“Parécenos unha falta de respecto total que o equipo de goberno, os socialistas de Foz, se poñan agora a limpar o alcantarillado e as cunetas unha vez que pasou a tormenta. Isto é unha falta de dilixencia e evidencia a desidia coa que actúa o señor Cajoto, que parece estar xa acostumando a tomar medidas despois de que os problemas sucedan”, sinala Castiñeira
Foz, 8 de outubro de 2026. O Partido Popular de Foz denuncia a “falta de dilixencia” do equipo de goberno socialista ante os problemas ocasionados polo temporal dos últimos días e critica que o Concello estea a acometer agora traballos de limpeza do alccantarillado, das reixas e das cunetas “unha vez que xa pasaron os problemas e despois de que moitos veciños, negocios e familias sufrisen as consecuencias das inundacións”.
O voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, considera que esta actuación evidencia “unha falta de respecto total” cara aos afectados e lamenta que o goberno local “non tome medidas ata que os problemas xa están enriba da mesa”.
“Parécenos unha falta de respecto total que o equipo de goberno, os socialistas de Foz, se poñan agora a limpar o alcantarillado e as cunetas unha vez que pasou a tormenta. Isto é unha falta de dilixencia e evidencia a desidia coa que actúa o señor Cajoto, que parecer estar xa acostumado a tomar medidas despois de que os problemas sucedan”, sinala Castiñeira.
O popular pon o foco especialmente na situación das parroquias, onde, segundo denuncia, “as cunetas están abandonadas”, e lembra que o goberno local dispuxo de todo o verán para realizar estes traballos antes da chegada do outono e dos temporais.
“Non vale agora, despois de ter todo o verán para limpalas, poñerse a limpar as cunetas unha vez pasado o temporal. E, sobre todo, non vale dicir que non se sabía que isto podía pasar, porque os veciños avisaron moitísimas veces e tamén o denunciamos desde a propia oposición”, afirma.
O voceiro popular tamén sinala que os efectos do temporal se deixaron notar no propio núcleo urbano, onde varios veciños e negocios sufriron inundacións e tiveron que dedicar “dous ou tres días” a limpar os seus locais, vivendas e establecementos.
“Os veciños e os negocios do centro urbano tamén se viron inundados e non foi porque non o avisaran. Avisaron os veciños moitísimas veces e tamén o advertimos dende a oposición. Estamos falando de persoas que tiveron que pasar dous ou tres días limpando as inundacións dos seus locais, nas súas tendas e nas súas casas”, explica.
Neste sentido, Castiñeira critica a “nula escoita activa” do goberno municipal e considera que o executivo debería priorizar o mantemento das infraestruturas municipais fronte a actuacións que, ao seu xuízo, non responden ás necesidades máis inmediatas dos veciños.
“O que verdadeiramente nos piden os veciños das parroquias é mantemento das estradas, das infraestruturas, do alumeado… E nese ámbito o que existe é un abandono total”, denuncia o voceiro do PP de Foz.
Castiñeira cualifica de “neglixencia” e “mala praxe” a maneira de actuar do Concello e reclama que o goberno local pase dunha política reactiva a unha política de prevención.
Finalmente, o PP de Foz quere trasladar o seu apoio ás familias, veciños e negocios afectados polo temporal e polas inundacións.




















A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



