Máis de 100 persoas xogaron ao fútbol sala 3×3 incluído nas Noites Alternativas
-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e as edís de Deportes e Educación entregaron as medallas
Cervo, 3 de agosto de 2012-O torneo de fútbol sala 3×3 que se estivo desenvolvendo entre o martes e o xoves desta semana na praza dos Campos de San Ciprián chegou á súa fin. Case 120 persoas dun amplo abano de idades distribuídas en 29 equipos mixtos participaron nesta actividade incluída nas Noites Alternativas, o programa que enche de deporte e entretemento as horas de lecer nocturno.
O remate do torneo, na noite de onte, estivo marcado pola entrega de medallas nas distintas categorías, como son sub 10, sub 12, sub 15, sub 17 e sénior. No acto estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Deportes, Yolanda Pedreira e a de Educación, Pilar Armada.
Tras do remate desta actividade, as Noites Alternativas continúan con máis deporte. O vindeiro martes, ás 22:00 horas, arrincará o torneo de baloncesto 3×3 na praza dos Campos de San Ciprián, no que poden xogas homes e mulleres de todas as idades “co obxectivo de que exista unha participación elevada que faga o torneo máis entretido e permita contar con máis equipos e organizar máis partidos” explica Yolanda Pedreira. Para participar só é necesario achegarse ata o lugar de celebración o día do inicio. Con este torneo de baloncesto daranse por finalizadas as Noites Alternativas deste verán 2012.