Mondoñedo, 7 de outubro, 2026. Hai espazos que non só se visitan: tamén se escoitan. E, no caso da Catedral de Mondoñedo, os seus sons viaxaron xa moito máis alá dos seus muros. Os vídeos de promoción do espectáculo O latexo das catedrais, que Abraham Cupeiro gravou para as súas redes sociais no interior da Catedral xunto cos seus instrumentos antigos, converteron este espazo e o seu particular universo sonoro en protagonistas dunha inesperada repercusión internacional: as publicacións realizadas en abril e setembro suman dous millóns de reproducións, mentres que o último vídeo, publicado o pasado 28 de setembro, roza o millón e medio de visualizacións.
A repercusión chegou desde distintos puntos do planeta e tamén de figuras internacionais da música e do cine. A cantante, compositora e activista británica Annie Lennox comentou un dos vídeos de Cupeiro gravados na Catedral cun elocuente Glorious sound (son glorioso), mentres que Spike Lee, director e produtor de cine, reaccionou a outra destas publicacións escribindo: I have beautiful music on repeat. I will go to bed at peace (Teño música preciosa soando en bucle. Irei durmir en paz). O director estadounidense converteuse ademais nun seguidor habitual das redes de Cupeiro e participa nos seus directos de Instagram.
A dimensión alcanzada por estas publicacións converte así a presentación do espectáculo O latexo das catedrais no seguinte paso dun diálogo que comezou nas redes e que agora se desenvolverá en directo no propio espazo que o inspirou; tendo en conta, ademais, que as entradas para os dous pases deste concerto se esgotaron en cuestión de días ao saír á venda o pasado maio. A música de Abraham Cupeiro en espazos patrimoniais da nosa terra conta cada vez con maior acollida entre o público.
Estes datos anticipan a dimensión que adquiriu un proxecto que terá a súa culminación o próximo domingo 18 de outubro, cando a Catedral de Mondoñedo acolla O latexo das catedrais, un espectáculo inédito creado expresamente para este templo por Abraham Cupeiro. Unha proposta na que música, imaxe e patrimonio se atopan para reconstruír e reimaxinar a memoria sonora da Catedral desde o propio espazo que a conservou durante séculos.
No corazón de Mondoñedo, ao amparo de 870 anos de celebracións ininterrompidas das San Lucas, este concerto reimaxina a memoria sonora da súa Catedral, para viaxar aos seus recunchos máis evocadores a través do son e da imaxe, cóntanos o propio Cupeiro.
Lonxe de concibirse como un concerto convencional trasladado a un escenario singular, O latexo das catedrais foi creado especificamente para a Catedral de Mondoñedo. O edificio, os seus espazos e a súa acústica forman parte da creación, que propón ao público un percorrido pola súa memoria a través do son e da imaxe.
Á fronte desta creación está Abraham Cupeiro, músico, compositor, investigador e multiinstrumentista galego coñecido polo seu traballo de recuperación e recreación de instrumentos históricos e pola súa capacidade para establecer diálogos entre diferentes épocas e tradicións musicais. En Mondoñedo, esta mirada ponse ao servizo dun espazo concreto e da súa memoria, dando lugar a un espectáculo concibido para ser vivido no interior da propia Catedral.
Cupeiro contará cunha formación reunida especialmente para esta ocasión: Davide Salvado e Matthew Ward, voces; Alba Barreiro, arpa; Manuel Lorenzo, violonchelo; e Sabela Caamaño, acordeón e órgano da Catedral. A presenza deste último instrumento incorpora ademais ao espectáculo un dos elementos sonoros máis vinculados ao propio edificio.
A cita terá lugar no marco das San Lucas, que este ano celebran 870 anos de historia ininterrompida. A creación de Cupeiro incorpórase así a un dos momentos de maior identidade cultural de Mondoñedo, establecendo un diálogo entre patrimonio, memoria e creación contemporánea.






















Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.
A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



