Nota de prensa
A Deputación inicia as obras da Ponte de Arante logo de 7 meses de espera dos permisos da Xunta
– Gómez Besteiro supervisou a posta en marcha dos traballos, os únicos pendentes do plan especial do organismo provincial polas inundacións de xuño que se executou en 40 días
– O Presidente salientou que “nunca unha obra tan urxente tardou tanto tempo e iso que a Xunta non tivo que poñer nin un só euro. A Deputación vai facer unha obra boa e segura que traballando, intentaremos rematar antes de 6 meses”
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este mércores en Ribadeo o inicio das obras de construción da nova da Ponte de Arante. Tratáse dunha infraestrutura en estado ruinoso dende as inundacións de xuño, data na que a Deputación puxo en marcha un plan especial –Plan de Choque- de 1,2 millóns de euros para reparar coa máxima axilidade os danos ocasionados polo temporal tanto na rede viaria provincial, como nas vías municipais, aforrando 300.000 euros ós Concellos. Tal e como acordou entón o Presidente cos Alcaldes da Mariña, o organismo provincial executou en 40 días dito plan, quedando pendente exclusivamente a actuación na Ponte de Arante, ó requirir permiso da Xunta. Concretamente, debía ser Patrimonio quen dese o visto e prace ós traballos ó tratarse dunha infraestrutura situada ó carón do Camiño de Santiago. Malia que a Deputación contactou co Goberno galego ós poucos días das riadas e respostou a todas as súas peticións de forma inmediata, a Xunta tardou 7 meses en desbloquear a situación.
Gómez Besteiro salientou que “nunca unha obra tan urxente tardou tanto tempo e iso que a Xunta non tivo que poñer nin un só euro. A austeridade do Goberno galego, ademais de levarnos á pobreza, é ineficaz. ¿Como se pode tardar tanto en dar un permiso?, ¿cómo os propios departamentos da Xunta non conseguen poñerse de acordo para sacar un proxecto a diante?. A Deputación vai facer unha obra boa e segura que traballando, intentaremos rematar antes de 6 meses. Ademais, se os técnicos valoran que non hai riscos, habilitaremos un paso provisional para os veciños”
A Xunta, responsable da demora
O Presidente destacou que “se hai algún responsable da tardanza destas actuacións é a Xunta”. Deste xeito, lembrou a sucesión dos feitos:
Os continuos contactos da institución provincial co Executivo galego derivan do mes de xullo, cando a Deputación enviou a Patrimonio o proxecto para construír unha nova infraestrutura. No mes de agosto, unha vez que a Deputación xa rematara as restantes actuacións do plan especial, o Goberno galego respostou denegando a demolición da ponte e concedendo o prazo dun mes para que o organismo provincial “xustificase” o proxecto entregado. En menos dunha semana, a Deputación enviou a documentación.
Non foi ata finais de outubro cando o Goberno galego aceptou reunirse cos técnicos provinciais. Neste encontro, o departamento autonómico de Augas de Galicia deu a razón á Deputación, ratificando que era precisa a construción dunha nova ponte. Nembargantes, Patrimonio, tamén da Xunta, colisionou co outro departamento autonómico.
O consenso entre ambos os dous departamentos autonómicos non tivo lugar ata o mes de decembro. Aguas de Galicia e Patrimonio ratificaron a proposta da Deputación e, para que o proxecto fose aprobado antes de final de ano -tal e como se comprometeu o Goberno galego-, a Deputación fixo as modificacións requiridas entregando toda a documentación a 15 de decembro. Nembargantes, e sen ningunha explicación, a Comisión de Patrimonio do 31 de decembro non levou entre os asuntos da orde do día a Ponte de Arante.
Isto provocou que, na Xunta de Goberno provincial do 7 de xaneiro, a primeira do ano 2011, a contratación de ditas obras tivese que quedar enriba da mesa ó non ter o permiso comprometido polo Goberno galego.
A Deputación reaccionou entregando aínda máis documentación técnica para que, finalmente, Patrimonio accedera á aprobación do proxecto e á concesión do permiso o 26 de xaneiro, case un mes despois do prometido. Só dous días despois a Xunta de Goberno da Deputación aprobaba a contratación das obras. Logo de transcorrer os prazos legais establecidos, a Deputación adxudicou as actuacións o pasado venres para iniciar hoxe os demandados traballos. Gómez Besteiro destacou que “traballamos coa máxima axilidade, licitamos a obra en tempo récord e hoxe poñemos fin a un sen sentido”
Unha nova ponte 100% mellor
O organismo provincial tivo que facer continuas adaptacións ó proxecto debido ás diferentes posturas adoptadas pola Xunta. O documento inicial cun orzamento de 156.000 euros e un prazo de execución de 4 meses incrementouse ata 215.700 euros a executar nun prazo inicial de 6 meses que o Presidente prevé reducir intensificando os traballos. “Traballando duro, intentaremos rematar antes do prazo previsto”, reiterou. Tendo en conta o anterior, a Xunta obrigou a aumentar o prezo da obra en case 60.000 euros e o prazo en 2 meses. Besteiro destacou que a Deputación priorizou en todo momento a seguridade dos viandantes. Deste xeito, a nova Ponte de Arante terá as seguintes características: medirá 16,37 metros, terá un ancho de 9 metros distribuídos nunha estrada de 6 metros e en 3 beirarrúas de 1 metro, os estribos serán de formigón revestidos con pedra granítica, e a zona do caudal quedará protexida cunha escolleira. Con isto garántese, ademais do paso de vehículos pesados, e que non se sucedan novos derribos ante posibles riadas. Con respecto á ponte anterior, a Deputación logra mellorala nun 100%.
Encontro coas mariscadoras
Tamén en Ribadeo o Presidente mantivo un encontro coa Confraría de Mariscadoras. 20 membros deste colectivo trasladáronlle ó titular do organismo provincial as súas preocupacións ante as políticas de actuación postas en marcha polo Executivo galego que afectan a este sector. É o caso do último recorte aprobado pola Xunta: retirar as axudas asistenciais de 557 euros mensuais ás traballadoras de máis de 65 anos que non cumpren o período mínimo de cotización. Nalgúns casos, estas subvencións representan a única fonte de ingresos das mariscadoras. Tamén fixeron referencia, á anulación da Lei de Pesca posta en marcha polo anterior Goberno galego que recoñecía dereitos sen precedentes ás mariscadoras, ademais da súa presencia nos órganos de dirección das confrarías, prioridade nas concesións marisqueiras mediante a constitución de cooperativas; ou á retirada do seguro colectivo de accidentes que afecta a 30.000 persoas especialmente ás mariscadoras a pé.



















Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.



