Os populares advirten de prexuízos aos cidadáns polos “atrasos no reparto” con especial incidencia no rural, peches temporais de oficinas e aumento da carga de traballo para os carteiros que asumen a supresión de postos, vacacións, etc
Lugo, 21 de agosto de 2026. Os deputados lucenses do PP advirten da “drástica e inxustificada redución de servizos, importantes deficiencias e perda de calidade” no servizo de Correos na provincia de Lugo derivados da “deficiente xestión” e dos “recortes” do Goberno de Pedro Sánchez e do PSOE á fronte desta empresa pública.
Jaime De Olano e Francisco Conde consideran que “a situación de falta de persoal é especialmente preocupante”. Desde a última reposición de persoal en 2023 fóronse suprimindo postos, principalmente no reparto rural, e as propias unidades teñen que asumir vacacións, permisos retribuídos ou incapacidades. A esta situación engádese que, desde 2025, a xubilación ou o traslado dos titulares está derivando habitualmente na supresión dos postos sen que estes sexan repostos.
Os deputados do PP destacan que esta falta de efectivos “deriva en queixas dos cidadáns que sofren as consecuencias”. De Olano explica que “os atrasos no reparto acumúlanse e non é infrecuente que as cartas tarden 15 días ou máis en chegar aos seus destinatarios. Unha realidade que afecta a cuestións tan importantes como citas médicas, documentación agraria ou convocatorias de reunións veciñais e de comunidades”. Ademais, a situación compromete tamén outros servizos que Correos presta á poboación rural, como determinados servizos bancarios a través dos carteiros.
Os carteiros están asumindo percorridos moi elevados: os repartidores a pé realizan medias de 11 ou 12 quilómetros diarios. “Non se repuxo ningún repartidor a pé a pesar da peatonalización de núcleos urbanos como Lugo, Monforte, Viveiro ou Ribadeo, onde actualmente presta servizo urbano só un dos catro carteiros que había”.
O problema é aínda máis grave no rural, onde a dispersión da poboación e a orografía dificultan o reparto. “É frecuente que os carteiros rurais se acheguen aos 200 quilómetros de percorrido”.
En localidades como Ferreira do Valadouro continúan con importantes deficiencias de persoal porque só hai dous carteiros para atender os municipio do Valadouro e Alfoz do Castrodouro. E oficinas auxiliares de localidades como Baleira, Xove ou Celeiro sufriron reducións de horario e chegaron a non abrir “por falta de persoal”. En Folgoso do Courel, a falta de persoal obrigou incluso en reiteradas ocasións ao peche ao público da oficina dependente de Quiroga pola falta de efectivos nesta última localidade.
A situación agrávase durante os meses de verán, especialmente nos municipios costeiros, onde o incremento da poboación debido ao turismo aumenta a carga de traballo “especialmente o relacionado coa paquetería, que se está a incrementar de forma xeneralizada na actualidade”. Foz é un exemplo desta problemática, ao contar habitualmente cunha plantilla escasa e ter pendente de reposición un posto de reparto motorizado urbano que foi suprimido.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, esixe ao Goberno de España “cubrir as prazas de Correos” para garantir, en condicións de calidade, a prestación dun “servizo público que nós consideramos básico e esencial”.
“Correos non pode funcionar a costa de sobrecargar aos seus traballadores e de facer recaer sobre os cidadáns as consecuencias da falta de planificación”, denuncian os deputados lucenses do PP, que reclaman ao Goberno de Sánchez que adopte medidas urxentes para recuperar os postos suprimidos, cubrir as baixas e garantir un servizo postal de calidade en toda a provincia.
Os populares consideran especialmente grave que unha provincia como Lugo, marcada pola dispersión territorial e poboacional, non conte cos recursos necesarios para garantir un servizo regular. “O rural non pode ser o último da fila nin os lucenses poden asumir que recibir unha carta ou unha comunicación oficial se converta nunha cuestión de sorte”, conclúen.
INCAPACIDADE DE XESTIÓN DO GOBERNO DO PSOE
Os populares sinalan que Correos constitúe “outro exemplo máis da incapacidade do Goberno socialista para xestionar adecuadamente os servizos públicos”, unha situación que, segundo lembran, tamén se pon de manifesto no servizo ferroviario e nas infraestruturas viarias da provincia. “A realidade é que os españois en xeral e os lucenses en particular que sufrimos un maltrato constante por parte do Goberno de Pedro Sánchez; pagamos máis impostos, pero recibimos peores servizos públicos do Estado”, manifesta Jaime De Olano.























A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



