A modificación orzamentaria que se aprobou esta tarde no pleno permitirá executar a renovación do graderío e vestiarios do Complexo Deportivo A Veiga, a humanización da contorna do Museo do Mar, a mellora da rede viaria no Seixo (Castelo) ou a reparación do tanque de tormentas do Parque Reina Sofía
Cervo, 8 de outubro, 2026. O Pleno do Concello de Cervo aprobou esta tarde unha modificación orzamentaria que permitirá levar adiante catro importantes actuacións no municipio, cun investimento conxunto de 1.988.148,09 euros –dos cales 500.000 euros corresponden a unha axuda da Xunta de Galicia para a renovación do gradería, vestiarios e almacéns do Complexo Deportivo da Veiga- destinadas á mellora e modernización de equipamentos, espazos públicos e infraestruturas municipais.
Trátase de investimentos que serán financiados na súa maior parte, polo tanto, con fondos procedentes do remanente de tesourería, grazas á boa saúde das arcas municipais e ao rigor e responsabilidade na xestión económica que permite ao Concello poder seguir afrontando novas melloras no municipio.
Neste sentido, a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destaca que “ter capacidade económica para poder mobilizar agora este importe é froito dunha xestión rigorosa e responsable dos recursos públicos. Temos un Concello saneado, con capacidade para afrontar actuacións importantes e, sobre todo, para seguir investindo na mellora dos servizos, das infraestruturas e dos espazos públicos”.
A actuación de maior envergadura será a renovación integral das gradas, vestuarios e servizos do Complexo Deportivo A Veiga, en San Ciprián, cun investimento de 1.379.930,38 euros, dos cales 500.000 euros serán subvencionados pola Xunta de Galicia, a través dunha axuda da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. O proxecto contempla a demolición das actuais bancadas, que presentan un avanzado estado de deterioro e obsolescencia, para dar paso a un novo graderío modular, accesible e adaptado ás necesidades actuais e futuras.
A intervención permitirá, ademais, renovar e ampliar os servizos do complexo coa creación de novos vestuarios accesibles, almacéns para clubs e asociacións deportivas e un módulo de bar-cafetería, mellorando as condicións de seguridade, funcionalidade e confort tanto para os deportistas e entidades usuarias como para o público, este espazo que conta a día de hoxe coas únicas pistas de atletismo homologadas da Mariña.
A segunda das actuacións será a reforma e humanización da contorna do Museo Provincial do Mar, cun investimento de 368.201,12 euros. A actuación busca transformar este ámbito nun espazo público máis accesible, cómodo e integrado coa contorna, favorecendo a conexión entre o museo, a Rúa do Torno, a Avenida da Mariña, o paseo marítimo e a praia do Torno.
O proxecto contempla, entre outras actuacións, a apertura e integración das parcelas do museo, a redución e apertura de tramos dos actuais muros de peche, a creación de novas zonas peonís, beirarrúas accesibles e unha pequena zona axardinada, así como a renovación de pavimentos e instalacións. O obxectivo é abrir o Museo do Mar ao mar e á propia vila, xerando un espazo público de maior calidade para a veciñanza e para as persoas visitantes.
Neste contexto, desde o Concello de Cervo vén de remitirse un novo escrito á Deputación Provincial de Lugo no que se reitera a petición de colaboración para que a institución provincial asuma a xestión da futura ampliación do Museo do Mar. No escrito, o Concello lembra os importantes esforzos realizados para facer posible a ampliación, coa incorporación da parcela anexa ao museo, e defende que a xestión unificada de todo o complexo museístico permitiría garantir a coherencia da oferta cultural e expositiva, optimizar os recursos e evitar duplicidades administrativas, tendo en conta tamén esta nova actuación que se vai acometer agora para humanizar toda a súa contorna.
Por outra banda, o Concello de Cervo acometerá a mellora da rede viaria no lugar do Seixo, en Castelo, cun orzamento de 226.101,59 euros. As obras permitirán actuar sobre unha superficie aproximada de 7.745 metros cadrados e 1.950 metros lineais de vial, renovando a capa de rodadura e mellorando a seguridade tanto do tráfico rodado como peonil.
O proxecto inclúe tamén a limpeza das cunetas e dos caños existentes, co obxectivo de facilitar o correcto drenaxe e evacuación das augas pluviais.
Finalmente, a modificación orzamentaria permitirá acometer a reparación do depósito de vexiga existente no tanque de tormentas soterrado do Parque Reina Sofía, en San Ciprián, cun investimento de 13.915 euros, mediante a subministración e instalación dos repostos necesarios para recuperar as condicións adecuadas de funcionamento deste equipamento.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, sinala que “estamos ante un investimento moi importante para o municipio, próximo aos dous millóns de euros, que nos permitirá actuar en ámbitos moi diferentes pero todos eles fundamentais para seguir mellorando Cervo”.
“Poder destinar agora estes recursos a novas obras é tamén unha mostra de que a responsabilidade e o rigor na xestión económica dan os seus froitos. Temos remanente e temos capacidade financeira para investir, porque durante estes anos fomos capaces de manter unhas contas municipais saneadas, sen deixar de atender as necesidades do día a día da veciñanza”, apunta.
“Estamos falando de actuacións que miran ao presente pero tamén ao futuro, porque queremos contar con equipamentos e espazos públicos que respondan ás necesidades da veciñanza e que estean á altura do municipio que queremos seguir construíndo”, engade.
A rexedora destaca especialmente o alcance da actuación no Complexo Deportivo A Veiga, “unha infraestrutura deportiva de referencia que conta, ademais, coas únicas pistas de atletismo homologadas da comarca da Mariña, ademais de pistas de pádel e un campo de fútbol, configurándose como un espazo fundamental para a práctica deportiva en Cervo e para o conxunto da comarca”. García Caramés salienta que, con esta nova actuación, “damos un paso máis na modernización dun complexo que queremos seguir potenciando e que agora contará tamén cunhas gradas, vestuarios e servizos completamente renovados, accesibles, modernos e funcionais, á altura do uso e da importancia que ten esta instalación”.
García Caramés subliña tamén que a humanización da contorna do Museo do Mar “vai supoñer unha transformación importante dun espazo moi céntrico de San Ciprián, mellorando a accesibilidade e favorecendo a conexión do museo coa vila, co paseo marítimo e coa praia”.
“Ao mesmo tempo, seguimos atendendo as necesidades das parroquias e das infraestruturas municipais, con actuacións como a mellora da rede viaria no Seixo, en Castelo, ou a reparación do tanque de tormentas do Parque Reina Sofía”, engade.
“Son case dous millóns de euros de investimento –sumando a aportación da Xunta de Galicia- que podemos mobilizar grazas á situación saneada do Concello e que se van traducir en máis seguridade, accesibilidade, funcionalidade e calidade dos espazos públicos e equipamentos municipais”, conclúe a alcaldesa.






















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



