Nota de prensa
A Deputación inicia en Viveiro e Portomarín o reparto de equipos informáticos ós Concellos do Innova-TE
– A distribución do material (ordenadores, portátiles, impresoras, servidores e pantallas multimedia de información) é un paso clave para consolidar o despregue da Administración Electrónica
– O presidente provincial e o alcalde viveirense asinaron o convenio polo que a Deputación transfire unha axuda extraordinaria de 40.000 euros para facer da Semana Santa “a mellor de Galicia”
– Gómez Besteiro anunciou que a Xunta de Goberno aprobará este venres obras de saneamento e abastecemento no municipio mariñano por valor de 220.000 euros, que estarán executadas en tres meses e coas que se manteñen 20 postos de traballo
O reparto de 361 unidades de equipamento tecnolóxico ós 50 Concellos adheridos ó programa Innova-TE da Deputación de Lugo comezou en Viveiro e Portomarín, unha dotación imprescindible para consolidar o despregue da Administración Electrónica e cofinanciada ó 70% pola Unión Europea. Recibiron de xeito totalmente gratuíto ordenadores de sobremesa, portátiles, impresoras e pantallas multimedia, respostando ás necesidades máis urxentes. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, fixo entrega do material en Portomarín e continuou en Viveiro a distribución que está condicionada a que os entes locais demostren a súa implicación na e-Administración. Deste xeito, deben ter aprobada ou en exposición pública a ordenanza municipal imprescindible para poñer en marcha a Administración Electrónica e dar validez legal ós 79 trámites telemáticos que os veciños poderán realizar co seu Concello grazas ó programa da Deputación.
A través do Innova-TE, a Deputación mercou exactamente aqueles equipos que, segundo unha auditoría previa, eran estritamente necesarios nos Concellos para garantir a implantación total e eficaz da Administración Electrónica. O material a distribuír en 50 municipios é: 136 ordenadores, 100 portátiles, 43 impresoras, 32 servidores e 50 pantallas multimedia de información. A súa compra, distribución e instalación ten un presuposto de 1,4 millóns de euros, “un aforro moi importante para os Concellos”, destacou Besteiro.
Por comarcas, a distribución é:
1. A Mariña: 35 ordenadores de sobremesa; 18 portátiles; 10 impresoras; 4 servidores e 9 pantallas.
2. A Montaña: 23 ordenadores de sobremesa; 20 portátiles; 9 impresoras; 8 servidores e 10 pantallas.
3. Ribeira Sacra: 9 ordenadores de sobremesa; 16 portátiles; 6 impresoras; 5 servidores e 8 pantallas.
4. Terra Chá: 33 ordenadores de sobremesa; 20 portátiles; 9 impresoras; 6 servidores e 10 pantallas.
5. Lugo: 10 ordenadores de sobremesa; 8 portátiles; 3 impresoras; 4 servidores e 4 pantallas.
6. Sarria: 18 ordenadores de sobremesa; 14 portátiles; 6 impresoras; 5 servidores e 7 pantallas.
7. A Ulloa: 8 ordenadores de sobremesa, 4 portátiles e 2 pantallas.
Apoio decidido á Semana Santa
O Presidente provincial e o alcalde de Viveiro, Melchor Roel, asinaron este martes o convenio en virtude do cal a Deputación concede unha axuda extraordinaria de 40.000 euros ó Concello para colaborar no financiamento dos actos da Semana Santa. Besteiro cumpre deste xeito a promesa que fixo o 15 de febreiro tras manter unha reunión cos membros da propia Xunta de Confrarías e co rexedor vivariense. Integrantes de varias confrarías estiveron presentes no acto de firma do acordo.
Esta achega sen precedentes, aprobada o pasado venres pola Xunta de Goberno, supón o 25% do presuposto total da celebración e con ela, o organismo provincial quere, en coordinación co Concello, facer da Semana Santa de Viveiro “a máis grande de Galicia e contribuír a que sexa declarada de Interese Turístico Internacional”, afirmou Besteiro.
Precisamente, á proposta do Presidente, os grupos provinciais amosaron no pleno do mes de febreiro o seu apoio unánime a que a festividade reciba este recoñecemento, que sen dúbida merece pola súa tradición, a calidade das súas imaxes e procesións, e a multitude de visitantes que atrae. A cidade do Landro recibe de feito nestes días a unhas 30.000 persoas, duplicando a súa poboación, e os hoteis chegan ó 100% da ocupación. O programa da Semana Santa será presentado o próximo día 8 de abril no Pazo de San Marcos.
Melloras en saneamento e traídas
Gómez Besteiro anunciou por outra banda que a Xunta de Goberno deste venres aprobará dúas obras de saneamento por valor de 219.053 euros que se acometerán no Concello mariñano no marco do Plan Complementario provincial. Consisten na dotación de servizos de saneamento e abastecemento en Caserío e Pallaregas, que teñen 61.632,65 euros de presuposto e un prazo de execución de tres meses, e de saneamento en Granxas e Trasposta, que custan 157.420,07 euros e finalizarán tamén en tres meses. Coa súa execución, a Deputación contribúe a manter 20 postos de traballo.
Trátase das dúas primeiras actuacións adxudicadas, de tódalas previstas no Concello de Viveiro dentro do Plan Complementario, dotadas cun orzamento de 1 millón de euros. Outras quince obras están xa tramitadas, polo que en vindeiras semanas empezaranse novos traballos na localidade.























Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.
As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Asistiron o tenente coronel Rubén García Díez, que é xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o comandante Féliz Rodríguez Alcántara, segundo xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o capitán Miguel Martínez Vilela, xefe da Escuadrilla Plus Ultra da Garda Real; así como persoal da devandita escuadrilla. O obxectivo da xuntanza foi coñecer a labor deste grupo do Exército, as actividades que desenvolve e a posibilidade de que algunha delas se poida levar adiante en Ribadeo. Tamén participaron a concelleira de Seguridade, Montse Seijo, e o xefe da Policía Local, Andrés Redondo.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.
A actividade conta coa colaboración do Concello.



