23 de abril de 2012. A FEG, da que fai parte ADEGA, advirte dunha nova ameaza para os montes galegos: os cultivos enerxéticos. A Xunta está a preparar ás caladas unha [pdf] Orde que permitirá a plantación de até 100 ha continuas, mesmo de especies alóctonas (xéneros Eucaliptus, Leucaena, Paulownia, Liquidambar ou Liriodendron) os tres primeiros invasores ou eon potencial invasor, para queimar nas plantas de biomasa. Nos últimos meses, a Xunta está a acelerar a máquina lexislativa coa modificación, estratexicamente estudada, de multitude de leis relacionadas cos montes. Arestora están na fase final da aprobación os proxectos de plantas de biomasa forestal primaria, en trámite a nova Lei de Montes, e a Xunta ten tamén intención de modificar a Lei de Montes en Man Común ao que hai que engadir esta orde regular os cultivos enerxéticos. Incendios forestais, incineración de residuos e agora cultivos enerxéticos… Que teima ten a Xunta con queimalo todo!
Comunicado da FEG (Federación Ecoloxista Galega)
A Federación Ecoloxista Galega considera que a nova regulación que está a deseñar a Xunta de Galicia con respecto aos cultivos enerxéticos é unha gran ameaza para os montes galegos. Os cultivos enerxéticos son aqueles cultivos forestais intensivos que teñen como destino final a súa queima para obter enerxía. O borrador da Orde que prepara a Xunta de Galiza permite realizar plantacións intensivas de alta densidade con extensións de até 100 hectáreas de especies alóctonas e invasoras como a leucaena, a paulownia, o liquidambar, o liriodendron ou o eucalipto.
Os cultivos enerxéticos precisan de grandes cantidades de abonos, auga e pesticidas, contando tamén con densidades moi elevadas. Esta clase de cultivos resulta moi agresiva co medio debido aos ciclos de corta reducidos de 3 ou 4 anos, degradando o solo e eliminando a súa fertilidade. Por outra banda, os cultivos enerxéticos constitúen un paso máis na perda de biodiversidade dos montes e na desaparición das masas forestais autóctonas.
A Federación Ecoloxista Galega denuncia que a orde non se atopa en exposición pública, aínda que foi presentada na mesa da madeira e moitos colectivos están a preparar alegacións. Ademais, anuncia a súa oposición á intención da Xunta de cultivar árbores e arbustos, algúns alóctonos e invasores, para queimar. A Xunta, que non é quen de controlar os lumes forestais ano tras ano, promove agora a queima do que se cultive.