Nota de prensa
O Consorcio de Bombeiros da traballo a 114 persoas e reforza a cobertura contraincendios cara o 100% da provincia
– Besteiro e Rueda presidiron o Pleno no que se contratou a xestión indirecta dos parques de Barreiros, Viveiro e Vilalba a Veicar S.L, e os de Chantada, Sarria e Monforte á UTE Hasa-Natutecnia, últimos acordos para a posta en marcha das instalacións o 1 de maio
– As propostas destas adxudicatarias incrementan o número de efectivos, horas de servizo e de formación ó persoal
– Mañá, 25 de xaneiro, e durante 15 días, as adxudicatarias abren o prazo de solicitude para participar no proceso de selección do persoal
– Na sesión, tamén se aprobou a contratación dos derradeiros vehículos, completando o equipamento externo dos 6 parques de bombeiros
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda Valenzuela, informaron este luns do Pleno Extraordinario do Consorcio Provincial de Bombeiros celebrado no Pazo de San Marcos. Na sesión, adxudicouse a xestión indirecta das instalacións contraincendios de Barreiros, Viveiro, e Vilalba a Veicar S.L, e as de Monforte, Sarria e Chantada á UTE Hasa-Natutécnia (Hispania de Aviación S.A e Consultoría Natutecnia) por un prazo inicial de 8 anos que, tal e como establece a lei, pode prorrogarse un máximo de 15.
Gómez Besteiro salientou que “establecemos 2 criterios imprescindibles no concurso: a creación de emprego e a cobertura cara o 100% da provincia ós 365 días ó ano. As beneficiadas cumpren e melloran os requisitos marcados: contratarán un total de 114 efectivos, fronte ós 108 que fixamos como mínimo, que prestarán cobertura as 24 horas os 365 días do ano. Foi tamén vontade deste Consorcio, a posta en marcha das instalacións o 1 de maio, data na que 114 persoas comezarán a desenvolver o seu traballo de forma indefinida. Isto é unha moi boa noticia para a provincia nun momento no que estamos implicados na creación de emprego, e no que, dediquémonos ó que nos dediquemos, a nosa prioridade é o emprego”. Rueda Valenzuela destacou que a posta en marcha dos parques é “un exemplo de coordinación e traballo conxunto”, e subliñou o importante investimento realizado para que sexa unha realidade. Asímesmo, incidiu na importancia de que “a partires do 1 de maio, máis de 100 profesionais das emerxencias, perfectamente formados, estarán preparados para facer fronte ás emerxencias de toda a provincia”.
Cada parque de bombeiros terá 19 persoas: 12 bombeiros-condutores, 6 xefes de quenda-condutores, e 1 xefe de servizo, asegurando a cobertura as 24 horas e os 365 días do ano. Na zona norte, os parques de Barreiros, Vilalba e Viveiro darán cobertura a 25 Concellos: Abadín; Alfoz; Barreiros; Burela; Begonte; Cospeito; Cervo; Foz; Guitiriz; Lourenzá; Mondoñedo; Muras; O Valadouro; O Vicedo; Ourol; Outeiro de Rei; Pastoriza; Rábade; Ribadeo; Riotorto; Trabada; Vilalba; Viveiro; Xermade; Xove. Os de Chantada, Sarria e Monforte de Lemos (zona sur) prestarán servizo a outros 25: Antas de Ulla; Baralla; Becerreá; Bóveda; Corgo; Carballedo; Chantada; Guntín; Láncara; Monforte; Monterroso; O Incio; O Páramo; O Saviñao; Pantón; Paradela; Pobra do Brollón; Portomarín; Quiroga; Ribas de Sil; Samos; Sarria; Sober; Taboada e Triacastela.
O ámbito territorial adscrito a cada un destes parques terá independencia da súa actuación profesional se fose necesario, fóra dos límites do mesmo, a nivel comarcal e provincial, ou mesmo autonómico. A prestación do servizo incluirá: incendios; inundacións; accidentes de circulación; rescates e salvamentos; actividades de prevención, etc. “É dicir, actuarán en todo o ámbito provincial”, afirmou Gómez Besteiro.
Selección, formación e prazos
Mañá, 25 de xaneiro, as adxudicatarias abrirán o prazo de solicitude para participar no proceso de selección. Todos os interesados poderán formalizar a súa inscrición nos vindeiros 15 días. Como mellora do prego, e garantindo a obxectividade das probas, a UTE garante neste proceso a presenza de árbitros da Federación Galega de Atletismo e de Natación, a realización dun test de personalidade, entrevistas persoais e a cobertura médica. Posteriormente, comezarán coa formación do mesmo, que será de 425 horas fronte ás 250 horas como mínimo que se esixían. Ademais, cada efectivo recibirá ó ano 35 horas de formación continua. Pola súa banda Veicar, contará con técnicos do INEF, ofrecerá 300 horas de formación fronte ás 250 esixidas, e 40 de formación continua anuais.
As adxudicatarias rematarán a selección e a formación do persoal antes de maio, data na que o Consorcio garante o pleno rendemento dos parques de bombeiros. Para elo, este mes ou o vindeiro, o Pleno municipal de Monforte aprobará a incorporación das instalacións monfortinas ó Consorcio; a Xunta entregará tamén antes dun mes os parques recén construídos ó organismo, e a Deputación o equipamento adquirido. Consorcio fixou xa no anterior Pleno o mes de maio como a data de arranque dos parques. Deste xeito, no Orzamento 2011 existe unha partida de 2.597.000 euros, o presuposto total que recibirán ó longo deste ano as adxudicatarias, e que percibirán durante 8 meses, dende maio e ata decembro.
Vehículos adquiridos
O Pleno tamén aprobou a contratación dos derradeiros vehículos para os parques, concretamente un camión de rescate en altura de 26 metros que, coma mellora presentada, será de 32, outro desta mesma altura, e un camión BUL por valor de 1.321.084 euros. Deste xeito, todas as instalacións contraincendios contan xa co material externo necesario para a súa posta en marcha. A distribución é a seguinte: Barreiros, 1 camión de altura de 32 metros, 1 camión nodriza, 1 camión BUL e un vehículo de mando; Chantada, 1 camión de altura-mixto de 22 metros, 1 camión nodriza, 1 camión BUL, e 1 camión de mando; Sarria, 1 camión de altura-mixto de 22 metros, 1 camión nodriza, 1 camión BUL, e 1 camión de mando; Vilalba, 1 camión de altura de 27 metros, 1 camión nodriza, 1 camión BUL, 1 vehículo de altura; e Viveiro 1 Camión de altura de 27 metros, 1 camión nodriza, 1 camión BUL e 1 vehículo de mando.
Ó respecto do equipamento interno, é dicir: mobiliario, traxes de protección, ferramentas ou material informático…etc, o Consorcio contempla no Orzamento de 2011 unha partida de 962.717 euros para a súa adquisición. Este material achegarase ás instalacións de Viveiro, Chantada, Sarria e Vilalba, xa que ás de Barreiros contan con el.
No Pleno participaron ademais do Presidente e o Conselleiro, a Delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o Director Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Santiago Villanueva; o Subdirector Xeral de Seguridade e Coordinación do mesmo departamento, José Antonio Fernandez López; o Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao; o Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño; e os Alcaldes de Barreiros, José Alfonso Fuente; Chantada, Manuel Taboada; Sarria, Claudio López Garrido; Vilalba, Gerardo Criado; e Viveiro, Melchor Roel.























O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.