Cada comezo do verán representa unha nova oportunidade para proxectar Ribadeo como un destino turístico de calidade. Un destino que, durante décadas, soubo construír unha imaxe baseada no seu patrimonio natural, na súa riqueza paisaxística, na súa oferta comercial, gastronómica e cultural e, sobre todo, no esforzo diario de centos de empresas que manteñen viva a economía local os doce meses do ano.
Por iso resulta inevitable preguntarse se realmente estamos aprendendo dos erros do pasado. Porque, lamentablemente, todo parece indicar que non.
O verán pasado, desde ACISA Ribadeo, facéndonos eco das preocupacións trasladadas polos nosos asociados, xa advertiamos da necesidade dunha mellor planificación da programación turística e cultural. Reclamabamos unha maior coordinación entre administracións e unha visión estratéxica que permitise aproveitar ao máximo os recursos públicos e privados destinados á promoción do municipio. Un ano despois, moitas desas preocupacións seguen plenamente vixentes.
O exemplo máis evidente é o peche da Praia das Catedrais durante varios días en plena tempada alta. Máis aló do motivo concreto, o que sorprende é a forma na que se xestionou esta decisión. A día de hoxe seguimos sen recibir resposta oficial aos escritos presentados tanto diante da Xunta de Galicia como do Concello de Ribadeo, polo que tivemos que coñecer os detalles a través dos medios de comunicación.
Desde ACISA nunca estaremos en contra de que Ribadeo sexa escenario de producións audiovisuais nin de calquera iniciativa que contribúa a promocionar o noso municipio. De feito, convén lembrar que se veñen gravando diferentes producións dende hai moito tempo e que hai máis de trinta anos foi precisamente ACISA quen comezou a promocionar Ribadeo en feiras turísticas cando apenas existían este tipo de accións institucionais.
Pero promocionar tamén significa planificar. E resulta difícil entender que a mellor maneira de promocionar o principal recurso turístico da nosa vila sexa impedindo durante varios días o acceso a milleiros de persoas que xa decidiran visitalo. Ademais, cómpre preguntarse se precisamente este enclave, un dos espazos naturais máis coñecidos de Galicia e de España, é hoxe o recurso que máis promoción necesita ou se sería máis útil poñer o foco noutros atractivos turísticos do municipio.
Tamén convén introducir un pouco de rigor sobre o perfil dos nosos visitantes. Segundo os propios datos feitos públicos polo Concello o pasado ano, o turismo internacional representa aproximadamente o 15 % dos visitantes que recibe Ribadeo e arredor do 25 % na Praia das Catedrais. Son cifras importantes, sen dúbida, pero afastadas doutras porcentaxes que ultimamente se teñen difundido e que poden ofrecer unha imaxe distorsionada da realidade.
Á marxe desta cuestión, preocupa igualmente a falta de planificación e de comunicación da programación estival. Hai apenas dúas semanas coincidiron na vila varios eventos de natureza moi diferente, un deles incorporando barras de bar e postos de comida, xerando unha situación que provocou numerosas queixas entre o comercio e a hostalaría estable. O pasado sábado repetíase unha situación semellante coa instalación dunha nova barra de bar, foodtrucks e actuacións musicais baixo o paraugas dunha campaña de concienciación ambiental.
Ninguén cuestiona a utilidade das campañas solidarias, culturais ou de sensibilización, nin o traballo das asociacións que as impulsan. O que resulta máis difícil de comprender é que determinadas actividades acaben converténdose en competencia directa para os negocios que pagan impostos, crean emprego estable e cumpren diariamente con todas as esixencias legais, fiscais, laborais e sanitarias.
Por iso entendemos que todas as actividades autorizadas deben analizarse tamén desde o seu impacto económico sobre o tecido empresarial local. Non abonda con valorar o interese cultural ou social dunha proposta, tamén é necesario avaliar a súa calidade, a súa estética, a imaxe que proxecta de Ribadeo e, sobre todo, o retorno real que xera para a economía da vila.
Porque non é o mesmo encher Ribadeo de xente que encher os establecementos de Ribadeo de clientes. Esa diferenza é fundamental. O éxito dunha política turística non debería medirse unicamente polo número de persoas que pasean polas rúas, senón pola capacidade de converter esa afluencia en consumo no comercio local, na hostalaría e nos servizos que sosteñen o municipio durante todo o ano.
Aínda estamos a tempo de corrixir esta dinámica. Ribadeo non necesita unha programación baseada na acumulación constante de mercados, feiras ou eventos cada fin de semana. Necesita unha estratexia turística coherente, selectiva e planificada. Un calendario ordenado, comunicado con suficiente antelación e elaborado en diálogo co tecido empresarial. Necesita actividades complementarias que reforcen a identidade do destino e aporten valor engadido, non iniciativas que acaben competindo cos propios negocios locais. E por iso ACISA Ribadeo remarca o seu compromiso e a súa disposición para traballar de forma coordinada e dialogada co Concello.
Ribadeo leva anos construíndo unha imaxe de calidade grazas ao esforzo compartido das administracións, do sector empresarial e da sociedade civil. Ese prestixio non debe poñerse en risco por unha programación excesiva que perda de vista o obxectivo principal: que o turismo xere riqueza, emprego e oportunidades para todos.
Porque promocionar Ribadeo non consiste simplemente en atraer visitantes. Consiste en conseguir que esa promoción reverta no comercio, na hostalaría, nos servizos e, en definitiva, nas persoas que fan posible que Ribadeo sexa un destino vivo durante todo o ano.
Jesús Pérez (Xerente de Acisa Ribadeo)


















Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Xunto a autoridades locais, destacou a importancia de preservar as tradicións e lembrou que a Deputación destinou este ano 400.000 € ao Concello para servizos básicos. A festa, creada en 1992 e impulsada pola Asociación de Amigos da Malla, busca recuperar e poñer en valor este oficio tradicional. A programación incluíu documental, obradoiros, música, exposicións de maquinaria antiga e actividades para nenos.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



