Viveiro, 8 de outubro, 2026. A campaña “Viveiro conta e o seu comercio tamén” iniciouse o pasado 28 de setembro e rematará este 10 de outubro cun gran sorteo final, despois de repartir miles de premios ao longo destes días.
A iniciativa, coa que o Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) obtivo o Premio Extraordinario do Comercio Galego 2026, está a contar cunha ampla participación tanto da cidadanía como dos establecementos asociados.
Puxéronse en circulación 50.000 Rasca e Gaña con numerosos premios directos que os clientes están a descubrir nas súas compras. O prazo para canxear os agasallos permanecerá aberto ata o 31 de outubro.
Entre os premios hai xoias, complementos, tratamentos de beleza, paraugas, mandís, bolsas da compra, botellas, neveiras isotérmicas, cañas, cafés, tapas, pizzas, burguers, almorzos e moitos outros agasallos. Ademais, a campaña inclúe 5 Rascas Dourados de 100 euros, dos que xa apareceron dous.
Tamén se están a repartir as rifas para o sorteo dunha viaxe a Nova York e 2.000 euros en vales de compra (un premio de 1.000 euros e dous de 500). As rifas entréganse na carpa do CCHV instalada na Praza Maior, todos os días de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 19:30 horas. Por cada 5 euros en tickets de compra de negocios asociados, os clientes reciben unha rifa para participar no sorteo final.
Eses mesmos tickets permiten xogar na Ruleta, o sábado de 11:00 a 14:00 horas na Praza de Abastos, dentro das actividades dos Sábados de Vermuteo, que volven ser un dos puntos centrais da celebración.
Actividades na Praza de Abastos (11:00–14:00 h)
Degustación gastronómica con produtos de Celtagal, Mermeladas La Morena, Orixes e Pescados Chavinesa.
Degustación do Vermut Botafumeiro, elaborado en Viveiro pola Vivariense. Repartiranse vales para probalo tamén en oito locais asociados: Muro Restaurante, Bar A Plaza, La Tortilla Maravilla, Cafetería Cantábrico, A Zapatería Bar, Atlántico Gastrobar, Mesón A Ría e Pulpería O Panadeiro.
Super Ruleta con 2.000 premios directos: paraugas, mandís, agarradeiros, bolsas isotérmicas, bolsas plegables, blocs de notas, botellas, táboas de cortar, chaveiros e entradas de cine.
Carpa de Comercio Com-pensa, con bolsas de tela gratuítas e información para fomentar o consumo local e o uso de alternativas reutilizables.
Actividades na Praza Maior (12:00–14:00 h)
Xogos alternativos con IG10.
Pintacaras con Espazo 360.
Sesión de maxia co Mago Joge de Saúde Mental A Mariña (12:30–13:15 h).
Peque Orientación, organizada por Roq Sport: unha actividade por equipos para localizar 15 balizas repartidas pola vila. Comezará ás 11:00 h, terá unha duración aproximada de dúas horas e contará con tres categorías (infantil, familiar e adultos). Haberá premios para os primeiros clasificados. A inscrición pode facerse previamente ou o propio día na Praza Maior.
Música e animación nas rúas coa Charanga Santa Compaña.
Gran festa final (17:00–20:00 h)
Pola tarde celebrarase o sorteo final da campaña. A carpa do CCHV volverá estar instalada na Praza Maior para que os clientes poidan depositar as súas papeletas. A animación correrá a cargo de Conxuro Discomóbil, e o sorteo será presentado polo showman Dani Ríos, habitual nos eventos do CCHV.
Desde o Centro Comercial Histórico de Viveiro destacan a excelente resposta dos clientes e dos establecementos asociados, e lembran que “Viveiro conta e o seu comercio tamén” é, sobre todo, unha aposta polo comercio local, pola hostalaría, polos mercados e por unha vila viva e dinámica. Unha gran campaña de dinamización comercial para demostrar, unha vez máis, que en Viveiro o comercio conta.






















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



