Ribadeo, 11 de agosto de 2026. Desde o Concello de Ribadeo fan unha chamada á paciencia, á prudencia e ao sentido común para a observación da eclipse solar de mañá, 12 de agosto. E piden que se teñan en conta as indicacións dos servizos de Policía Local, Protección Civil, Garda Civil, empregados de Tragsa e axentes medio ambientais da Xunta de Galicia.
O xefe da Policía Local subliña e lembra as zonas de exclusión: “a pasarela do Cargadoiro e o acceso á Illa Pancha estarán pechados así como a praia das Catedrais e as súas pasarelas e os sendeiros de todo o monumento natural, que serán vixiados por persoal de Tragsa e axentes medio ambientais da Xunta. Pedimos paciencia, prudencia e moito sentido común”.
E segue a relatar: “o tráfico entre a rotonda das Catedrais en Ribadeo e o restaurante A Yenka en Barreiros estará cortado a partir das 15:00 horas e non volverá a abrirse ata a madrugada, cando a zona empece a quedar libre de persoas, que poderán transitar a pé por todo ese tramo de estrada ao longo de toda a tarde. Haberá tres aparcamentos perfectamente sinalizados, con persoal para colocar o maior número de vehículos posibles. E só se permitirá a circulación entre As Catedrais e Os Castros, en sentido Ribadeo, nunca á inversa. Ese treito de estrada da costa será dun so sentido. Os autobuses chegarán ao entorno das Catedrais deixarán aos pasaxeiros e volverán recollelos ao remate da eclipse, non aparcarán na zona”.
A concelleira de Seguridade, Montse Seijo, recomenda planificar previamente o desprazamento, agruparse no menor número posible de vehículos e chegar á zona antes das 19.00 horas: “non debemos agardar ao último momento para evitar as aglomeracións nas estradas de acceso. A concentración de vehículos pode provocar retencións e dificultar tanto o estacionamento como o traballo dos equipos de seguridade”.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, indica que “para facilitar os desprazamentos e evitar o uso do vehículo particular, haberá os servizos habituais e reforzos especiais entre Ribadeo, Foz e Lugo e a praia das Catedrais. Toda a información pódese atopar nas páxinas webs e redes do Concello de Ribadeo e da empresa Arriva”.
A edil ribadense insistiu en facer unha chamada ao sentido común: “estamos diante dun fenómeno histórico, que todos queremos presenciar, pero debemos facelo dun xeito seguro, empregando gafas homologadas e seguindo os consellos que todos os profesionais involucrados nos están a facer chegar ao longo destes días. Non arrisquemos máis da conta para ver o eclipse, non expoñamos as nosas vidas para facer un selfie ou unha foto desde un cantil. Pensemos que será de noite e todo risco innecesario se multiplica”.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, contou que “Ribadeo converterase nun dos lugares privilexiados para vivir un acontecemento histórico: o eclipse solar total, un fenómeno que atraerá moitas persoas ao noso concello. Con motivo desta xornada tan especial, a Área de Igualdade do Concello de Ribadeo, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), instalará un Punto Violeta para contribuír a que este evento poida desfrutarse nun ambiente de respecto, convivencia e seguridade. Estará situado no aparcadoiro do areal entre as 21:00 e as 00:30 horas”.
Sobre as pantallas xigantes e o programa que terá lugar nas Catedrais a tamén edil de Cultura indicou que “o programa dividirase en dúas grandes partes. A primeira terá carácter divulgativo. O evento desenvolverase mediante unha conexión simultánea por streaming co Altar do Sol en Lalín, outro dos puntos galegos desde os que se seguirá o fenómeno. A dimensión astronómica correrá a cargo do profesor José Ángel Docobo e da astrónoma e científica Paula Cambeses, que intervirán conxuntamente antes, durante e despois da eclipse. José Ángel Docobo e Paula Cambeses converteranse na auténtica guía en directo da eclipse. Explicarán que está sucedendo no ceo en cada momento, que cambios debemos observar e como evoluciona a ocultación do sol, facendo accesible o fenómeno para públicos de todas as idades. Tamén se explicará o fenómeno das Perseidas ou bágoas de San Lourenzo”. A primeira intervención dos científicos será ás 19:15 horas.
Sanjurjo engadiu que “a segunda parte comezará unha vez rematado o eclipse e estará dedicada á música, coa retransmisión en directo dun programa da TVG no que participarán Panorama City, Francisco e 9Louro. Para asistir debemos recoller unha pulseira no propio recinto a partir das 15:00 horas”.
Recomendacións para asistir ao evento
O Concello de Ribadeo solicita ás persoas asistentes que teñan en conta as seguintes indicacións:
• Chegar con suficiente antelación e, en todo caso, antes das 19.15 horas, para poder acceder ordenadamente e estacionar o vehículo.
• Agruparse no menor número posible de coches para reducir o tráfico e facilitar o estacionamento.
• Utilizar exclusivamente gafas específicas para eclipses que cumpran a norma EN ISO 12312-2:2015, conten co marcado correspondente e estean en perfecto estado.
• Seguir estritamente as instrucións de uso das gafas e as indicacións dos especialistas. As gafas de sol convencionais, aínda que sexan moi escuras, non protexen para mirar directamente o Sol.
• Non empregar gafas raiadas, perforadas, dobradas ou deterioradas, nin filtros caseiros, radiografías, cristais afumados ou dispositivos semellantes.
• Aplicar crema de protección solar e levar gorra, sombreiro ou algún elemento que protexa a cabeza.
• Vestir roupa e calzado cómodos, axeitados para permanecer varias horas nun espazo exterior.
• Levar unha cadeira pregable ou outro asento aquelas persoas que o precisen, especialmente persoas maiores ou con dificultades de mobilidade.
• Incorporar unha prenda de abrigo para a noite, xa que será necesaria tanto durante o programa da TVG así como na posterior observación das Perseidas.
• Respectar en todo momento as instrucións da Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, bombeiros, persoal municipal e responsables da organización.
• Manter especialmente vixiadas as persoas menores de idade para asegurarse de que empreguen correctamente a protección ocular.
“É unha celebración para gozar do ceo, da ciencia, do noso patrimonio e da música, pero debemos facelo con responsabilidade. Un pouco de planificación e o respecto ás indicacións permitirannos vivir unha xornada que quedará na memoria de Ribadeo”, conclúe Montse Seijo, a concelleira de Seguridade, que tamén pide respecto co entorno natural e que se evite deixar lixo.





















A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).



