Nota de prensa:
A Deputación impulsa o comercio e a hostalería de Foz coa “I Festa Normanda de Recuperación da Memoria Histórica”
– No primeiro día do 2º mandato progresista na historia da Deputación, Val Alonso, novo Deputado provincial, presentou a iniciativa organizada pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (ACIA) de Foz en colaboración co organismo provincial
– Celebrarase o 26 e 27 de agosto, cando o municipio mariñao acada os 25.000 turistas, estará ambientada na época medieval e rememorará a derrota dos viquingos
– A celebración combinará a comercialización dos produtos gastronómicos e artesanais, xogos populares, unha escenificación da lenda da derrota normanda, e o nomeamento de Vikingo Maior a un cidadán que leva 50 anos veraneando en Foz
No primeiro día do 2º mandato progresista na historia da institución provincial e tras tomar posesión onte como novo Deputado provincial, José Ramón Val Alonso presentou no Salón de Actos do Pazo de San Marcos unha iniciativa en apoio ó tecido comercial e hostaleiro da Mariña. Trátase da I Festa Normanda de Recuperación da Memoria Histórica que acollerá Foz os días 26 e 27 de agosto. A celebración, organizada pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (ACIA) de Foz en colaboración co organismo provincial, procurará impulsar a economía do municipio e a exaltación da súa historia.
Ademais de Val Alonso, a programación foi presentada polo Presidente da ACIA Foz -José Carlos Paleu López- e o Cronista Oficial de dita localidade -Suso Fernández López-. Arrincará o 26 de agosto coa lectura do pregón que realizará, precisamente, o Cronista. A festa estará totalmente ambientada na Idade Media, rememorando a época das últimas invasións viquingas ó Reino de Galicia a principios do século XII, cando unha flota normanda de 300 navíos tentou invadir Foz ó penetrar pola súa ría. A data de celebración da celebración non é casual xa que, co obxectivo de garantir un alto volume de negocio nos establecementos focenses, terá lugar a última fin de semana de agosto, coincidindo cos derradeiros días de vacacións das máis de 25.000 persoas que visitan o municipio focense durante a época estival. É por iso, que os organizadores agardan acadar os mesmos bos resultados que outras festas mariñanas que tamén souberon combinar gastronomía e historia, e que acabaron consolidándose como referentes no calendario estival.
O feito de que este festexo se presente meses antes da súa celebración débese a inmediata posta á venda dos “cartos de bellón”. Son 2.000 moedas medievais que se poderán mercar nos negocios dos integrantes da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos focenses en colaboración coa celebración desta cita.
“Focencismo”
O Deputado rendeu todo o protagonismo á ACIA, conformada por 130 socios, e agradeceulles a suma de esforzos para sacar adiante proxectos coma este, que se traducen en beneficios para todos. Val Alonso, facendo referencia ó discurso de investidura do Presidente onde reclamaba “lucensismo”, avogou por facer “focencismo” a través de programas conxuntos que sirvan para fomentar a economía. Neste senso, puxo de exemplo o Arde Lucus, lembrando que comezou hai 10 anos sendo unha festa que tamén rememora a historia, neste caso a da capital, e que, “coa suma de esforzos”, logrou consolidarse e traer grandes beneficios á provincia.
Ademais, o novo membro da corporación provincial concretou a acción do próximo Goberno progresista en medidas que beneficiarán á Mariña luguesa como: a creación da empresa provincial de turismo, conseguir a declaración do Camiño do Mar como ruta oficial xacobea por parte da Xunta de Galicia ou a negociación co Goberno Central para a consecución da Autoridade Portuaria en Lugo, entre outras.
Programa
A celebración arrincará o venres 26 de agosto, ás 20:00 horas, no Bispo Santo, coa lectura do pregón oficial. O sábado 27 de agosto, a xornada comezará ás 12:30 horas, no Porto Chico onde estarán instalados os postos de artesanía e comercialización de produtos autóctonos máis os xogos populares para persoas de todas as idades. Tamén terá lugar unha escenificación teatral que revivirá a lenda sobre a derrota normanda en Foz e que dicía o seguinte:
Un día apareceu en Foz unha enorme escuadra de preto 300 naves normandas. Todos os habitantes se atemorizaron ó ver que os viquingos tentaban conquistar a localidade mariñana e acudiron ó bispo. A súa reposta foi iniciar unha procesión dende a Basílica ata o alto da Cruz de Agrela, refuxiándose no Pico da Lebre. O bispo pediulles que contaran as naves e logo que se puxeran de xeonllos para rezar, volvendo repetir o proceso varias veces. Cada vez que contaban, o número de barcos reducíase ata que non quedou ningún. Dende entón, o relixioso pasou a ser o Bispo Santo.
Na súa homenaxe hai un monte e unha capela co mesmo nome. Ademais, o Museo da Catedral de Mondoñedo de Foz acolle o seu sepulcro, báculo e anel.
A festa rematará co nomeamento do Vikingo Maior. Será José Luís Muñoz, un turista fiel de Foz que leva 50 anos veraneando na localidade mariñana. Posteriormente, tal e como recolle o programa, a derradeira actividade será a partir das 20:30 horas co “desembarco na hostalería”: unha invitación ós establecementos focenses deste sector.




















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



