Burela, 12 de xuño, 2026. A Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos de Lugo (FAPACEL) expresou o seu total apoio á concentración convocada pola ANPA do CEIP Vista Alegre de Burela, celebrada o pasado 11 de xuño ás 20:00 horas na Praza do Concello, para reclamar solucións aos problemas estruturais que afectan ás instalacións do centro educativo.
As familias mobilizáronse para demandar actuacións urxentes nun edificio que presenta importantes deficiencias: humidades, luminarias deterioradas, patios que precisan intervención, canalizacións obsoletas, ventás con baixa eficiencia enerxética e outras carencias que evidencian a necesidade dunha remodelación integral. A estas problemáticas súmanse as barreiras arquitectónicas que aínda existen e que impiden garantir unha inclusión plena de todo o alumnado.
FAPACEL subliña que non é aceptable que, en pleno século XXI, haxa nenos e nenas que vexan limitado o seu acceso ou participación en determinados espazos do centro por cuestións de accesibilidade. Esta situación, afirman, vulnera o principio de igualdade de oportunidades e transmite unha mensaxe inasumible: a existencia dun alumnado de primeira e outro de segunda. A educación pública —engaden— debe ser inclusiva, accesible e garante dos dereitos de todas as nenas e nenos sen excepción.
A Federación lembra que o CEIP Vista Alegre é un ben público, non propiedade do alumnado actual nin das súas familias nin do profesorado. Pertenceu ás xeracións que pasaron polo centro, pertence á actual e pertencerá ás futuras. Por iso, a súa conservación e mellora non pode depender da insistencia constante das familias, senón da responsabilidade das administracións públicas.
FAPACEL destaca que as familias e a veciñanza que participaron na concentración exerceron un dereito democrático recollido na Constitución: o dereito a manifestarse para defender aquilo que consideran xusto. E o que reclaman é simple: instalacións dignas, seguras e acordes coas necesidades educativas do século XXI.
A Federación considera especialmente decepcionante a reacción da Administración, que chegou a afirmar que o centro “está ben”. Para FAPACEL, esta resposta resulta allea á realidade que coñecen diariamente as familias e a comunidade educativa.
A entidade lembra que as solucións poden requirir planificación, fases ou inclusión en futuros orzamentos, pero o que non é aceptable é ignorar ou minimizar o problema. A Administración —subliñan— debe ser un organismo público, pero tamén humano, capaz de escoitar, comprender e responder ás preocupacións lexítimas das familias.
FAPACEL insiste en que non se están reclamando privilexios, senón responsabilidade, visión de futuro e respecto polo patrimonio educativo común. “Cando se deixa deteriorar unha escola pública, non só se deteriora un edificio: detériorase tamén unha parte esencial do compromiso colectivo coa educación”, afirman.
A Federación agradece o compromiso das familias que, día tras día, dedican tempo, esforzo e ilusión á defensa da educación pública, pensando no futuro das nenas e nenos de Galicia.
Finalmente, FAPACEL confirma que seguirá acompañando ás familias do CEIP Vista Alegre de Burela e a todas aquelas comunidades educativas que reclamen o que lles corresponde.



























As persoas que non puideron obter a súa entrada durante o período de reserva anticipada poderán recoller as entradas restantes o propio día da función, mércores 5 de agosto, a partir das 20:00 horas, na taquilla do Teatro Pastor Díaz. A entrega realizarase ata completar a capacidade do recinto, cun máximo de catro entradas por persoa. O Concello de Viveiro agradece a excelente acollida que está a ter esta representación e lamenta as molestias que esta situación poida ocasionar.
Villares gabou o traballo do club Val de Francos, “que en tempo récord logrou situar esta cita entre as máis atractivas da provincia para os afeccionados á hípica”. Neste sentido, destacou a proxección que está a gañar este deporte e o impulso que recibe da Xunta, principalmente a través dun convenio coa Federación Hípica Galega polo que destina máis de 80.000 euros para as actividades a desenvolver este ano. A proba discorrerá por camiños forestais de terra, a excepción dos cruces de estradas, e constará de tres modalidades, con distancias de 80, 60 e 40 quilómetros respectivamente.
Arxentina de nacemento e viveirense de corazón, retomou en Galicia a súa vocación artística e atopou na escultura a súa forma de expresión. A súa obra céntrase en figuras humanas cargadas de emoción, en soidade ou en relación cos outros. A exposición reúne pezas seleccionadas e premiadas en certames de Madrid, Barcelona, Valdepeñas e Florencia nos últimos oito anos, que agora regresan —como a súa autora— á casa. Poderá visitarse ata o 29 de agosto.
A clasificación final quedou do seguinte xeito: en Sub-10, Los 5 FC proclamáronse campións, seguidos de Los Balones; en Sub-12, o primeiro posto foi para Aston Birra, seguido de Minavo de Kiev e The Blues Bananas; en Sub-15, o equipo Piti levou o título, seguido de PDC e Camoca; en Sub-17, PDC acadou o primeiro posto, por diante de Papa Cu Leti e Motototo; e na categoría Sénior, Motototo resultou gañador, seguido de Descansa e Texeira Lima. As medallas foron entregadas pola alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada polos concelleiros José Manuel Balseiro e Alfredo Fernández, que felicitaron a todos os participantes polo seu esforzo e deportividade.
Durante o evento realizouse unha ofrenda aos mariñeiros falecidos e, seguidamente, tivo lugar a subida da imaxe da Virxe do Carme ata a Igrexa. Esta última xornada continuou cunha misa solemne, á que asistiron numerosos veciños e visitantes que se achegaron ata a localidade mariñá, seguida da procesión acompañada pola Banda Naval e de actuacións musicais. A programación completarase a partir das 17:00 horas con diferentes actividades para os máis cativos e cativas.
A clasificación final situou a Braulio Gayoso (TM Luarca) como gañador, seguido de Eugenio Alonso (CD San Ciprián), e dun terceiro posto compartido por Carlos Ron (Atletic Génova TM) e Domingo Larriety (TM Luarca). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e destacou o éxito dun torneo que xa se consolidou como unha cita imprescindible do calendario deportivo estival. O Concello felicita aos gañadores, a todos os participantes polo alto nivel amosado durante a xornada e ao CD San Ciprián pola excelente organización dun evento que continúa reforzando o seu papel como referente do tenis de mesa no norte peninsular.
Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.



