Afirma que Galicia segue afondando na senda do aforro farmacéutico e avanza que a adaptación do Catálogo Priorizado de Fármacos de Galicia á nova normativa permitirá un aforro adicional de 3,5 millóns de euros mensuais, un total de 40 millóns anuais
Feijóo destaca a mobilización, coa sinatura de dous convenios, de 90 millóns de euros para investimentos en materia de sanidade pública co obxecto de buscar a eficiencia nas prestacións sanitarias a través da innovación
Salienta que a iniciativa INNOVA-Saúde permitirá a posta en marcha de 14 proxectos para mellorar os servizos de asistencia a domicilio; “traballar en novas ferramentas relativas á teleasistencia e á telemonitorización e, en definitiva, á hospitalización domiciliaria”
Sostén que o Proxecto de Innovación Hospital 2050 servirá para comezar a definir o hospital do futuro en Galicia e que poda servir de exemplo para o Sistema Nacional de Saúde. “Vamos, a estudar un novo hospital do futuro con novos sistemas de xestión integral de pacientes, con robotización hospitalaria e con eficiencia enerxética”
Avanza, tamén, a aprobación dunha achega de 3,6 millóns de euros para financiar 28 investigadores nas tres universidades galegas ata o ano 2013
Santiago, 27 de outubro de 2011.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou esta mañá, na rolda de prensa do Consello, a mobilización de 90 millóns de euros para investimentos en materia de sanidade pública, a través da sinatura de dous convenios financiados con Fondos Feder do Ministerio de Ciencia e Innovación e con fondos da Comunidade, co obxecto de buscar a eficiencia nas prestacións sanitarias a través da innovación. “Hoxe, -explicou- aprobamos dous convenios que buscan o mesmo: innovación sanitaria para atopar eficiencia na mellora continua dos servizos sanitarios públicos”.
Deste xeito, o titular do Goberno galego subliñou que o primeiro convenio, INNOVA-Saúde, con 45 millóns de euros, permitirá a posta en marcha de 14 proxectos para mellorar os servizos, basicamente, de asistencia a domicilio, utilizando novas tecnoloxías. “Imos a traballar en novas ferramentas relativas á teleasistencia e á telemonitorización e, en definitiva, á hospitalización domiciliaria”.
O resultado final desta iniciativa poderá ser analizado desde dúas perspectivas: a perspectiva sanitaria, “con fondos de innovación vamos a enfocar ferramentas para un novo modelo de hospitalización do tratamento dos procesos agudos, que é a atención domiciliaria”; e a perspectiva empresarial, “xa que estes 45 millóns de euros poden supoñer a creación de 20 novas empresas e a creación de 500 postos de traballo”.
O segundo proxecto, que supón tamén un investimento de 45 millóns de euros, recibe o nome de Proxecto de Innovación Hospital 2050 e servirá para comezar a definir o hospital do futuro en Galicia e que poda servir de exemplo para o Sistema Nacional de Saúde.
Neste sentido, Feijóo precisou que o hospital do futuro terá que estar baseado na eficiencia -enerxética e de custes de mantemento-, no respecto ao medio ambiente, adaptado e con moitas máis tecnoloxías que ata o de agora e, por suposto, centrado no paciente. “Vamos, polo tanto, a estudar un novo hospital do futuro con novos sistemas de xestión integral de pacientes, con robotización hospitalaria e con eficiencia enerxética”, aseverou.
O presidente da Xunta subliñou que “con estes dous proxectos preténdese, en definitiva, sentar as bases de cómo poderán ser as prestacións sanitarias do futuro e cómo deberán ser os hospitais do futuro do Sistema Nacional de Saúde”. “E seguimos incidindo –engadiu- en dúas estratexias clave deste goberno: o Plan I2C de Investigación, Innovación e Crecemento e a Estratexia SERGAS 2014”.
Programa de estabilización de investigadores
Durante a rolda de prensa, o responsable do Goberno galego avanzou, tamén, a aprobación dunha achega de 3,6 millóns de euros para financiar 28 investigadores nas tres universidades galegas ata o ano 2013. “Continuamos –afirmou- desenvolvendo o programa de estabilización no ámbito da investigación pactado co sistema universitario galego. Non só temos que atraer novos investigadores con talento contrastado, senón evitar que se marchen”.
“Polo tanto, desde o 1 de xaneiro de 2010 ao 30 de xuño de 2011, todos os que finalizaron os seus períodos de investigación e que teñan a certificación do Programa Parga Pondal e conten coa acreditación Manuel Colmeiro quedaranse ata o ano 2013 con becas de investigación financiadas con fondos públicos”, aseverou.
Afondando na senda do aforro farmacéutico
Na súa comparecencia ante os medios, Alberto Núñez Feijóo subliñou que, do mesmo xeito que Galicia adaptou medidas de aforro farmacéutico antes que ninguén, agora “Galicia adapta o seu Catálogo ás novas medidas de compromiso co aforro farmacéutico antes que ninguén”. Referiuse así á decisión tomada hoxe polo Consello de adaptar o Catálogo Priorizado de Fármacos de Galicia á nova normativa estatal, que na práctica supón a súa extensión desde os 48 principios activos iniciais ata 418, e que entrará en vigor o vindeiro 1 de novembro.
O presidente da Xunta indicou que con esta medida, o Goberno galego “decide seguir apostando pola política de medicamentos a menor prezo”, de forma que “nos adaptamos de forma inmediata á normativa do Ministerio de Sanidade e continuamos na senda dos prezos menores, que é a senda que inspirou este Catálogo galego e que, polo que se ve, é un Catálogo que se amplía ao sistema nacional de saúde”.
Feijóo lembrou que o Catálogo Priorizado de Fármacos responde ao compromiso da Xunta de “buscar e atopar todas as capacidades de xestión eficientes para manter o sistema sanitario público en Galicia”. Nese sentido, indicou que o Catálogo xa permitiu, nos nove primeiros meses do ano, acadar un aforro de 76 millóns de euros, 300.000 ao día, que supoñen unha diminución do gasto farmacéutico do 10,87%, “a maior baixada do gasto farmacéutico desde a transferencia do INSALUD á Comunidade Autónoma”.
Ao integrarse os novos principios activos, subliñou Feijóo que se producirá un aforro adicional de 3,5 millóns de euros mensuais, un total de 40 millóns anuais que se veñen sumar aos 100 millóns de euros de aforro previstos inicialmente polo Catálogo galego, o que significa, indicou, “que o próximo ano teremos un gasto farmacéutico máis contido e teremos sen dúbida unha sanidade pública con máis futuro que o que tiña antes de empezar estas políticas farmacéuticas”.




















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



