Isaac Rosón detallou a situación dun sector “estratéxico para Galicia” que xera máis de 6.100 empregos directos
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026. O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, compareceu este martes na Comisión 8ª do Parlamento de Galicia para dar conta da situación e liñas de futuro da acuicultura galega. No seu relatorio, Rosón destacou que a comunidade consolidou en 2025 unha produción mariña de 189.251 toneladas valoradas en 243,4 millóns de euros, liderando a actividade a nivel estatal e avanzando cara a un modelo centrado no valor engadido, a innovación e a sustentabilidade.
O responsable autonómico subliñou que, malia rexistrarse menores volumes que no pico de 2018 (arredor de 290.000 toneladas), o valor total da produción medrou desde os 215 ata superar os 243 millóns de euros. “O éxito do sector xa non se mide só en toneladas, senón na capacidade de xerar máis valor por unidade, emprego cualificado e soberanía alimentaria”, remarcou Rosón. Neste sentido, destacou o peso estratéxico de Galicia como principal motor acuícola de España en termos de produción, xeración de renda e emprego cualificado.
A estrutura produtiva galega combina dúas realidades complementarias. Por un lado, os 4.850 establecementos acuícolas -entre bateas e parques de cultivo- que producen un volume de 179.173 toneladas de bivalvos, cun valor de lonxa superior aos 136 millóns de euros. A gran parte, ata 177.639 toneladas, corresponden ao mexillón producido nas máis de 3.300 bateas, cun valor por riba dos 124 millóns. Por outro lado, estarían as 20 granxas mariñas, que suman máis de 10.000 toneladas e case 107 millóns de euros, destacando o rodaballo (máis de 9.300 toneladas e 94 millóns) e o linguado (733 toneladas e 12,5 millóns). O sector complétase con 45 piscifactorías continentais de troita (2.240 toneladas e 12 M€) e os cultivos de algas. En conxunto, a actividade sustenta 6.100 empregos directos.
Novos investimentos e marco normativo
Para apoiar a competitividade das empresas, a Xunta puxo a disposición 65 millóns de euros en axudas a investimentos produtivos con 232 beneficiarios e que permitiron mobilizar 150 millóns de euros no sector acuícola, á marxe das liñas de apoio específicas para a modernización das empresas da industria transformadora e conserveira, que achegaron outros 20 millóns en 39 proxectos. No eido da I+D+i, a Consellería financia proxectos con entidades como o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), o Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA) e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) para a mellora da semente de mexillón (Apromex, Bateas, Capacitamex), a biorremediación de ameixa e berberecho (Biorrem) ou a observación oceanográfica.
Por último, Isaac Rosón informou de que a Xunta avanza na tramitación do novo decreto de acuicultura de Galicia en diálogo permanente co sector e no seo da Comisión do Mexillón, co fin de actualizar o marco xurídico e adaptalo aos desafíos do mercado e dos posibles efectos do cambio climático.
Garantía sanitaria e apoio ao sector mexilloeiro
O director xeral tamén respondeu unha pregunta relativa ao impacto do incremento do consumo de mexillón importado. Rosón fixo un chamamento á responsabilidade para non xerar alarmas inxustificadas que prexudiquen a reputación da cadea mar-industria galega. Aclarou que as importacións apenas representan un 4 % en termos de valor respecto á produción galega e que preto do 98 % deste produto entra conxelado para garantir o abastecemento da industria transformadora e conserveira, mentres que a produción en fresco de Galicia acapara o 77 % do mercado local.
Neste contexto, lembrou que calquera produto comercializado en Galicia cumpre estritamente cos estándares sanitarios da Unión Europea e que a trazabilidade está garantida pola normativa comunitaria e os controis do Servizo de Inspección e Control dos Recursos (SICOR), xunto ao labor da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia. Así mesmo, remarcou que os peches temporais por biotoxinas son un procedemento natural e regrado que reforza a máxima seguridade do bivalvo galego ante os consumidores.


















O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.



