Os recortes sanitarios chegaron a Ribadeo
A poboación e o persoal sanitario levamos padecendo recortes en sanidade ao longo de todo o ano 2011. No primeiro semestre do ano foron máis discretos. No verán xa se deixaron sentir con máis claridade, cando diminuíron as substitucións de persoal en comparación con anos anteriores, precisamente nun concello costeiro e turístico onde neses meses a poboación aumenta considerablemente. Pero agora xa é de escándalo. Un exemplo: no Centro de Saúde de Ribadeo o cadro de enfermaría reduciuse a un 60% durante o último trimestre do 2011, se se suman vacacións, días libres pendentes de disfrutar, baixas por enfermidade e outras situacións de ausencia. No caso do persoal médico acontece o mesmo en proporción moi semellante. O persoal administrativo que atende no mostrador e no teléfono, e que ademais se encarga do almacén, do arquivo, do mantemento e de toda a burocracia (que é moita) pasou de 5 a 4 persoas na quenda de mañá, e así poderíamos seguir co resto do persoal.
Ante isto, cal é a resposta que a dirección de Atención Primaria nos dá cando lle pedimos efectivos que cubran estas necesidades? Pois anuncian que non vai haber substitucións e que o persoal que quede ten que atender “só o imprescindible”. Di que deixemos de facer atención a pacientes crónicos e que só fagamos atención do urxente e do que non pode esperar (e ás veces a percepción da urxencia é distinta para pacientes que para profesionais). O método que usa a xerencia de Atención Primaria é o de “bloquear as axendas de citas” nos días en que ese persoal se ausenta, polo que os pacientes que estaban citados nela desaparecen deses listados. Para entendernos: cando os/as profesionais sanitarios nos ausentamos, a poboación á que habitualmente atendemos só ten dereito á atención urxente. No caso de que a ausencia sexa de varios días, pode ser que ese/a paciente teña atención médica un día si, e un día non. Seguramente os pais e nais que levaron ás crianzas á consulta nestas vacacións de Nadal saben que, en ausencia da enfermeira de pediatría, outra enfermeira asumiu a atención “imprescindible”, deixando para iso de facer parte do seu traballo habitual. Polo tanto, todo o que é prevención e educación sanitaria pouco a pouco vaise deixar de facer por unha imposibilidade horaria, xa que hai que atender moitos máis pacientes no mesmo tempo.
E todo isto, transmitido unicamente de maneira verbal, por parte da xerencia de Atención Primaria. A pesar de pedir por escrito que se nos remitan os criterios de substitucións e outras normas de actuación, esta información só nola dan telefonicamente, pois son conscientes de que están a incumprir a lei, que afirma que se substituirá ao persoal ausente sempre que haxa persoal nas listas de contratación (como é o caso). Actúan dunha maneira covarde, escudándose na crise para que sexamos o persoal dos centros de saúde os que lles teñamos que recortar servizos á cidadanía. E nós (e moito do persoal que con nós traballa comparte este sentimento) imos traballar diariamente dubidando de se o que debemos facer é cumprir estritamente co traballo que a cada unha nos corresponde, ou seguir traballando por riba dos nosos horarios, seguir atendendo a máis pacientes, seguir presionadas e hai días que, poden crelo, extenuadas. De calquera das maneiras, quen nos está a levar por este camiño sae gañando: se nós sacamos o traballo adiante, a pesar dos recortes, entón dinnos que sobra persoal; e se non o facemos, entón estamos contribuíndo ao obxectivo último deste goberno, que non é outro que o de acabar coa sanidade pública.
Pero ademais de afectar ao persoal sanitario, en última instancia quen sofre recortes é a poboación, porque lle están quitando o dereito a unha sanidade de calidade. Non se pode ofertar unha atención de calidade cando unicamente se atende á necesidade do momento. Estamos retrocedendo anos e anos na atención. Estamos volvendo a axendas de traballo onde un médico/a ten que atender a 60 pacientes no día e a unha enfermería de curar feridas e de poñer inxeccións, como hai 30 anos. Isto é malo para a saúde da poboación, pero tamén para o desenvolvemento dos profesionais. A nós non nos gusta abandonar o modelo de atención que estábamos facendo, e que ía cara ao aumento da carteira de servizos e de servizos de calidade. Non nos gusta levar máis dunha hora de retraso na atención dos pacientes; non nos gusta facer unha atención como se permanentemente estivésemos en estado de alerta sanitaria, non nos gusta que en ocasións queden sen visitar pacientes que “desaparecen” dos listados porque o profesional que os atende enfermou.
E a culpa quen a ten? É culpa da crise, dos políticos que nos gobernan ou dos intereses privados? Porque, se a sanidade pública se deteriora, o seguinte que pasará é que dende a iniciativa privada se oferten servizos concertados en entidades privadas. De feito xa saíu na prensa que na provincia de Lugo o presuposto para a atención concertada vai aumentar en 4 millóns de euros. Catro millóns de euros que se sacarán da sanidade pública. En definitiva non só se trata da cantidade de cartos que hai, senón de como se reparten.
Maria del Mar González Méndez e Dolores García Docobo
Enfermeiras do centro de saúde de Ribadeo




















A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.
López Campos salientou o apoio da Xunta a esta cita pola súa relevancia cultural e polo seu papel na dinamización do rural, así como pola forte implicación veciñal que a sostén. Durante o acto, entregou un dos premios do concurso escolar de relato e debuxo, integrado nun programa que combina artesanía, produtos de calidade, obradoiros e música. Pola súa banda, Iria Castro percorreu os postos das filloeiras, que ofreceron centos de racións deste doce tradicional aos numerosos visitantes. A deputada tamén visitou o punto de degustación de xamón de porco celta do programa Un gusto de rural, un rural degusto e o posto de divulgación Lambiscadas Científicas, dúas propostas impulsadas coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación e integradas na programación da feira.
Carlos López destacou que a Deputación colabora con esta cita –a través dunha achega de 3.000€- porque é unha das celebracións gastronómicas máis coñecidas do norte de Galicia, capaz de poñer en valor a tradición culinaria e a riqueza natural do entorno. Durante toda a mañá tiveron lugar na contorna da Praza dos Fornos os concursos de lance e mosca, unha exhibición de pesca, a pesada e as clasificacións. Xa pola tarde, tras a entrega dos trofeos, tivo lugar a verbena a cargo de Suavecito e Pedro Bermdez.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA. O acto terá lugar o venres 8 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
A área de Deportes reforzará o seu respaldo ao club cunha subvención excepcional ligada á presenza neste torneo estatal. O vicepresidente Efrén Castro visitou este mércores o equipo en Castro Ribeiras de Lea para trasladarlles ánimo e destacar a importancia de competir a este nivel para dar visibilidade ao deporte feminino e avanzar na igualdade. Ademais deste apoio puntual, a Deputación financia de maneira estable a actividade do club cunha subvención nominativa de 70.000 euros, a principal achega institucional ao seu funcionamento.
A función está dirixida ao público adulto e a entrada será de balde, ata completar aforo. O evento conta coa colaboración do Concello. Unha nova oportunidade para gozar do teatro local e apoiar o traballo das compañías da comarca.



