esta liña foi impulsada polo BNG durante a nosa etapa no goberno municipal, coa intención de ofrecer unha alternativa real ao vehículo privado e de sentar as bases para unha futura ampliación do servizo ás parroquias. O percorrido une Escourido e o porto de Celeiro, en ambos sentidos, a través de até 15 paradas distribuídas polos principais puntos de interese do concello.
Permite acceder con facilidade a servizos esenciais como o centro de saúde, onde existe unha das paradas, así como ao centro urbano de Viveiro, onde se concentran boa parte das administracións e servizos públicos: o comercio, os mercados, Correos, a Seguridade Social, a Policía, o Concello ou os Xulgados.
Ademais, trátase dun servizo accesible. O billete custa 1,60 euros e é gratuíto para as persoas usuarias da tarxeta Xente Nova (entre 5 e 21 anos) e da Tarifa +65 para maiores de 65 anos. Podendo estas persoas solicitar a súa tarxeta en calquera oficina de Abanca.
Porén, existe un problema evidente: a falta absoluta de promoción por parte do actual goberno municipal. A empresa puxo en marcha esta liña a modo de proba durante uns meses, coa finalidade de demostrar ante a Consellería de Mobilidade que existe demanda suficiente para consolidar o servizo. Mais, como vai existir esa demanda se o Concello non informa á cidadanía da súa existencia nin fomenta o seu uso?
Nun municipio como Viveiro, sen unha circunvalación que desconxestione o tráfico e onde gran parte dos desprazamentos obrigan a pasar pola Porta de Carlos V, un transporte público eficaz debería ser unha prioridade. Especialmente en épocas de gran afluencia, cando o incremento de vehículos provoca problemas de circulación e aparcamento. Un autobús urbano ben utilizado contribuiría a reducir o tráfico, facilitaría a mobilidade da veciñanza e visitantes, e axudaría tamén a diminuír a contaminación.
Con todo, semella que este servizo non figura entre as prioridades do actual executivo municipal. Non se promove, non se publicita e nin sequera se sinalizan as paradas cos seus horarios e percorridos. Sería lóxico realizar unha campaña informativa, distribuír folletos nos fogares ou empregar os medios municipais para dar a coñecer o servizo. Mais nada diso está a acontecer.
A sensación é que se pretende manter este transporte público na clandestinidade, como se interesase que a veciñanza non soubese que existe. E iso resulta especialmente preocupante porque esta liña representa só a primeira fase dun proxecto máis ambicioso. O seu éxito ou fracaso condicionará a posible extensión do servizo a outras zonas do municipio.
Semella que o Partido Popular está a aplicar a mesma estratexia que durante anos se empregou co FEVE: primeiro non se promove nin se apoia o servizo; despois argumentarase que ten poucos usuarios e un custo elevado; finalmente, xustificarase a súa desaparición.
Os feitos evidencian unha escasa aposta polos servizos públicos. Vémolo no transporte urbano, na defensa da sanidade pública -onde a alcaldesa prefireu ir de papatoria- e tamén na falta de reivindicación dunhas infraestruturas de comunicación acordes co século XXI.
Mentres tanto, en Viveiro agora existe unha alternativa de transporte público que pode mellorar a vida de moitas persoas e beneficiar ao conxunto da veciñanza. Un autobús urbano pensado para quen non ten coche, para quen non pode conducir, para quen quere aforrar desprazamentos innecesarios en vehículo privado, para reducir os problemas de tráfico e aparcamento e para contribuír á protección do medio ambiente.
Porén, lonxe de promocionalo e impulsar o seu uso, o goberno municipal manteno practicamente invisible para a maioría da cidadanía.
Semella que agora, o que temos, é un transporte público clandestino.
Iria Cotelo Cociña
Portavoz do BNG no Concello de Viveiro

















Villares, que dimitira hai un ano tras ser denunciado por agresión sexual —unha investigación que foi arquivada ao non atoparse probas—, substituirá no cargo a Javier Arias.
Ao acto están convidadas a directora xeral de Desenvolvemento Rural e Industrias Agrarias, Mª Begoña López Fernández; o director xeral do Medio Natural, David Villar García; así como as alcaldías dos 14 municipios que forman parte da Reserva, entre outras autoridades.
O Concello destaca que este logro é resultado do esforzo, da dedicación e da paixón polo deporte que o arqueiro demostra en cada competición, levando o nome de Cervo e do seu club ao máis alto. A administración local subliña o orgullo que supón contar con deportistas que representan valores como o traballo, a constancia e a superación.
A iniciativa forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Xacobeo 2021, financiado con fondos europeos Next Generation. No acto proxectouse o tráiler e un capítulo completo. Tras a estrea, os contidos difundiranse nas redes sociais e no YouTube municipal, e no verán organizarase un novo evento para ver a serie íntegra.
Non deben prematricularse quen continúe co mesmo instrumento nin quen opte a talleres, Música e Movemento, Pandeireta ou Instrumentos Tradicionais, que se inscribirán en setembro. As solicitudes presentaranse no rexistro do Concello ou na sede electrónica, sen garantir praza. O alumnado xa matriculado mantén a súa praza se formaliza a matrícula entre o 1 e o 9 de setembro. A Escola contactará na primeira semana de setembro para confirmar dispoñibilidade segundo o Regulamento interno.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



